Desta vez, a columna trata realmente dun camiño que descobrín recentemente. "Imos ao cine" -dixérame meu primo Toñito. Eu era moi cativo e funme con el ao Coliseo Xesteira na Carretera de Trives de Ourense que ninguén, ninguén chamaba Capitán Eloy. Naquel cine impresionante tiven ocasión de ver "O meigo de Oz" e para sempre entrou na miña vida Judy Garland cos seus sapatos ("chapines", dicía a dobraxe en plan clasicista español) vermellos a bailar polo camiño máxico. A película mudaba do branco e negro á cor e a min volveume tolo o truco. Hai ben pouco caín, por azar, na rota do paseo que fixeron entre Valença e pouco antes de Monção, pola antiga vía do camiño de ferro. Puxéronlle un piso vermello e liso, que é gloria para os pes e para as rodas dos ciclistas. É un camiño encantado, como aquel sobre o que a meniña Garland bailaba no país dos soños. Non sei se decer que estamos a falar do máis belo camiño inútil do mundo. Non serve para nada práctico, por iso recibe o nome de "ecopista". Vai seguindo o Miño, aínda que o "pastor" dos nosos ríos, que dixera Aquilino Iglesia Alvariño, pouco se deixa ver. Pasa polas vellas estacións de Ganfei, este camiño de ensoño, e de Verdoejo e da Lapela. Nas inmensas terrazas aluviais nas que antano medraba o millo nas leiras dos labradores, hoxe están as viñas a lle render culto moderno ao albariño; xa verá a descendencia o que alí botan de aquí a cincuenta anos, cando pasen as modas e muden as vontades. Nas traseiras das casas, á beira da ecopista, están os claudieiros carregados de froito, as figueiras, os cabazos grandes e amarelos que agora se estilan por toda parte. No convento dos franciscanos de Ganfei soan as horas, timidamente. Desde a outra banda do Miño vén a voz dun crego amplificada que predica nunha novena en Gullarei, todo en castelán bruto como é regra na Galicia nacionalcatólica que nunca desapareceu. A ecopista pasa por zonas boscosas; por algún louredo, por algunha carballeira. Chegados á antiga e sonada freguesía de Fiestras (non confundir co Sanfins románico) aló nos aparece o Monumento á Fantasía do Emigrante. Trátase do famoso partal de pedra que no século XVIII erixiu un tal Quarto Neto, que estivo en Minas, no Brasil. O brasileiro erixiu un fabuloso partal, hoxe medio esborrallado nos detalles polo mal da pedra, e púxolle un escudo de armas gardado por dous tenentes que son dous indios americanos coas súas plumas na cachola. Ao señor Neto debéuselle de acabar o diñeiro despois da facer o portal, porque na terra de dentro non hai quinta nin pazo nin casa que valla unha argana. Hoxe o portal é da familia dun meu amigo de Tui, que o ten como curiosidade tamén inútil. A ecopista de J. Garland mándanos, logo despois, visitar a torre do castelo da Lapela, que se mira nas aguas lentas do río Miño. E logo continúa en dirección a Monção. Para min a Lapela constitúe a fin do camiño pola sinxela razón que me fai acordante do intre terríbel do "O meigo de Oz" no que, tamén nun castelo, descobrimos que todo era mentira antes de sermos sabedores de que todo fora un soño. "O mago de Oz" é unha lección cruel de sabedoría destinada a corrixir os nenos fantasiosos. Por esta razón a ecopista Valença-Monção é tamén unha vía dolorosa.