Os periodistas suponse que existimos -profesionalmente- para contar as cousas, preferiblemente como pasaron, ou alomenos como as vimos, por moito que a miña sogra se empeñe en atribuír o que eu afirmo ó que penso e non ó que sei (soamente naqueles casos en que o que eu sei non está de acordo co que ela pensa, afortunadamente para a harmonía que preside a vida familiar política). Eu estiven presente na entrevista entre o noso presidente Touriño e o noso rei Juan Carlos, así que llelo conto como verdadeiramente foi.

Como asunto foi en Mallorca, aproveito para facerlles unha suxerencia ós dos aeroportos/compañía aéreas. Os avións son, sábeo todo o mundo, un tremendo avance. O malo é que os trámites para subir a eles, non. En concreto, se hai algún retraso, ou andan ó buscar ó piloto polos bares ou calquera outro problema técnico, ¿por que convocan ós viaxeiros unha hora antes de que abran a porta de embarque? O avión fai Barcelona-Palma en 25 minutos. Os viaxeiros -este viaxeiro concreto o luns 8 de agosto- estivo apatrullando polo aeroporto a hora enteira que mandan as normas previa á suposta hora de saída, 45 minutos parado diante da porta de embarque e outros tantos sentado na butaca roendo os chicles todos que levaba para o despegue. En total, 150 minutos de preparación para 25 minutos de realización, unha proporción similar a outros aspectos da vida ben máis agradables.

Exactamente igual que na visita real. Hai que estar na entrada do que se coñece como residencia estival de SSMM cunha hora de antelación, como nos aeroportos. E como nos aeroportos, o primeiro que se fai é dedicar cinco minutos a desfacerte de todo o que é de metal ou lle parece metálico ó arco do triunfo. A moda en detectores deste verán inclúe que piten os cintos (pero non os reloxos nin as estilográficas, curiosamente). Logo, hai corenta minutos de pausa que podes dedicar a saudar ós colegas coñecidos ou a observar a idiosincrasia dos descoñecidos, actividades para as que che sobran trinta e cinco por moi sociable ou observador que sexas. Da conversa cunha coñecida, souben que Dona Letizia (ela chámalle Dona Leti, porque cando eran colegas no traballo chamáballe Leti) está completamente desaparecida da vida social e náutica de Palma, en compaña de SSMM o seu marido. Despois emprendes un safari de dez esgotadores minutos polas trochas e veredas do recinto, co material ó lombo, ata ó sitio que sae na televisión, onde os das cámaras forman en fila, como as caravanas de colonos do Oeste, cos dos bolígrafos detrás, en plan "¡las mujeres que carguen los rifles!". Mentres agardamos todos uns cinco minutos, os que non cargan os rifles fanse fotos e planos uns ós outros, para ter o que se chama recursos (algo que non ten nada que ver coa economía pero si coa previsión).

Nese momento aparece Touriño, azul presidencial sobre fondo verde pino mediterráneo, acompañado dun señor azul casa real. 20 metros antes da porta da residencia estival de SSMM, o de azul casa real considera que o invitado xa coñece o camiño, e párase. O Rei baixa as escaleiras e os dous encóntranse abaixo. Aperta de mans, toqueteo de antebrazos e saúdos afables. "Enhorabuena", é o único que se escoita desde o lugar de recarga dos rifles. Sorrín ás cámaras, que responden con ese ruído de grilos metálicos que fan os disparadores. O monarca, que é un profesional, pregunta ós cámaras que onde se colocan, para que non lles moleste o sol, e móvese para onde molesta, co que se establece un coro de "¡no!, ¡no!, ¡donde estaban antes!" moi salto de protocolo. Logo (o rei, non o protocolo, ou os dous) colle ó presidente polo brazo e suben as escaleiras. Péchase a porta e nós abandonamos a formación. Logo chamas a Santiago para enterarte de que falaron e así poderllo contar á audiencia, e máis tarde á sogra (que o crerá ou non).