Opinión
MANUEL BRAGADO
Canteira para a vida
Esta semana tiven a fortuna de coñecer o funcionamento da escola de fútbol base do Sárdoma F.C. Con motivo do acto de entrega dun lote de libros para dotar a biblioteca deste clube deportivo (unha iniciativa moi orixinal para fomentar a lectura en galego entre os xoves futbolistas e as súas familias), achegueime ata as instalacións do campo municipal de Moledo e puiden comprobar in situ a intensa actividade formativa que alí se ven desenvolvendo. Máis de trescentos rapaces das diversas categorías, dende os pequeniños de apenas cinco anos ata os xuvenís do campionato galego, bulían na poeirenta cancha de terra transformada polos seus adestradores e directivos nunha auténtica canteira para a vida.
O Sárdoma F.C. -refundado hai trinta anos, a partir da memoria do Club Aurora (equipo de labradores e madeireiros que funcionou entre 1926 e 1936- é un deses setecentos clubes galegos, que, ademais de participar nas competicións de fútbol modesto, manteñen aberta con enorme esforzo e escasos apoios unha escola privada de fútbol. É esta unha actividade deportiva e educativa, que desenvolven en Galicia case trinta mil rapaces, mais, porén, escasamente recoñecida polos poderes públicos. Da man dos directivos do Sárdoma F.C., entregados e xenerosos militantes da noble causa do deporte de base os sete días de cada semana, coñecín o enfoque formativo integral desta escola modélica. Aquí o fundamental non é atopar estrelas para o grande negocio do fútbol profesional (aínda, quen o sabe?, algún poderá chegar onde Isaac, Oubiña ou Michel), se non en contribuír a formar persoas e cidadáns responsables inculcándolles os hábitos saudables e as actitudes inherentes a este deporte cooperativo: o esforzo de autosuperación, a disciplina necesaria para respectar a rotina de adestramentos e competicións, o desenvolvemento de habilidades específicas, o respecto ás regras do xogo e ao papel das persoas maiores, o espírito de traballo en equipo entre iguais, o coñecemento de persoas doutros barrios ou localidades, a necesidade dunha alimentación equilibrada ou a difícil madurez que supón aprender a gañar e a perder sen menoscabo para a autoestima. Valores preciosos que proporciona a actividade deportiva, realizada dende idade temperás, na formación integral das novas xeracións.
É un feito indiscutible que o chamado "deporte escolar", o que se practicaba tradicionalmente nos centros educativos non universitarios, está, coas honrosas excepcións dalgúns centros (xeralmente, privados), en crise, sendo substituído pola actividade que despregan os clubes e agrupacións deportivas privadas dos barrios, as federacións deportivas e algunhas escolas deportivas municipais. Este modelo de actividade deportiva privada en idade escolar conta cunha grande tradición en Vigo, onde hai experiencias abondas sobre a súa importancia social e a grande diversificación das súas diferentes disciplinas. Velaí, a mencionada do Sárdoma F.C., a do Clube San Roque Casablanca (con outra modélica escola de fútbol, con catrocentos participantes, nenos e, tamén, nenas, no campo municipal "Armando Cajaraville" de Samil), a da Agrupación Deportiva Seis do Nadal de Coia (en funcionamento dende 1983 e con actividade destacadísima no baloncesto e no balonmán), a do Clube Maniotas de ximnasia rítmica (con case vinte anos de existencia), a do Clube As Rodas de Patinaxe (coñecido como CARPA), as escolas de vela e natación do Clube Náutico de Vigo, o Sporting Club Comesaña (o decano do atletismo galego) e tantas outras experiencias salientables que se poderían mencionar.
Niguén dubida que o deporte na sociedade actual constitúe un formidable espectáculo e un tinglado económico de repercusión mediática globalizadora de magnitudes moitas veces tan desproporcionadas como delirantes. Feito que, sen embargo, non debería impedir que a súa práctica habitual fose considerada como unha actividade imprescindible para a formación da mocidade e un factor saudable para o lecer do resto das xeracións. Para conseguilo cómpre contar con máis e mellores instalacións e con máis medios técnicos e humanos para transformar a práctica deportiva nunha auténtica escola de vida. En definitiva, precísase dun apoio máis decidido por parte dos entes locais e do Goberno Galego ás agrupacións de deporte escolar, aos clubes de base e ás federacións de deportes minoritarios, que na maior parte dos casos veñen realizando o seu labor dun xeito voluntarista e abnegado. Eis outro reto para afortalar a actual sociedade do benestar e da convivencia interxeracional que todos queremos construír.
manolobragado@netscape.net
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- Un buque de Grimaldi pide asistencia entrando en Vigo al quedarse sin motor frente a Monteferro
- La batalla de los sacerdotes enamorados: 'El tabú se está rompiendo y no nos vamos a rendir
- Retiran la incapacidad absoluta a un operario del Naútico con mieloma: «Puede trabajar en ambientes sin contaminación»
- La Guardia Civil aborta una macropelea con más de medio centenar de menores en Cangas
- Muere abrasado por las llamas dentro de su vehículo en Redondela
- La famosa plaza de Vigo que nadie llama por su nombre real: una historia de cambios
- Como si estuvieras en Francia: la pastelería de Cangas que te transportará en el primer mordisco