Estivo moi ben salvar a Xunqueira da Foz, que é onde o río Lagares ou Troncoso, chamado seguramente Sárdoma polos nosos antepasados paleoeuropeus, entrega as súas aguas ao Atlántico. Foi cousa boa que lle puxesen paseo por unha beira e que levantasen unha casa para interpretación da Natureza. Desgrazadamente a casa da Xunqueira da Foz, situada na zona da Rabadeira de Coruxo, próxima ao Couto, nunca foi usada e hoxe encóntrase en vías de degradación. Na Rabadeira quedan ollos de agua doce, zonas pantanosas isoladas das marés, que sería moi bon recuparerar e conservar. En todo caso, falta información pública sobre fauna e flora da Xunqueira, alén dos aspectos de evocación histórica que suscitan as míticas "salinas", que diz que houbo no século XVIII. Tradicionalmente, as xunqueiras, as brañas, as lagoas, foron territorios temidos e odiados polas poboacións campesiñas. O especulador, o arbitrista, o progresista despistado, sempre quixo facer desparecer estes espazos naturais e convertelos en "uteis". Alá foi a Lagoa de Antela, a de Cospeito, a Xunqueira de Pontevedra: xa non existen. A Xunqueira da Foz do Lagares encóntrase milagrosamente a salvo, e por ela podemos camiñar felizmente os habitantes desta cidade mentres nos solidarizamos cos veciños que teñen que soportar fedores da depuradora. Esoutro día, nun grupo de persoas preocupadas pola protección ás razas autóctonas de animais domésticos, ouvín falar con indignación dos estúpidos que andan a ceibar os visións das granxas. Dese tema pasaron ao do cabalo de PRG (Pura Raza Galega), que Rof Codina chamara "pony galego" e Miguel de Cervantes "faco galiciano". "Agora o noso faco está recoñecido como raza e hai concursos morfolóxicos" -comentaba alguén. "Si, pero o seu depósito xenético tradicional, que é o monte, mestúralle ao faco galiciano cada vez máis sangue de fóra" -retrucaba unha señora moi entendida en curros. En efecto, nestes intres en que o PRG está oficializado só vela pola súa preservación a Asociación que o rehabilitou -dime Joaquin G. Troncoso- e nos nosos montes, os cabalos soltos están a perder a súa identidade. Esta é razón polo que un dos contertulios espuxo que hai, desde tempos atrás, a idea de que nas Illas Cíes debía situarse unha horda de eguas autóctonas para que non poidesen ser fecundadas, xa non polo vento, senón por calquera griñón que non fose adecuado. "E por qué non na Xunqueira da Foz do Lagares? -saltou o que falara en primeiro lugar. "O territorio é fácil de controlar, os pastos son bos e semellantes aos da Camarga de Provenza na que se cría baixo protección da República Francesa unha raza de cabalos tamén moi antiga e a observación do gado en liberdade pode ser de interese así educativo como turístico". De súpeto, a imaxinación fíxonos ver un arrebaño de bestas autóctonas a pacer pacificamente na Foz do Lagares co seu cabalo sempre alerta. E a imaxe era ben bonita. "Agora que se perdeu o do Galiñeiro podíase facer un curro aquí" -comentou a señora sen moito convencemento. "Non penso eu que vai haber vontade política..." -dixen eu atrevéndome a intervir na leria.