Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«A grande escolla» (hoxe ás 22.50 h., na TVG)

Al Bano, tras probar viño galego: «Xa me sinto santo»

«Galicia é a catedral do viño», proclama. O astro da canción italiana leva facendo viños dende 1973 e abriu tres adegas.

Al Bano, nun momento do programa.

Al Bano, nun momento do programa.

Al Bano protagonizará esta noite na TVG (22.50 horas) a nova entrega de A grande escolla. O astro da canción italiana chega a Galicia na procura dunha denominación de orixe galega que servir nunha festa na súa terra, en Bríndisi, unha cita na que, como el mesmo adianta, «vén con percebes e mexillóns». A decisión non é doada: en Galicia hai cinco denominacións, pero só tres serán as escollidas por Noelia Rey para competir.

A relación de Al Bano co viño vén de moi novo e está marcada pola tradición familiar. «Nacín na terra de Bríndisi e todo é un brinde á vida», explica. Lembra especialmente a figura do seu avó e o «bautismo» co viño, un costume no sur de italia no que «os nenos probabamos o viño». «Todo o que facía o meu avó era obra de Deus», explica Al Bano, o que incluía catar o viño. «Miña nai non pensaba igual», ri o cantante. O certo é que o italiano leva facendo viños dende 1973 e abriu tres adegas.

Xa en Galicia, a súa chegada a Santiago esperta unha grande expectación. Ducias de persoas achéganse a saudalo, pedir fotos e compartir uns momentos con el. Durante o seu paseo polas rúas compostelás, Al Bano fala da súa relación con España, que se remonta aos anos 70: «Dende cando empecei a actuar aquí, foi un amor a primeira vista». Con Galicia aínda garda un nexo especial, pois atopa no país unha terra onde «o tempo non envellece, vívese». En ton distendido mesmo deixa caer un desexo: «Apetéceme facer un concerto na Praza da Quintana».

Sen preferencias nin prexuízos —«dáme igual tinto que branco, o importante é a calidade»—, enfróntase ás propostas de Noelia Rey, que lle presenta tres denominacións de orixe: Ribeira Sacra, Rías Baixas e Ribeiro. Al Bano sabe do que fala: «Veño da Puglia, unha terra onde había máis viño que auga», explica, deixando claro o seu vínculo coa cultura vitivinícola.

A primeira proposta lévao á Ribeira Sacra, da man da adega Regina Viarum, en Sober. Alí descobre un territorio marcado pola chamada viticultura heroica, con viñedos en socalcos nos vales do Sil e do Miño onde todo o traballo é manual. «Non podemos mecanizar nada, todo o traballo é manual. Cada grolo de viño vívese doutra maneira», explica Sonia López, de Regina Viarum, defensora desta DO. «Teñen un xeito de tratar a viña sagrada, é como unha misa da uva», valora. O viño presentado é Regina Expresión, un tinto crianza elaborado con mencía seleccionada a man, de cor vermella profunda e aromas a froitos do bosque, que acada o seu punto óptimo tras dez meses en barrica de carballo francés.

Á hora de estimar o prezo, Al Bano peca de xeneroso e sitúao en 25 euros por botella, por riba dos 17 de mercado. Tras coñecer máis en detalle o proceso e o traballo que hai detrás, decide corrixirse: «Se dixen 25 euros por botella, pido desculpas: deberían ser 50». Pero para elixir, hai que probar. Na cata, observa, analiza e finalmente conclúe con humor: «Xa me sinto santo!».

A segunda proposta chega dende o Baixo Miño, coa Denominación de Orixe Rías Baixas representada por Altos de Torona. Un viño branco crianza elaborado con albariño, caíño e loureira, de ton palla, aromas intensos a froitas de óso e tropicais e unha acidez fresca cun final prolongado. O albariño é un vello coñecido para o italiano, que recoñece que «cada vez que vén a Galicia non poden faltar o albariño, percebe e ostras».

Galicia, «a catedral do viño»

É nesta fase cando deixa unha das frases máis destacadas da noite. Emocionado con estar nun programa non como cantante, senón como amante e experto en viño, destaca Galicia como «a catedral do viño».

Á hora de valorar o prezo, volve tirar alto e calcula 28 euros por botella, fronte aos 13,50 reais. A reacción é inmediata: «Moi económico!». O cantante defende que «non hai que asumir que porque o prezo sexa baixo, o seu valor é baixo» e critica o que considera excesos noutros mercados, onde se cobra milleiros de euros por viños que cualifica de «roubo legalizado». Na cata, a súa reacción é clara e contundente. «É completo e perfecto, simplemente excepcional», afirma convencido.

O italiano deixa unha reflexión máis fonda sobre a evolución do viño, moi ligada á súa propia experiencia. Lembra que el mesmo vendimou de novo ata os 17 anos naquelas colleitas no sur de Italia en que o traballo no viñedo era tamén un acto colectivo. «Antes a xente cantaba en coro durante a vendima», lembra con nostalxia, fronte a un presente no que «hai maquinaria que en pouco tempo recolle a uva». Un cambio que, ao seu xuízo, transformou tamén a esencia dese momento: «A técnica matou a poesía», lamenta. Con todo, matiza que en propostas como as que está a coñecer en Galicia aínda pervive ese espírito: «Séntese a man de quen fixo ese viño, sabes que hai un gran traballo dende o comezo ao final».

A terceira e derradeira proposta leva ao Ribeiro, a denominación máis antiga de Galicia e a segunda de España, representada por Adegas Casal de Armán. O viño presentado é Armán Finca Misenhora, un branco elaborado principalmente con treixadura do val do Avia, de perfil untuoso, con aromas a pexego, flores brancas e matices minerais marcados polo chan sábrego.

Máis alá das súas características, o que chama a atención é a historia que hai detrás. «Nesta denominación cultívanse moitas variedades. A treixadura é a que marca o carácter, pero temos un pouco de todo», explica Pedro Botana, de Casal de Armán. O nome do viño nace dun antigo predio que pertencía a un marqués portugués, cuxa muller tiña predilección polas uvas que nacían nun recuncho concreto da leira. «Nós hoxe convertemos as uvas favoritas daquela señora neste viño», relata. De aí o seu nome: Misenhora.

A historia sorprende a Al Bano, que recoñece que «nunca escoitara que un viño puidese ser romántico», aínda que axiña conecta coa idea cando Pedro lle retruca que «unha botella de viño é demasiado grande para bebela un só». Á hora de estimar o prezo, o italiano volve situarse por riba —50 euros fronte aos 30 reais—, mantendo esa tendencia á alza nas súas valoracións.

Na cata final, o italiano volve quedar —outra vez— marabillado polo viño e brinda convencido: «Longa vida a quen o produce!», poñendo en valor o traballo humano detrás de cada botella. Ao longo do programa, non falta tampouco a súa faceta máis artística, cantaruxando a cada pouco, deixando entrever o seu sentido do humor e deleitando aos presentes con pequenos recorridos do seu inmortal Felicità cunha copa na man.

Coas tres propostas enriba da mesa, a decisión final preséntase complexa. «O viño está todo ao mesmo nivel, alto nivel», recoñece Al Bano, que insiste en que a elección non é só cuestión técnica, senón tamén emocional. «A xente non sabe o traballo e a preocupación por levar á casa un produto excepcional», conclúe.

Só unha denominación viaxará a Italia para acompañar a súa gran celebración en Bríndisi. A grande escolla de Al Bano, esta noite, ás 22:50, na TVG.

Tracking Pixel Contents