O concello acordou que o nome da rúa que acolle aos primeiros veciños do novo polígono de Navia fose "As Teixugueiras". Considero esta medida un grande acerto e un paso decisivo para salvar a toponimia tradicional da parroquia de San Paio de Navia. A concellaría de Cultura pon en marcha así o acordo unánime que adoptou a Corporación o pasado mes de novembro -a proposta da Federación Veciñal Eduardo Chao, da Universidade de Vigo, da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, do Instituto de Estudios Vigueses e da Asociación Galega de Onomástica- para conservar os topónimos tradicionais na denominación oficial das novas entidades de poboación do concello, fosen rúas, prazas, urbanizacións ou bloques de edificios.

Galicia é o país do millón de nomes de lugar. Precisando máis, o doutor da Universidade de Vigo e grande especialista en Toponimia, Gonzalo Navaza, considera que existen no país canto menos un millón e medio de topónimos (un por cada 50 Km2), un patrimonio cultural inmaterial extraordinario, o máis voluminoso de toda España, que debe ser protexido e conservado. A Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia fixou en 40.000 as entradas do "Nomenclátor de Galicia", un precioso volume de máis de seiscentas páxinas (pode ser consultado tamén en Internet) que inclúe o nome oficial de concellos, parroquias e lugares. Un traballo valiosísimo que constitúe apenas a punta do iceberg dese millón de nomes que os galegos, debido ao nosa réxime de propiedade agraria, demos a cada camiño, vieiro, carreiro, congostra, veiga, cortiña, leira, eirada, pasteiro, monte, curuto, anaquiño de praia, cantil... Nomes todos eles que conforman a microtoponimia galega (ou toponimia menor), un volume nunca recollido en publicación ningunha, e que, sen embargo, quedaron escritos na memoria popular ou felizmente impresos (aínda que é posible que deturpados ou castelanizados) nas escrituras, testamentos ou mesmo nos propios catastros.

Este formidable patrimonio, como ven alertando dende hai tempo o académico Xesús Ferro Ruibal, este arquivo documentado da memoria de noso está en perigo. Cantos destes nomes foron perdéndose por mor do abandono das actividades agrarias, polo proceso de concentración parcelaria, polos lumes nos montes ou polo imparable proceso de urbanización que se dá nas vilas e cidades galegas? Cantos destes nomes desapareceron, xa para sempre, en Vigo coa urbanización dos eidos que noutrora existiron no que hoxe é o polígono de Coia ou nas rúas que destruíron o camiño do Regueiro na aba do Castro? Cantos destes nomes de lugares miúdos foron sepultados por topónimos honoríficos ou conmemorativos (seguramente, tamén, útiles ou valiosos para a memoria da comunidade)? A desaparición deste arquivo inmaterial excepcional -como sinalou hai tres anos a Real Academia Galega no seu pronunciamento sobre o estado da lingua- constitúe unha emerxencia cultural que debe ser atallada decontado como un labor colectivo da sociedade galega e das súas institucións públicas.

A proposta da Asociación de Veciños de Navia, documentada por persoas como o seu presidente, Xosé Sánchez e o seu responsable de cultura, Xan Comesaña, de conservar a toponimia tradicional no rueiro da nova cidade que agroma na súa parroquia non pode ser máis oportuna. "As Teixugueiras", "Lamelas", "Pozo Cabalo", Pedra Seixa", "As Ufas", "Barreiros", "Limpiños" son algúns dos microtopónimos do espazo agrícola, hoxe urbanizado, que se rescatan e que os novos naviegos lucirán orgullosos nos seus enderezos. Unha iniciativa que debería xeralizarse coa aprobación por parte da Corporación dunha ordenanza que, sobre todo diante do desenvolvemento do novo Plan Xeral, asegure a conservación da microtoponimia viguesa cada vez que se desenvolva unha peza urbanística, documentándoa co nome dos lugares tradicionais.

O novo Goberno Galego debería apoiar decididamente o traballo iniciado polo SITGA (Sistema de Información Territorial de Galicia) e por algunhas Comunidades de Montes e Asociacións Veciñais de todo o país nesta tarefa de recuperación do noso tesouro microtoponímico. Xa hai experiencias modélicas deste traballo na comarca do Miñor, apoiadas polas Comunidades de Montes de Baiona, Gondomar e Camos e outras do propio concello de Vigo. Hai, tamén, centos de filólogos no desemprego que estarían entusiasmados de percorrer todas as parroquias do país para documentar o nome de cada un dos seus lugariños. Velaí un reto prioritario da nosa política de patrimonio e de normalización lingüística. Hoxe aplaudimos o camiño que se inicia n´ "As Teixugueiras" de Navia.

manolobragado@netscape.net