Opinión

X. L. MÉNDEZ FERRÍN

O Turco ás portas

Existe unha maneira de se sentir europeo revestida de inocencia. Consiste en se gratificar e en se autocompracer na sensación de que os europeos constituimos unha comunidade cultural de caracter moi cohesionado e, desde logo, superior. Os españois europeístas soen facer tanto o ridículo como os animaliños hitlerianos do arrabalde barceloní que non saben que serían o obxecto do máis alto desprezo por un nazi de verdade pola súa condición racial inferior e nacional non xermánica. A Europa que mudou as mentalidades e creou a filosofía e a ciencia para extendela polo mundo coas baionetas da tropa colonial, si. Pero Platón, Newton, Descartes, Darwin, Saussure, Marx, Freud... non eran españois. Ortega y Gasset?, -preguntaría o europeísta inocente. "Primer filósofo de España y Quinto de Alemania", que dixeran un día os franquistas da Codorniz. Claro que hai unha identidade europea e universal en ciencia e cultura, pero a España que non pode ser desmemembrada nunca formou parte dela. España, hábil no militarismo na Reconquista e na predación das Américas, pode dar leccións de relixión e práctica de torturas e de persecución da liberdade de pensamento. De esa Europa negra das Inquisicións varias (a roupa negra de Filipe II e a roupa negra de Cronwell) España é nai e mestra. No que se refire ao racionalismo, á ciencia, a teoría e práctica da política liberadora, España non contribuiu a Europa con nada. Agora lexións de españois con complexo de inferioridade curan o seu malestar créndose europeos e falando mal de Carod-Rovira.

Polo Leste ven, como nos días da conquista de Bizancio e do cerco de Viena, O Turco. Se os descendentes do Imperio Otomano petan nas portas da UE é porque son un pobo marcada por un Destino: abandonar as chairas e as montañas de Oriente e entrar en Occidente. Durante séculos o turco humillou nacións europeas como as dos gregos, dos albaneses, dos serbios, dos búlgaros, dos macedonios. Non máis onte, xa no século XX, os turcos, cuxo imperio agonizaba, masacraron a nación armenia indoeuropea nun exercicio brutal que levou por primeira vez o nome de xenocidio. Entrenados nel, os Xovens Turcos de Mustafá Kemal Atatürk puxeron en pé unha modernización e unha laización do País de signo totalitario e militarista. E nestas siguen os turcos: por unha banda asoballan os kurdos e lles prohiben mesmo chamarlle á súa lingua (indoeuropea tamén) polo seu nome e, pola outra, constitúen o máis fiel, constante, incondicional aliado dos EE UU na zona.

En realidade, o único de europeo que ten Turquía é a lingua dos kurdos. O resto é imitación do militarismo alemán e, agora, un renacemento islámico que vén sumarse perigosamente ás insinanzas de Atatürk. Queren que isto entre na UE. Interésalle sobre todo aos EEUU, e interésalle o ingreso de Turquía en compaña de países do Leste como Ucraíña en pleno furor neoliberal para os EEUU impoñeren o seu mando nunha Europa na que, en gloriosas ocasións, en Francia e noutros lugares a disidencia faise presente. O mellor de Turquía estivo e está nas prisións políticas e no exilio: a esa Turquía decimos sí.

Tracking Pixel Contents