Opinión
X.L. MÉNDEZ FERRÍN
Con Asturias
Falabamos nesoutro día das afinidades entre os presidentes autonómicos de Galicia e das Asturias, moi ben alicerzadas sobre un pasado común no PCE dos tempos carrillistas. Tales afinidades acaban de se amosar de novo en ocasión da visita de Zapatero a Lugo, ende se encontrou con Touriño e con Álvarez Areces nunha sorte de cimeira na que don Victoriano García Martí (tan esquencido, ai) chamaba de xeito un tanto camp "La Esquina Verde". Zapatero dixo, como adoita facer, Noroeste. Neste sentido o primeiro ministro español fala polos grandes escritores leoneses actuais. A Antonio Pereira, a Luis Mateo Díaz, a Merino, a Agustín Delgado e os de Claraboya, gústalles falar da cultura no Noroeste, e len moito Cunqueiro e moito José María Castroviejo e Blanco-Cicerón. Son os do Filandón, autores que escriben urce e aman Galicia e a súa lingua, incluíndo neles os simpatiquísimos leoneses da Ponte Aérea Compostela-Sacromonte (sic). Coido que si, que debe haber unha política común autonómica do Noroeste, a condición de que incluamos Portugal até Vila Nova de Gaia, ou sexa todo o territorio do hórreo e León coas Asturias. E a condición de lle chamarnos a isto Gallaecia, que é como lle puñeran os Emperadores de Roma ao territorio. Noroeste é unha expresión que o franquismo e algúns etnógrafos puxeran a andar no mundo da economía dirixida e dos estudos de tradicións populares para borrar do mapa o nome de Galicia. Paréceme moi ben a euro-rexión do Eixo Atlántico ampliada polo Leste. Sería pór en vigor a Galicia propiamente dita co mundo que se chamou Terra de Foris, aberto ás montañas dos astures e ás chairas mesetarias. A min goréntame, porque me noto mái tocado pola poesía de Antonio Gamoneda que pola de calquera outro lírico de lingua castelán. O bon entendemento co movemento de defensa da lingua asturiana, ampliado a Babia, á Seabra e á lingua, xa oficial en Portugal, de Miranda do Douro, é algo que todo o nacionalismo galego desexa ao tempo que deplora as resistencias e as mas fes de algúns covadonguistas.
Leo que os vellos amigos Álvarez Areces e Touriño se entenderon ben no San Froilán e que o sorriso astur seguiu a prodigarse en presenza de Zapatero. Tamén leo que van estabelecer unha entente entre as autonomías que representan, nomeadamente en materia económica, medio-ambiental, de infraestructuras de camiños, canles e portos, e todas esas cousas. Non di nada a prensa de que nas axendas de Areces e Touriño estea incluído o problema do recoñecemento da lingua e da cultura galega hogano maltratado nos concellos da Terra Eo-Navia, e fan eles mal en enquencer este tema non só simbólico senón tamén político.
O espiñento, o difícil, non se resolve co silencio, senón con medidas decididas e prácticas. O Occidente de Asturias ten como lingua propia o galego: Areces e Touriño sáben iso. Deben resolver e non deixar pasa-lo tempo.
- Primeras palabras de 'El Cordobés' sobre la separación de Virginia Troconis: 'Ahora estoy con...
- «Aos meus pais cáelles o mundo enriba»
- La Guardia Civil pide a toda la población que mire al suelo antes de subir al coche: alerta por lo que está pasando
- Galicia, en alerta este domingo por el temporal: «No arriesgar»
- Detectados seis casos de cáncer de cérvix en el área sanitaria tras testar a más de 22.000 mujeres
- «Si ya no hay voluntarios los sábados, al final, se cubrirán de forma forzosa»
- Aquellos añorados bares de Vigo
- Suspendido todo el fútbol, baloncesto y balonmano del domingo en Galicia por la alerta naranja