Opinión
X. L. MÉNDEZ FERRÍN
Sen Xuntas de Freguesía
Unha moi vella aspiración (teórica) da Galicia ilustrada é o recoñecemento da personalidade xurídica das parroquias. Nos textos nacionalistas, penso eu, este asunto forma parte do núcleo do programa nacionalista: da Asemblea de Monforte aos nosos días a posta en vigor da parroquia civil foi unha reclamación constante que tendía a correxir o modelo de municipio liberal, pensado para as poboacións concentradas, e non dispersas como as nosas, de Castela.
De feito, foro varias as leis de réxime local españolas que permitiron no pasado a creación de entidades administrativas locais inferiores ao municipio. Tanto na lei de réxime local española como na aprobada polo Parlamento Galego recoñécese a posibilidade de pór en práctica as parroquias administrativas. O curioso é que ningún goberno municipal galego, que eu saiba, creou ningunha parroquia administrativa no período posterior á morte de Franco, aínda podéndoo facer e estando gobernada por nacionalistas ou por coalicións nas que os nacionalistas estaban presentes. Polo contrario, as chamadas Xuntas de Distrito comenzan a funcionar en canto pasamos as raias da provincia de Ourense e entramos no Bierzo e nas Portelas galegofalantes. En Castela-León, en Madrid, nas Asturias e noutras comunidades autónomas funcionan as entidades administrativas inferiores ao municipio porque houbo movementos políticos que pensaron que iso era bon para a democracia, e sen dúbidad é o dado que achega, como é vulgar decer, a administración ao administrado.
E polo Sul? Polo Sul está Portugal, cuxa lexislación sobre autarquías define a administración municipal en dous niveis: a Junta de Freguesía e a Cámara Municipal que articula varias daquelas. A Junta de Freguesía funciona, nunha lei única, en toda a República: así no Norte poboacionalmente idéntico a Galicia como no Sul onde existen grandes povos concentrados; así nas cidades, onde a Junta de Freguesía se corresponde cun barrio, como nos concellos máis rurais. Dá a sensación de que a lexislación portuguesa en materia de administración local estivese feita á medida de Galicia e da súa realidade de poboamento, histórica e cultural, e así o demostrou X.A. García Crego nun traballo que fixo época e que publicado nos anos oitenta en Espiral.
A resistencia dos partidos galegos a pór en práctica a Xunta de Freguesía, incluído o partido que se reclama herdeiro de Castelao, chama poderosamente a atención. E debe de haber algunha razón pola que o alcalde nacionalista de Allariz, Anxo Quintana, que se luciu como excelente administrador, non a puxese a andar, poño por caso, a Xunta de Freguesía dunha entidade tan importante desde o punto de vista histórico, monumental e cultural como é Santa Mariña de Augas Santas. Poñamos por caso.
Todas as entidades locais menores que existen en Galicia veñen de antes do actual réxime ou de antes do franquismo mesmo. Son as de Berán (Leiro), Morgadáns (Gondomar), Pazos de Reis (Tui), Queimadelos (Mondariz), Chenlo (O Porriño), Camposancos (A Guarda), Arcos da Condesa (Caldas de Reis), Villasobroso (Mondariz) e Bembrive (Vigo). Coido que non hai máis. Acaban estas de se reunir e de formar unha federación. Son como unha rareza cando todas as parroquias rurais, semirrurais e barrios urbanos de Galicia deberían contar coa súa Xunta de Freguesía elexida por sufraxio directo e co seu vigoiro á cabeza.
- Rueda, sobre la manifestación de hoy en Vigo en defensa de la Sanidade Pública: «Van por otro lado de lo que siente la mayoría»
- Última llamada de auxilio de la protectora: «Los perros no salen a pasear desde octubre»
- Fallece en plena calle de un infarto en Oviedo después de que la ambulancia que iba a socorrerle se accidentase
- Detenido uno de los enlaces gallegos de la banda albanesa que trató de desembarcar 1.100 kilos de cocaína en Arousa
- Un buen chico y un gran amigo que siempre tenía una sonrisa
- Una prórroga al sistema y a Televisión Española
- El Celta lleva al límite al Madrid, pero contra 12 no puede
- Abren los primeros furanchos de Pontevedra, con un catálogo de 11 tapas a elegir