Opinión

XOSÉ RAMÓN PENA

Sweet neo-com

Saiban disimular os sempre moi amables lectores, pero é o caso que, a pesar de todo ese brío afouto que sempre demostraron -e seguen a demostrar- os axentes secretos ao servizo deste venerable rotativo... o certo é que, a día de hoxe, un servidor non lles pode confirmar, nin desmentir a noticia: efectivamente, seguimos sen saber se As Súas Satánicas Maxestades -os sempre moi soberanos The Rollling Stones, mal que lles pese a uns cantos aspirantes a executivos de funeraria; e nunca mellor dito aquilo de que "os mortos que vos matades, gozan de boa saúde"- terán a ben incluírnos na xira arredor deste planeta, no que andan a señorear os espazos do it´s only rock´n´roll -but I like it!- desde hai máis xa de corenta -40, sic, 40!- anos.

Como, sen dúbida, tamén coñecerán os amables lectores, os Stones veñen de publicar o seu último traballo, "A bigger bang", que inclúe, no total dos dezaseis novos temas que o integran, unha canción singular: trátase de "Sweet Neo-Con", supostamente dedicada a Dick Cheney, Condoleezza Rice ou incluso ao mesmo presidente, George Bush Jr. Non é este o lugar, desde logo, para entrarmos na polémica acerca de se estamos diante dun puro e duro truco publicitario, como suxiren algúns malpensados eséxetas, ou se, polo contrario, Mr. Jagger e Mr.Richards veñen expresar na tal canción os seus sentimentos reais diante da política do goberno norteamericano e aínda/tamén diante da actitude de todos aqueles que están na mesma liña. De calquera xeito, lendo/escoiando "Sweet Neo-Con", un servidor non pode facer menos que pensar que poden ser uns cantos os destinatarios da mensaxe stoniana. Sen ir máis lonxe, por haber, hainos entre nós. Explicarémolo decontando

"Neo con..." De certo, estamos diante dun eufemismo. Ao autor destas liñas, e creo que tamén a Vdes., ocórrenselle unhas cantas maneiras de denominar a esa clase de individuos. Algún deles, por exemplo -un tal Juan José R. Calaza: imos facerlle algo de publicidade ao ghicho, home!-, vén de publicar esta mesma semana, e desde as páxinas de certo diario editado na Coruña, algo así como un panfleto titulado "Mejor en español" no cal asevera, á brava, que aqueles que temos o costume de escribir, e por riba publicar!, en lingua galega non merecemos nin a auga que bebemos nin o pan que comemos; e iso porque tan só a ruindade, a presunción, a vacuidade, a ausencia de calquera valor... habitan ao longo das nosas liñas. Desde logo, desde aqueles tempos nos que os que escribían en galego eran acusados de "tener faltas de ortografía en su pluma y en su corazón", un non lera tales lindezas, tan violenta e estéril descalificación. En fin, unha argallada que ben pode resultar anticonstitucional toda vez que dela se desprende non só o odio e mais o rancor venenosos, senón o desexo, a apoloxía dun -felizmente, imposible- enfrontamento aberto entre aqueles que habitamos este país, falemos/escribamos no idioma que nos pete e nos dea a gana.

Diante de tal, a verdade é que o silencio podería ser o mellor antídoto; non obstante, un servidor entende que xorden aínda catro motivos de rigor para non permanecer calados, a saber: a) O Sr. Calaza presume, fronte ao suposto servilismo dos demais, dun espírito recto, libérrimo e anarcoide; moi bonito, pero a esas cualidades debería sumar aínda -léanllle o artigo de marras- unhas evidentes capacidades ximnástico-sexuais perfectamente situadas para a servidume diante dos poderosos e/ou dentro dun filme porno; b) O panfleto está publicado, como dixemos, nun diario (que se di) galego -semellantes barbaridades, anticonstitucionais, nunca xamais terían acollida nun xornal de Madrid nin en ningún outro lugar cun mínimo de seriedade; a liberdade de expresión non se pode confundir coas barrabasadas-; pois ben, a un gustaríalle coñecer, xa que logo, a opinión, expresada en alto, dalgúns dos compañeiros de páxinas deste cabaleiro: don Xavier Alcalá, don Isaac Díaz Pardo, don X.L. Caneiro, don Víctor F. Freixanes... c) O Sr. Calaza demostra ser todo un auténtico "neo-con" e tal parece que unha das estratexias desa xente consista -reparen Vdes. noutras colaboracións na mesma liña que a que comentamos-, xustamente, en apelar á "españolidade" (¿!!!?) de certos supostos sectores do bipartito para que ceiben os cans de présa diante de calquera programa de normalización lingüística que poida afectar os seus intereses d) Finalmente, porque alude aínda o tal Calaza aos moitos subsidios, pagas extra, "diñeiro negro..." que cobramos os que (mal)escribimos en lingua galega; pois ben, é hora de aclarar que un servidor se chama, ao completo, Xosé Ramón Dimas Pena-Sánchez de Alameda e Díaz de Rábago, co que se non descendo do rei D. García, por unha liña ou por outra... pois, case, case. Mentres, repasen Vdes. as orixes do apelido "Calaza", por se acaso.

Sr. Calaza; -cando queira, a espada ou a pistola, envíeme os seus padriños- aí lle deixo a Vde. un anaco de "Sweet Neo Con". Nada teño, créame, contra a lingua castelá, todo o contrario. Porén, desta volta... Better in english: "You say you are a patriot/I think that you´re a crock of shit (...) How come you´re so wrong?/My sweet neo-con".

Tracking Pixel Contents