Opinión
XOSÉ RAMÓN PENA
Sorpirs d´Espanya
Adiviños, vates, profetas, sorteiros, magos... -"endevís, "mags" e "profetes", dito/escrito sexa no idioma do, seica, moi luciferino tripartito que (mal)goberna Catalunya-lunya-nya- de toda sorte e condición andan nestes días, talmente coma tolos, a contemplar o voo das aves; a procurar na auga e mais no lume; a indagar nos pousos do café -e mesmo doutras infusións/efusións que, por elemental prudencia, imos calar aquí e agora-; a espreitar nas órbitas dos astros; a escrutar nas vísceras dos animais; a investigar no horóscopo occidental, no maia e no da China; a explorar os misterios da bóla de cristal... en fin, a escavichar, pescudar e inquirir en calquera sorte de medio e/ou lugar a confirmación daquilo que, dito sexa de paso, xa dictaminaron coa súa habitual mestría. Porque é tal que, na mesma hora na que Vdes., sempre moi amables lectores destas crónicas semanais, están a ler as presentes liñas, ben pode suceder que xa non nos encontremos ao borde do abismo, senón definitivamente perdidos dentro del: aí, nesa materia escura, nese buraco negro e terrible, consecuencia do colapso final de España por causa e efecto dos maléficos experimentos efectuados por ZP e demais aprendices de bruxo adxuntos á Moncloa.
Así pois, polo visto, nada -ou moi pouco- é o que vai quedar de España, segundo explican -aterrorizan- os máis inefables agoiros. Que queren que lles diga/escriba, daquela, un servidor? Pois, vale, ao peor resulta que teñen razón e estamos nas últimas, pero...
Pero sabido é que se por algo son coñecidos os profetas é polo absoluto disparate das súas profecías; vamos, que a inmensa maioría dos tales adiviños non acertan nin a dicir correctamente o seu nome. E permíntame que acuda á súa, á de Vdes. mesmos, boa memoria.
Verán: cando, finalmente, nos ía deixar "orfos" o moi invicto Caudillo, foron eses mesmos, ou moi semellantes, videntes os que anunciaron, nin máis nin menos, que unha nova Guerra Civil.. Un pouco máis adiante, cando se discutiu a cuestión das autonomías -e a súa presenza, en forma de "nacionalidades históricas" e/ou "rexións" na vixente Constitución-, de novo xurdiron os profetas, para advertirnos de que estabamos á beira do precipicio. En fin; os tales vates tiveron o seu (breve) momento de gloria aquel 23-F -it´s been a hard day´s night!-, toda vez que chegaron a proclamar: "Xa volo dicía eu!". Pero o Caudillo pasou , as autonomías non nos levaron ao pecado, e o 23-F apenas quedou como unha triste páxina nos libros de historia. Polo tanto: e se resulta que, a pesar dos pesares, malia tanto e tanto agoiro -e homilía e sermón- sinistro como vai... resulta que ZP demostra, de veras, habilidades máxicas? Vaia; se algúns xogan a profetas... permitan os lectores que, por unha vez, este humilde cronista xogue a politólogo de fin de semana e café "con gotas".
Tal semella que, máis tarde ou máis cedo, D. Pasqual -Maragall, naturalmente- acabará co tripartito, ou o tripartito con el. Iso significa, loxicamente, eleccións anticipadas e, desde logo, se as enquisas non andan erradas, estaremos nun empate entre PSC-CiU. O que, á súa vez determina a necesidade de reorganizar o goberno catalán. Como? Certamente, non a partir dun novo tripartito. Tampouco desde unha alianza CiU-ERC, dado que os seguidores de Carod Rovira entenden ben que nun goberno tal, con maioría converxente, sería sempre D. Artur Mas quen tería a chave das esenciais nacionalistas -que non independentistas. Así as cousas, non semella tan imposible un acordo PSC-CiU; ou o que é o mesmo e traducido: Artur Mas devolveríalle o poder aos seus, algo que precisa xa o post-pujolismo como precisan auga os encoros e mais as présas de Cataluña e de toda a Península. Xa postos no vaticinio, cabe supor que ao PSOE non lle importaría perder brillantemente esas eleccións: deste xeito, poderíanlle dicir "adéu" a Maragall ao tempo que, en Madrid, ZP ate e reate unha nova alianza PSOE-CiU que permita sacar adiante o Estatuto -o estatuto recordado, pero de común acordo- e que, chegado o caso, mesmo poida abrir as portas a unha nova xeira dentro do PP, esgotado logo deste titánico e derradeiro esforzo do post-aznarismo por desfacer todas as obras erguidas a partir do 14-M. Con ERC condenada, outra vez, ao curruncho dos parvos -por máis que eles proclamarán a súa incorruptibilidade na defensa dos intereses e bla, bla, bla-... que máis se podería pedir?
Naturalmente, todo o anterior é puro tarot; agora ben, tan lóxico e posible -xulguen Vdes- como esoutros nos que unha e outra vez saen as mesmas aciagas cartas. Poida, daquela, que algúns non durman crendo escoitar arreo as notas de "Els Segadors". Acouguen, que tan só son esoutras de "Sospirs d´Espanya".
- «Vivo con la angustia de si va a conseguir salir para quitarse la vida»
- Qué es el mieloma múltiple, el cáncer incurable que sufría el presentador de TVG Xosé Manuel Piñeiro
- Marián Mouriño le promete un empujón a la audiencia de Broncano: «No puedo dedicarte goles, pero te voy a dar un patrocinio»
- El ciclón bomba Éowyn asusta en Irlanda, mientras Galicia incrementa las alertas
- Allariz despide a su ilustre vecino Superpiñeiro que deja un emotivo mensaje en su esquela
- Una deuda de 215.000 euros ahogó la segunda vida del clásico restaurante Follas Novas de Vigo
- Muere de repente un vecino de Bueu en la rampa del muelle
- Querido Piñeiro