Opinión
XOSÉ MANUEL PEREIRO
Corre, neno
Esto demuestra que los españoles, cuando nos ponemos, conseguimos lo que sea, excepto la selección de fútbol, claro". Foi escoitarlle esta contundente sentencia a unha voz tronante na radio e saber que Fernando Alonso acababa de facerse co campionato do mundo de Fórmula 1. Non me deu tempo a retrucarlle mentalmente "...pilotando coches que fan outros" cando saíu outro comentarista, loitando claramente coa dentadura postiza, proclamando que "Fernando nos ha hecho a todos los españoles campeones del mundo". Noutra emisora, un paisano do ganador pilloulle o micrófono á redactora e fundiu a membrana (do micrófono) a berros. Evidentemente, é moi bonito que nos faga a todos campións do mundo de Fórmula 1 un rapaz cos mesmos anos que os que se ganan a vida pilotando mobiletes de repartir pizzas. Pero ó que me preocupa non é a fabulosa capacidade de empatía coa victoria do xénero humano (incluídos comentaristas radiofónicos e seguidores que proxectan nos seus ídolos o entusiasmo que non poñen na vida propia), senón a influencia paterno/materna no rumbo dos fillos.
Porque como contaba moi ben outro radiofónico, con máis información e sen tanto rebumbio, a Fernando Alonso ós dous anos subiuno o seu pai a un kart que xa lle construíra para a irmá maior, e xa non o deixou baixar a pesar de que -estrañamente- o neno odiaba o trebello mecánico paterno. Con todo, a e maiores das indiscutibles aptitudes para a conducción que debe ter o novo ídolo de masas, non debe ser difícil para un neno collerlle afición a facer carreiras, aínda que inclúa levar na chepa a teu pai. Ignoro como é o famoso pai José Luis Alonso (e vouno seguir ignorando, porque non espero noticia ningunha que desvele algunha sombra do seu carácter, nin teño a máis mínima sospeita de que teña ningunha), pero o mundo está cheo de pais empeñados en conducir a vida dos seus fillos. As consultas dos psicólogos e as páxinas de sucesos deben estar abarrotadas de consecuencias desas obsesións, pero a historia rexistra soamente aqueles casos nos que tiveron éxito. Por exemplo, o pai das sisters-in-tennis- Williams, Serena e Venus, que lles construíu a infancia arredor das raquetas, con absoluta exclusión de todo o demais. Pois pagoulle a pena, dirá calquera, sobre todo se acaba de recibir as notas dos fillos. Ou xa se verá, porque outro pai-manager foi o de Michael Jackson, e outro o de Ramón Chao, o avó de Manu.
Unha das novelas máis divertidas que lin na miña vida era El lago de Como, na que Ramón Chao contaba a súa infancia de neno pianista prodixio en Vilalba, obrigado a tocar para todos cantos pasaban pola pensión familiar a peza así titulada. Aferrollado polo pai empeñado en ter un fillo músico, Chao deu concertos por todo Lugo, estudiou no Conservatorio en Madrid e foi cando se trasladou a completar a súa formación na tecla en París cando puido zafar da determinación paterna e comezar a facerse o excelente xornalista e escritor que é. Neste caso concreto, non sei se o fin xustificou os medios. Tereillo que preguntar a ver que fago cos pequenos, se me teño que obsesionar con algo en concreto ou chega con que me preocupe en xeral.
www.sihomesi.com
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- Un buque de Grimaldi pide asistencia entrando en Vigo al quedarse sin motor frente a Monteferro
- La batalla de los sacerdotes enamorados: 'El tabú se está rompiendo y no nos vamos a rendir
- La Guardia Civil aborta una macropelea con más de medio centenar de menores en Cangas
- Muere abrasado por las llamas dentro de su vehículo en Redondela
- La famosa plaza de Vigo que nadie llama por su nombre real: una historia de cambios
- Como si estuvieras en Francia: la pastelería de Cangas que te transportará en el primer mordisco
- Retenciones en la VG-20 tras impactar un coche contra otro que estaba averiado