Opinión

X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Harold Pinter en Galeuzka

Nan me fagan caso: eu son tendencioso. Teño, oh, a impresión de que o bloque de columnistas e esbardallantes que agoiran a desmembración de Hespaña (Castelao escribía así para facer dixeríbel a noción ou a nación) son os mesmos que se senten fatal ao coñecer que outro escritor de esquerda, Harold Pinter, tras de Dario, tras de Elfriede, tras do bon do Saramago, mellor que non saiban que tras de Seamus, de outras e outros, recibía o Nobel. E recibíao en lugar de alguén, calquera, que fose dondo/a, multicultural, aberto, necio. Estes dereitistas sentíronse moi consortes dun académico demisionario sueco que protestou pola imposición esquerdista dos seus pares, todos, ao que el dicía, de Olaf Palme. O tal señor, moi cheo de razón, teorizaba en literatura (cousa árdua desde Aristóteles) sobre a novela de Jelinek, á que lle tribuía todos e cada un dos males do relato contemporáneo: por aí lle leran a cartilla a Joyce os censores do seu tempo, que non impresionaron a Otero. Jelinek (pró sueco e prós neocarasoles): inmundicia, sexo, brutalidade, nihilismo, mosaico, devertebración. Non, o sueco, e os falabarato ecoantes, non falaban de Jelinek: sen o saber, malpocados, estaban a definir San Camilo 1936, a Marzurca, se me apremedes, mesmo o da tola que falaba co seu fillo morto. Todo volta, unha e outra vez, ao tema sempiterno da Hespaña (sic) Intertebrada.

Admiro a cultura dos columnistas e faladores do macizo de la Raza. Todos parecen familiarizados coas letras de Harold Pinter. Mesmo semella que estes indignados sexan fondos coñecedores do seu teatro (á súa poesía non lle tocan, madialeva).

Ocorre que o teatro de Pinter foi publicado principalmente (no Estado) en Cataluña e en catalán, segundo consta nos dados oficiais do ISBN (Ministerio de Cultura, Madrid) que un editor próximo me pon dediante. Nada menos ca cinco volumes cos dramas de Pinter viron a luz na lingua de Maragall (falo de autor da Oda a Espanya, que con ny, resulta un mundo menos indixesta) en Edicions 62, Arola Editors e Institut d´Edicions da Deputación de Barcelona.

Asimesmo, viron a luz dous textos de Pinter en galego (traducidos por Vieites) en Edicións Xerais de Galicia, e foi algún deles representado -teño entendido que con moito acerto- so a dirección do Xulio Lago e de Daniel Romero.

En canto á lingua A (a do que os etólogos de Lorenz identificarían coa do macho alfa), resulta que en Hespaña só se coñece un volume en castelán de Harold Pinter, mais, ai, publicado pola editorial vasca Argitalatxe Hiru. Xa ven vendo as conexións hispánicas de Pinter: Cataluña, Galicia, Euskadi. "Yo no digo mi canción/ sino a quien conmigo va".

Estando dado que os comentaristas da dereita apocalíptica non len catalán nin galego e a lectura da edición castelán feita en Euskadi podíalles producir un episodio de Urticaria de Vázquez (variedade histérica moi ben descrita e sen antihistamínico adecuado) e estando dado que os editores de Argitaletxe Hiru son Eva Forest e Alfonso Sastre, madrileño exilado, éste, nos territorios da esquerda abertzale, só nos resta supór que a idea que os hespañolitos teñen de Pinter procede da lectura directa que deste autor eles fan en inglés. Pro, certamente, non creo tal e mesmo sospeito que escriben e falan de Pinter pola chuleta que lles pasa Google.

Harold Pinter, hoxe por hoxe, é hóspede moi querido dos espazos editoriais de Galeuzka. Madrid nin sabe del. Ao mellor este detalle sérvelles a algúns para pensar na condición, queiras que non, que Galicia, Euskadi e Cataluña teñen. Nacións? Home non! E moi cultas.

Tracking Pixel Contents