Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«A grande escolla», as 22.50 h. na TVG

Carlos Lozano, na procura de galiña galega: «Ter unha xoia autóctona é unha marabilla»

“A miña nai quedou embarazada de min en Vigo”, realza o presentador

Namorado da vida no rural: «Xa non teño présa ningunha, na aldea todo leva outro ritmo»

Carlos Lozano coa presentadora Noelia Rey.

Carlos Lozano coa presentadora Noelia Rey.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

«A grande escolla» recibe esta noite ás 22:50 horas na TVG, a Carlos Lozano nun episodio tan inesperado como revelador: a procura dunha nova manda de galiñas para a súa vida no campo. «Ía mercar galiñas ata que me chamou este programa, que me veu como unha bendición», confesa ao comezo dunha aventura moi afastada do brillo televisivo co que o público o identificou durante décadas.

Porque si, Carlos Lozano segue facendo televisión. «Logo póñome o traxe de guerra, vou á televisión e fago un programa», explica. Pero hai tempo que a súa rutina mudou. Na serra de Madrid atopou unha forma de vida máis pausada, rodeado de animais, hortas e terra. «Teño pombas, galiñas, ovellas… desfruto moito aí». E mesmo admite algo que resume perfectamente o espírito do episodio: «Son mellores persoas os animais que as persoas».

A necesidade é real. Unha raposa arrasou boa parte da súa manda. «Tiña trinta galiñas e en menos dun mes levoume vinte e catro». Por iso chama a Noelia Rey, convencido de que en Galicia pode atopar razas especiais. «Dixéronme que aquí hai unhas galiñas fantásticas».

A chegada a Galicia está chea de eloxios á nosa terra e as súas rúas. «Unha das cousas que máis me gustan de Galicia son os soportais. A sombriña, o fresquiño…». Hai ademais unha conexión emocional moi fonda co país: «A miña nai quedou embarazada de min en Vigo. Eu sempre viña moito a Vigo e Pontevedra de pequeno».

A cita con Noelia ten lugar no restaurante As Rodas, en Sada. Alí, o madrileño deixa clara a súa prioridade: quere galiñas sas, libres e ben coidadas. «Gústame que estean libres, pero na serra hai moitas raposas e aguias e cada dúas por tres están matándomas».

O catálogo que lle presenta Noelia sorpréndeo desde o primeiro momento. Tres propostas moi distintas: a galiña de Mos, a piñeira e as poñedoras ecolóxicas. «Faláronme moi ben da galiña galega», di, revisando fascinado as imaxes das tres. Hai detalles nos que se fixa enseguida, especialmente nas cristas. «A galiña sen crista non a vexo», comenta sobre a de Mos, convencido de que «a saúde da galiña nótase na crista e nos ollos».

Proposta dende A Estrada

A primeira proposta chega da Estrada da man de Rafael Carbajales. A galiña de Mos é unha raza histórica, robusta e perfectamente adaptada ao clima galego. Rafael explica que a súa peculiar crista pequena recibe o nome de «crista en chícharo», pero Carlos segue asociándoa máis a unha ave de carne ca a unha poñedora. O criador rebáteo axiña: «Os ovos son incribles, cun sabor espectacular».

O que máis impresiona ao presentador é descubrir que está diante da primeira raza de galiña autóctona recoñecida oficialmente en España. «Ter unha xoia como unha galiña autóctona é unha marabilla», admite. Iso si, tamén sospeita que a historia lle vai saír cara. «Xa vexo que me está contando todo isto para meterme un pau», bromea.

E non anda tan desencamiñado. Cando Rafael revela que un galo adulto pode custar 50 euros, Carlos leva a man ao peito. «Acaba de darme algo, dóeme a crista e todo». O lote completo —trinta galiñas, dous galos e cen pitiños— acada os 1.800 euros. «Voulle dicir á raposa que non as coma, que a este nivel son un pastón».

Na reportaxe gravada nas instalacións de Rafael descubrimos o enorme coidado que hai detrás da crianza. O produtor explica como abandonou o mundo comercial tras a crise para dedicarse ás galiñas de Mos. Carlos queda impresionado pola saúde dos animais e recoñece que no seu día a día no rural, os ovos convertéronse case nunha moeda social. «Todo o mundo me pide ovos. A xente dáme acelgas, patacas, embutido… usamos moito o troco. Eu os ovos regáloos!».

Nótase como o madrileño está encantado coa súa nova vida alonxada da urbe e os atafegos: «Son máis feliz cunha persoa da aldea que indo a Hollywood con Brad Pitt ou George Clooney».

A segunda proposta cambia completamente o rexistro. Carmen Fernández chega desde Betanzos coa galiña piñeira, unha raza galega aínda en proceso de recuperación. Aquí o debate das cristas reaparece inmediatamente. «É unha característica xenética, non significa que sexan mellores ou peores», acláralle ela.

A criadora fala da raza con auténtica paixón. Explica que é máis lixeira, consome menos alimento e pode poñer tantos ovos como a de Mos. Ademais, introduce un detalle inesperado: os concursos de galiñas. «Cando digo que baño as galiñas e as seco con secador, a xente alucina», ri. Pero reivindica a seriedade dese mundo: «É exactamente igual que cos cans ou os cabalos».

Carlos escoita fascinado, aínda que o prezo volve golpealo con forza. Os 80 polos, 15 galiñas e 6 galos suman 2.100 euros. «Vaime saír como un quilo de percebes», protesta entre risas. Carmen non cede: «O bo nunca foi barato!».

O momento máis curioso

O momento máis curioso chega cando ela intenta convencelo das virtudes culinarias da raza. «Cando probes un caldo de galiña piñeira, xa falaremos». Pero Carlos négase a contemplar esa opción: «É a miña familia, aos animais quéroos moito. Non os mato. Non son gandeiro». Carmen insiste en convidalo igualmente a un caldo galego na súa casa ou da súa nai.

Na reportaxe coñecemos o enorme traballo xenético detrás da recuperación da raza piñeira. Carmen explica que estudou con tino para evitar a súa desaparición e que cada cruzamento require controlar a historia de pais e avós dos animais. «Nisto consiste seleccionar unha raza, para ir quedando cos mellores».

A terceira opción chega desde Irixoa da man de Dolores Porto. Aquí o foco non está na raza autóctona senón na produtividade e no modelo ecolóxico. «Somos o que comemos», resume Dolores. As súas galiñas viven en liberdade e aliméntanse exclusivamente con produtos ecolóxicos.

Carlos conecta rápido coa proposta. Gústanlle a cor das aves e o sistema de crianza. Ademais, por primeira vez sente que os prezos entran dentro do que esperaba. Calcula 20 euros por galiña e queda bastante preto dos 28 reais. O lote de 50 aves custa 1.400 euros. «Aí andamos, paréceme ben!».

Na reportaxe coñecemos mellor a explotación ecolóxica e a importancia da alimentación no resultado final. «Na cor e na textura xa non se comparan cos ovos comerciais», explica Dolores. Carlos observa as instalacións cun sorriso. «Están de hotel!», saca peito a criadora.

Coas tres propostas xa vistas, a decisión non resulta nada sinxela. «Levaríaas todas», admite. Antes do veredicto final, o programa fai unha pausa para xantar e é aí onde agroma con máis claridade o impacto da vida no campo do presentador.

Tamén saen anécdotas e momentos destacados na súa longa carreira de modelo e actor. Carlos lembra a súa participación en Todo sobre mi madre, de Pedro Almodóvar, que o levou a Hollywood por ser premiada co Óscar. Alí coñeceu a Brad Pitt e George Clooney, este último tamén pertencente o grupo de celebridades que foxen do estrés urbano. «Mercou un castelo, claro. Eu un rancho», matiza con humor o madrileño.

Pero remata comparando esa vida coa tranquilidade da aldea. Un cambio que non todo o mundo entendeu. «“Mira como acabaches”, dicíanme. Como se fose denigrante!», explica indignado. «Eles non o entenden, pero eu si: antes tiña estrés e présa por todo. Agora non teño présa ningunha. Na aldea ensináronme que aquí todo vai amodiño, a outro ritmo».

Xa só queda decidir que manda de galiñas viaxará con el ata Madrid. «Cal é a máis barata?», bromea por última vez. A grande escolla de Carlos Lozano, esta noite na TVG.

Tracking Pixel Contents