Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A grande escolla, esta noite (22.50 horas) na Televisión de Galicia

Fonsi Nieto busca en Galicia o coche clásico que lle devolva a adrenalina

“Aos que nos gustan as motos, gústannos os coches”, resalta o subcampión do mundo de motociclismo

“Veraneaba en Cambados cos meus pais, levo un ano buscando casa en Galicia”

Fonsi Nieto nun momento do programa

Fonsi Nieto nun momento do programa / TVG

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

A grande escolla recibe esta noite (22.50 horas) na TVG a Fonsi Nieto nun episodio dedicado ao coche clásico. O piloto chega a Galicia coa intención de atopar un modelo especial. «Son moi apaixonado dos coches antigos, teño un que é como a miña xoia», di nada máis comezar.

A súa relación co motor vai moito máis alá da afección. Campión de España e subcampión do mundo de motociclismo, a súa relación co motor está marcada por un final acedo: «Tiven que retirarme por un accidente dun día para outro. Teño 14 operacións nun pé», lembra. O máis difícil, explica, é asumir o que se perde: «Esa dopamina que che xera ir nunha moto a 300 km/h, competir, estar pelexando por un campionato do mundo… xa non a vas ter nunca na vida. É moi difícil de entender psicoloxicamente».

Galicia aparece como un lugar propicio para buscar algo que lle devolva parte dese vínculo. «En Galicia hai moi bos coleccionistas e hai moita xente moi posta no tema», asegura. Chega a Vigo «moi nervioso», pero a contorna nun día solleiro axuda a calmalos. «É incrible, coas vistas das illas Cíes, con este día», comenta, antes de insistir no que significa para el: «Eu son moi de mar, aquí son moi feliz. Gústame moito vir a Galicia, encántame».

A cita con Noelia Rey no Pazo Los Escudos tamén esperta lembranzas. «Veraneei moito aquí cos meus pais cando era pequeniño, no Parador de Cambados. Viñamos todos os veráns», conta. A conexión é tal que mesmo recoñece que leva tempo pensando en quedar: «É un sitio que me gusta. Levo un ano buscando casa por Galicia».

Sen ideas pechadas —«Aos que nos gustan as motos gústannos os coches»— enfróntase ás tres propostas seleccionadas. Noelia Rey preséntalle nada máis arrincar un catálogo que inclúe un tres bólidos que non deixan a ninguén indiferente. A primeira reacción é clara: «Levaría os tres», di entre risas ao ver a escolma.

Un momento do programa

Un momento do programa / TVG

AC Cobra 427, pura potencia

Telmo Diz, vendedor de coches de Vigo, presenta a súa réplica do Cobra 427, un deportivo de 1965 cun motor V8 de sete litros e ata 450 cabalos. Un coche de carreiras que entra polos ollos e polo oído. «Está deseñado para correr, aí imos entendernos», lánzalle. E insiste o vigués: «É o teu coche».

Fonsi recoñece o territorio. Observa o coche, escoita as explicacións e recoñece que «está moi ben coidado», pero tamén introduce cautela. Sabe que este tipo de máquinas non perdoan e sen moitas ambaxes califica o Cobra como «un coche perigoso». Telmo asente e engade que hai que conducilo «cos cinco sentidos».

Para o vendedor, a clave está na experiencia. Sen axudas electrónicas, nestes coches todo depende do piloto e a sensación é inmersiva dende que se arranca o motor. «Cando o V8 o teña na orella, vaise convencer só», asegura Telmo moi seguro, que etiqueta o ruído como o «dunha Harley de catro rodas».

Cando chega o momento de poñerlle prezo, Fonsi relativiza. «O prezo é o que eu lle poña, o valor que teña para quen o venda», reflexiona. Aínda así, arríscase cunha cifra: 150.000 euros, preto dos 168.000 finais. Con todo, a súa lectura é clara: «A min pareceume caro, quizais un coche de negocio». Pero conecta coa proposta do de Vigo: «É un coche coa esencia das carreiras, de onde eu veño».

Millecento: memoria e emoción

O cambio chega con Giuseppe Mecca e o seu Fiat 1100, o Millecento. Un coche pequeno, de 1954, con 36 cabalos, pero cunha historia enorme detrás. «Un coche común, pequeniño», preséntao o seu dono, un entrañable octoxenario italiano establecido en Galicia de novo.

Fonsi percibe de inmediato que aquí o importante é outra cousa. «É un coche moi diferente, menos coidado e moderno que o anterior, pero estes coches teñen moita historia», valora. E Giuseppe empeza a contar a súa: a infancia en Italia buscando leite co seu pai para faceren queixos e os primeiros anos conducindo —confesa que moi prematuramente, con 10 e 11—. Tamén lle veñen á mente aquelas viaxes en Millecento coa súa ‘novieta’: «Quedoume marcada a imaxe de cando era rapaz», e, quizabes movido pola nostalxia, Giuseppe decidiu traer un Millecento a Baiona, onde reside dende hai décadas. E, 35 anos despois, seguen xuntos. «Cóidoo, mímoo…», di emocionado.

Fonsi entra nese relato e séntese identificado. «Eu este coche levaríao pero con Giuseppe», namorado do valor sentimental dun coche tan pequeno como encantador. O respecto é tal que evita poñerlle prezo. «Quero que mo diga el, non me atrevo», admite. Cando escoita os 20.000 euros, sorpréndese: «Puxo un prezo moi barato».

Pero o que máis lle impacta chega despois, ao coñecer a súa colección de 30 coches e a súa historia familiar. «Que che poidan deixar en herdanza este tipo de cousas é moi bonito», reflexiona, lembrando tamén o fermoso Bentley do seu tío Ángel Nieto, a quen aínda ten moi presente. «Non trouxo o seu mellor coche, trouxo o seu corazón». A emoción leva a Fonsi a levantarse e abrazalo.

Rosengart: exclusividade e historia

A terceira proposta cambia o rexistro de novo. Pepe Rodríguez presenta dende As Neves un Rosengart Supertraction de 1939, un descapotable único, con motor Citroën e carrozaría feita a man. «É unha peza única, só hai catro coma o meu», asegura.

O discurso céntrase na exclusividade. «O Cobra pode telo calquera, o meu non», insiste, defendendo que é un coche difícil de atopar. A súa historia acompaña: pasou por mans de marqueses, condes e figuras destacadas dos touros. E mesmo tivo presenza no cinema, tendo ao volante actores da talla de Jean Reno.

Pepe describe a experiencia de conducilo como algo distinto. «Sentas e é un relax», di, mentres o compara cunha obra artesanal: «Foi feito a man, é como unha catedral». Tamén anima a Fonsi a levalo a Eivisa, convencido de que chamaría a atención: «Chamaríannos guapos!», bromea Pepe.

Á hora de estimar o prezo, móvese entre 100.000 e 200.000 euros. Os 180.000 finais entran na súa previsión: «180.000 euros xa está ben». Pepe retruca orgulloso: «Xa compras un Ferrari con iso practicamente», pero Fonsi matiza que agora todo está caro e as cousas mudaron moito. «Antes igual por iso mercabas un piso, agora xa non… E en Eivisa, menos», explica.

A escolla, entre emocións

Coas tres opcións xa claras, a decisión non é sinxela. «Levaría os tres», repetía ao principio, pero agora toca escoller. O Cobra conecta coa velocidade e coa súa vida como piloto. O Millecento, coa memoria e o afecto. O Rosengart, coa historia e o gusto do seu tío Ángel.

Xa diante dos coches, a experiencia pesa. Ao ver o Rosengart e sentar nel, lembra o seu tío. «Se estivese aquí o meu tío Ángel, xa sei cal elixiría el», di, recoñecendo esa conexión do gran campión cos coches deste estilo clásico. Porén, co Fiat 1100 e o seu motor suave e condución sinxela sente certa familiaridade e bromea: «Fallan máis os coches novos ca estes». Pero cando proba o Cobra, en cambio, recoñece no ruxido do V8 unha máquina de carreiras, algo que non lle é nada alleo. «Está posto aí para que o elixa», recoñece.

Antes da decisión final, chega un último golpe emocional. O neto de Giuseppe aparece cunha Honda NSR moi semellante á que Fonsi pilotaba cando gañou o campionato de España en 1995. A reacción é inmediata: «Teño unha foto moi chula co meu tío Ángel no Jarama cando gañei o campionato cunha moto como esta. É das miñas fotos favoritas». E engade mentes acariña o acelerador da moto con nostalxia: «A min estas cousas chéganme moito»,

Tres coches, tres historias. Só un pode ser o elixido. A grande escolla de Fonsi Nieto, este martes ás 22:50 na TVG.

Tracking Pixel Contents