Diciamos que Xesús Torres Regueiro, no seu libro A II República nunha vila galega: Betanzos 1931-1936, de recente publicación por Ediciós do Castro, parecía extrañado da inexistencia dun grupo betanceiro do Partido Galeguista na II República. No fondo da sorpesa do historiador eu detecto a influencia dunha historia canónica, e simplificadora, do nacionalismo galego que nos narra os días da II República como se neles todos os nacionalistas estivesen encadrados no PG. E non foi así. Nas eleccións de xuño de 1931, os nacionalistas concorriron en tres candidaturas diferentes: PG, Partido Nazonalista Republicán e ORGA. Esta última formación, a ORGA, fora fundada durante a Dictadura de Primo de Rivera e, so o liderato de Casares Quiroga, encadraba indivíduos republicanos nacionalistas e non nacionalistas. Hai quen di que o cimento de unión entre estes dous tipos de militantes era a convivencia dos máis deles na Masonería, mais nunca se sabe nada certo en materia tan secreta. A finais de 1931, e a iniciativa de Bóveda e Castelao en Pontevedra, o Partido Galeguista absorbe case todos os grupos e tendencias nacionalistas de Galicia, ao tempo que, curiosamente, elimina a palabra nacionalismo dos seus textos programáticos. Incorporou tamén os nacionalistas de ORGA?

O caso é que algúns nacionalistas de ORGA trocaron esta formación polo PG mentres outros, non menos nacionalistas, permaneceron nela e seguiron a Casares Quiroga. Incluso seguiron o lider coruñés cando a ORGA foi absorbida por Izquierda Republicana de Manual Azaña. E non se trataba de persoas sen importancia. O mesmo teórico do nacionalismo en 1916, Antón Vilar Ponte, foi dos que non se sumou ao PG inicialmente e seguiu na ORGA. Actitude semellante foi a de Roberto Blanco Torres, e a de Elpidio Villaverde e a de Somoza Gutiérrez. Certamente Vilar Ponte morrería no seo do PG, rectificando o seu rumo, pero non así Blanco Torres, fusilado en Ourense. Elpidio Villaverde e Somoza Gutiérrez, únense só no exilio a Castelao, mais a penas no Consello de Galiza pola sinxela razón de que Castelao liquidara en América o partido que el fundou en 1931 en Pontevedra e pasou a chamarlle Irmandade Galega á organización dos nacionalistas.

E o que ocorreu en Galicia ocorreu en Betanzos. Un nacionalista das Irmandades da Fala e de ORGA, Luis Cortiñas, apoia a fundación do PG, pero vive na Coruña e non consegue aglutinar un grupo en Betanzos. Outro nacionalista, X. Veiga Roel, opta pola vía da permanencia en ORGA e da disolución desta en Izquierda Republicana. Xohán Vicente Viqueira, pensador nacionalista de esquerda moi influinte en Betanzos, segundo me explicou o dito Veiga Roel, estaba xa morto. Logo, na cidade de Betanzos non houbo Partido Galeguista entre 1931 e 1936. O cal non quer decer que non houbera nacionalismo ningún alí.

A Xunta pronunciouse en favor dun recoñecemento nacional das víctimas do franquismo, centrando a memoria de todos na figura de Alexandro Bóveda. Opino eu que a Xunta debe instituir o 19 de Agosto como DÍA DOS MÁRTIRES GALEGOS, para lembrar os milleiros de homes e mulleres que foron mortos en Galicia pola barbarie nacionalcatólica e fascista do ano 1936 ao 1975 no que verteron o seu sangue as derradeiras víctimas. Disto iremos falando.