Bola de lume" é un filme clásico da comedia americana do magnífico Howard Hawks, protagonizado por Gary Cooper e Barbara Stanwyck, entre outros. Un bo exemplo, ao igual que en " La fiera de mi niña" (non encontro agora un xiro adecuado en galego), ou "Lúa nova", de contraposición rítmica entre mundos adversos. Con guión de Billy Wilder, a película amosa, como nun conto, o mundo pechado de oito eruditos profesores adicados en corpo e alma á elaboración dunha enciclopedia, de costas á realidade da cidade, situación que cambiará radicalmente coa chegada de Linda - noiva dun gánster, perseguida pola policía- que se refuxia na casa.

Linda convertiuse nunha dinámica bola de lume, como a que avistaron moitas persoas o 4 de xaneiro de 2004; en realidade era un meteoro de espectacular brillo que superou ao da lúa chea e que estalou tras unha viaxe interestelar de 48 millóns de anos , segundo o serio traballo dun grupo de investigadores. Pero deixemos as cousas do ceo e vaiamos a cuestións terreas, para ver estrelas do cinema da vida cotián actuando en posibles películas. ¡ABRAMOS O TELÓN!

Asistimos o pasado xoves a unha misa en recordo do falecemento dun familiar. O contido do sermón do oficiante non puido ser máis oportuno, xa que, entre outras brillanteces, dixo : "Tres jueves hay en el año que relucen más que el sol: jueves santo, Corpus Cristi y el día de la Ascensión" , mais non era un día demasiado brillante senón escuro e luctuoso, e seguíu con estas reconfortantes palabras: " vivimos en un valle de lágrimas y caminamos por un mundo de tinieblas", nun momento no que estabamos afundidos e precisabamos ánimo e non visións sombrías desta vida terrea. Para rematar o "rosario de perlas" confundíu os apelidos do finado. Errare humanum est, pero.... poderíamos ser protagonistas de "Camiño de Santa Fe" (de M. Curtiz, con Errol Flynn como galán) para no perder a fe, se a tíñamos, ou recuperala senón fose así. Menos mal que nos acercamos a unha tranquila cafetería - nesta cidade hai moitas onde elixir se atopamos onde aparcar- para charlar distendidamente e superar o impacto da esquizofrénica homilía. Entre outras cousas, dicíalle sorrindo un amigo á súa dona que como continuase dándolle patadas pola noite no tálamo nupcial - padece ela o síndrome de pernas inquedas e estaban en plena lúa de mel- ía poñer a muralla de Xericó entre ambos , como fixeron C. Gable e Claudette Colbert en "Sucedeu unha noite", graciosa comedia do amable F. Capra. A agradable tertulia continuaba pero como esta cronista padecía unha viriase de verán tiña que ir a un centro médico. Alí vin a "Marnie a ladroa", en acción. Non podo saber se era unha cleptómana, como Tippi Hedren, pero si que roubou descaradamente un foulard - marca Ives Saint Laurent- a unha confiada señora. Cando esta saíu da consulta e se percatou da desaparición montoulles un cristo ás inocentes recepcionistas e ao escaso público, provocando con tales gritos que saísen de bastidores a escena os médicos en compaña dos seus pacientes. Afortunadamente o escandaloso asunto aclarouse sen intervención da policía, xa que comparecín como "Testemuña de cargo", cinta de intriga de B. Wilder e a etérea Marlene Dietrich. Porque mentres agardaba pacientemente o meu turno observei a marcha apresurada dunha refinada señorita e fixeime no precioso foulard que levaba, o mesmo que describía con moito detalle a nerviosa señora. Tras finalizar a declaración perante o alterado tribunal, houbo un cambio de climax no escenario: estupor colectivo ante os ladróns profesionais de consultorios médicos - que se aproveitan do despiste vital dos impacientes enfermos- , calma total , desculpas e todo o mundo ao seu sitio e no seu sitio.

Recuperada desa enfermidade, que todos sufrimos algunha vez sen saber moi ben que cepa de viros é , chegou de Africa unha vaga de calor e para combatila están, á parte dos abanos e ventiladores, as frescas augas de Samil . Na concorrida orela encontro a unha boa amiga tapada ata media cara cun florido pareo, en actitude de concentrada búsqueda ; farfullando dixome que lle caera a prótese dental cando nadaba entre o xentío, e as tres fillas axudaban buceando - con gafas e todo- a ver se había sorte e atopaban o tesouro. ¡Vaia! Nada menos que unhas nenas prodixio de "20.000 leguas de viaxe submariña" da factoría Disney e dirixida por R. Fleischer. Cando os curiosos lle preguntaban se perdera algo contestaba: "unha pulseira de ouro con perlas, e como é grande e brilla ... ao mellor aparece" E mirabámonos con complicidade . Así que, solidaria e escépticamente, participamos todos como extras "Na busca da arca perdida", contando coa colaboración de auténticos alemáns, só que no eran os malos da película, senón que estaban malos e colorados de tanto sol . O The End das aventuras de Indiana Jones xa o deben saber, o da historia poden imaxinalo: A prótese- pulseira non apareceu nunca.

A volta á casa foi "O camiño da perdición" (de San Mendes, ambientada na época da Gran Depresión ) pola caravana que pillamos. Plató perfecto para "O grande atasco", comedia de L. Comencini cun montón de personaxes atrapados coma nós, nunha situación cada vez máis tensa

Ao final chegamos. E diante da pequena pantalla refrescámonos coa noticia, por fresca e novidosa en Galicia, da toma de posesión de Perez Touriño. Na praza do Obradoiro ben podería rodarse un remake de "Tempos modernos", película muda a pesar do auxe do sonoro, pero con música, como a que saíu desde esa solitaria e solemne gaita, nese día destes novos tempos que corren.

Literalmente pegados ao ventilador quedamos ata altas horas da madrugada disfrutando de "Un toque de canela", delicia visual do grego Tassos Boulmetis, seria aspirante á edición dos óscars. Conta a historia da relación dun xove co seu avó e a arte de cociñar. O sabio Vassilis ensínalle a Fanis, desde o mundo dos aromas e sabores da tenda de Istambul, que se necesita unha pizca de sal e un toque de canela para dar sabor á vida.

Boa filosofía para as altas temperaturas deste verán de lume E por hoxe : BAIXEMOS O TELÓN!

Continuará?

Inés Ruiz Correa, narradora, ensaísta. Profesora de Filosofía no IES Frei Martín Sarmiento en Pontevedra.