Coido que por primeira vez na historia da nosa autonomía outorgada a Xunta de Galicia participou nos actos do 17 de Agosto, día que conmemora o fusilamento de Alexandro Bóveda en Poio, ano 1936, a consecuencia de Consello de Guerra sumarísimo e polo delicto de Rebelión. Son, pois, estes días de luz esmorecente de Agosto que Faulkner inmortalizara bons para facermos ecordantes de diversas cousas. Por exemplo, de que agora é moda, que vai impoñendo o BNG sen motivo, chamarlle ao 17 de Agosto "Día da Galicia Mártir", cando o seu nome é Día dos Mártires Galegos. En efecto, no ano 1942, seis anos despois de Bóveda ser pasado polas armas, a Irmandade Galega, "nunha felís inspiración patriótica" (conta a crónica), acordou "lembrar e honrar os milleiros de galegos que foron fusilados polo soio delito de querer a Autonomía de Galicia e de ser leiales á República Española". Compre eiquí lembrar que, en 1942, o Partido Galeguista fora disolto no exilio e, recuperando a definición nacionalista, pasou a reconstruirse co nome de Irmandade Galega so o liderato principal de Castelao. Así, como Día dos Mártires Galegos foi instituido e así foi chamada a conmemoración durante os anos do franquismo. Trocarlle o nome polo de Día da Galicia Mártir é algo innecesario e que rectifica caprichosamente a Castelao. Foi moi importante a conmemoración do Día dos Mártires Galegos en 1946. Nese ano, a Irmandade Galega intensifica o caracter que desde o inicio se lle quixera dar á data. Non se chora a Bóveda, non se chora os galeguistas fusilados somentes. Escóllese a data do 17 de Agosto porque Bóveda fora o máis destacado lider interpartidario na loita polo Estatuto. Tamén se escolle Bóveda porque el, con Guiances, con Zsbarski e con outros homes íntegros e valentes, ocupou realmente o Goberno Civil de Pontevedra o 29 de Xullo de 1936 no nome da Frente Popular e tratou de resistir a sublevación dos militares con todos os medios. Por iso Castelao e a Irmandade Galega escolleron Bóveda para respresentar os milleiros de homes e mulleres mortos no alzamento fascista, e despois. Por iso en 1946 A Nosa Terra de Buenos Aires publica o Día dos Mártires Galegos unha lista na que figuran os nomes de persoas relevantes de todos os partidos da Frente Popular, como Bóveda, que foron fusilados e paseados. De maneira que a Xunta de Galicia fará moi ben en institucionalizar o 17 de Agosto co nome que lle diu Castelao precisamente e non co que lle está agora a dar o BNG. Inda máis, se en Nadal de 1944 é constituido o Consello de Galiza como órgano fideicomisario da legalidade republicana galega e depositario da soberanía nacional en materia estatutaria e autonómica, ao oficializar a Xunta o Día dos Mártires Galegos, esta denominación cobra unha lexitimidade que ningún demócrata está autorizado a modificar. Se a Xunta adopta como data pública o Día dos Mártires estará, por primeira vez, acatando o organismo republicano democrático que representou a soberanía nacional en días escuros. Ora ben: despois de 1936-1939 seguiu habendo Mártires Galegos. digamos só que no mesmo ano da morte de Franco o seu Réxime mataba Sánchez-Bravo, Baena, Reboiras, por falarmos somentes dos máis achegados. Desde 1973 a 1975, e despois, o franquismo matou, torturou, mandou ao eximio, encadeou. Non o esquenzamos cada 17 de Agosto.