Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

'A grande escolla', esta noite na TVG

Patxi Salinas volve a Galicia: «Vigo é o sitio no que fun máis feliz»

O exfutbolista, moi querido e admirado pola súa etapa como capitán no Celta, tentará no programa desta noite de 'A grande escolla', na TVG, atopar o rabaño perfecto para a súa leira en Mutriku

La presentadora Noelia Rey conversa con el exceleste Patxi Salinas, en un momento del programa 'A grande escolla'.

La presentadora Noelia Rey conversa con el exceleste Patxi Salinas, en un momento del programa 'A grande escolla'. / TVG

Patxi Salinas é o gran protagonista desta noite en A grande escolla na TVG, nun episodio marcado polo humor, a retranca e moita complicidade co público galego. O exfutbolista, moi querido e admirado pola súa etapa como capitán no Celta, regresa a Galicia cun reto tan peculiar como persoal: atopar o rabaño perfecto para a súa leira en Mutriku.

A idea xorde dunha necesidade persoal, pero tamén emocional. «Teño unha pequena leira en Euskadi e, como estiven tantos anos aquí, quero ter algo autóctono», explica. Galicia non é un lugar calquera para el. «Vigo é a miña casa, é o sitio no que fun máis feliz. Aquí atopei a felicidade», lembra con emoción, evocando paseos por Samil ou visitas a Baiona. «Xamais podería agradecerlle a Vigo o que me deu», engade, recordando tamén aquel momento delicado no que chegou ao Celta. «Txetxu Rojo díxome que ía ser o tío máis feliz en Vigo… e creo que ata quedou curto».

«Xamais podería agradecerlle a Vigo o que me deu»

O contacto con Noelia Rey arrinca cunha chamada directa e clara: «Quería algúns animais para a eira», lánzalle. A partir de aí, ponse en marcha a maquinaria do programa. O ton, iso si, queda marcado dende o inicio polo carácter do vasco, cun humor e unha retranca que encaixan perfectamente co espírito galego. Cando Noelia lle propón viaxar en avión, a resposta é inmediata: «Avión? Son de Bilbo, eu vou en coche, que chego antes». E engade, sincero: «Viaxo moito en avión, pero dáme pánico e prefiro ir en coche». Dúas horas e media di que lle leva ir de Euskadi a Galicia.

A cita ten lugar en Boborás, onde Patxi tamén fala daquela chegada a Galicia no 1992. «Era a miña primeira viaxe fóra de Bilbo, recordo aqueles anos con moito cariño. Pasei os mellores anos da miña vida en Vigo, con moita diferenza», confesa. O vínculo co Celta permanece intacto —segue sendo socio— e mesmo mira con certa envexa as novas xeracións: «Cando vexo a Aspas ou a Borja Iglesias, ás veces penso… por que non nacería 25 anos despois?».

«Cando vexo a Aspas ou a Borja Iglesias, ás veces penso… por que non nacería 25 anos despois?»

Coa emoción aínda presente, chega o momento de coñecer as propostas. Noelia preséntalle un catálogo con tres opcións de rabaños moi diferentes: ovella galega, cabras e porco celta. A reacción de Patxi é inmediata: «Encantáronme! Os tres non podo levalos?».

60 ovellas galegas en Nogueira de Ramuín

A primeira proposta chega dende Nogueira de Ramuín da man de David González: un rabaño de 60 ovellas galegas, unha raza autóctona que estivo en perigo de extinción e que hoxe se está a recuperar. «O monte galego formouse grazas ás ovellas e cabras galegas», explica o pastor, destacando a súa importancia histórica. Trátase dun animal resistente, ben adaptado e cunha boa capacidade produtiva, especialmente no que respecta á la.

O detalle non pasa desapercibido para Patxi, que incluso repara na boina feita con esa la que leva David. «Se a tinguimos de negro, temos unha txapela!», bromea. Á hora de calcular o prezo, lánzase alto: 500 euros por exemplar fronte aos 150 reais. «Veño un pouco agrandado», recoñece entre risas, mentres David agradece a valoración. Na reportaxe posterior, coñecemos mellor o traballo do gandeiro e as virtudes da raza: «Aproveitan todo, non teñen problemas de enfermidades, son moi boas nais e independentes. Teñen moi boa xenética». Incluso a carne destaca: «Unha vez que a probas, xa non comes outra».

O humor aparece tamén cando o fútbol entra na conversa. David confesa que «é máis de Julio Salinas que de Patxi», o que provoca a reacción inmediata do exfutbolista: «Pero como? Nesta vida hai que saber mentir! Faime a pelota, home!».

En Moaña, 160 cabras

A segunda proposta chega dende Moaña con Susa Rúa e un impresionante rabaño de 160 cabras. «O mesmo rozan a leira que che dan leite para o almorzo», explica, destacando a súa versatilidade. Son animais rústicos, obedientes e moi útiles tanto para o mantemento do terreo como para a produción leiteira.

Patxi conecta rapidamente coa proposta. «Cando era rapaz muxía moito na casa dos meus avós en Burgos», lembra. A idea de retomar ese contacto co rural sedúceo: «Volver a esa etapa, con 60 anos, e aprender algo novo, e sendo animais meus… Animaríame, encantado da vida!». Ademais, o factor emocional suma puntos: Moaña é a terra de Iago Aspas, «o noso ídolo», como el mesmo di. Ademais, as cabras deixan a herba «mellor ca Balaídos», bromea el, incluso «para xogar a Champions», engade Susa.

Coa estimación do prezo volve errar, mais polo baixo: di 100 euros, a metade do que vale cada cabeza do rabaño de Susa. Na visita á granxa, descubrimos as vantaxes deste rabaño de cabras murciano-granadinas, «unha raza moi leiteira», cun produto de «alta calidade» co que elaboran queixos, iogures ou kéfir. Un modelo completo que esperta o interese do vasco.

15 porcos celtas en Cenlle

A terceira proposta chega dende Cenlle con Lucas Cabanelas e o seu avó Luís, que presentan unha grea de 15 porcos celtas. «É unha boa escusa para xuntarte cos amigos e facer unha churrascada», apunta Lucas, captando rapidamente a atención de Patxi. Trátase dunha raza autóctona, criada en liberdade, cunha carne máis vermella, xugosa e de gran calidade.

Luís, coa autoridade da experiencia, deféndeo con contundencia: «Levo moitos anos con animais, pero a carne do porco celta é distinta, é indiscutible. Patxi asente: «Fala a voz da experiencia». Á hora de poñer prezo, queda preto: 350 euros fronte aos 400 reais. «Son de Bilbo, non vou tirarme atrás polo prezo. Se hai que pagar 30, pagamos 40», di entre risas.

A visita á granxa revela un modelo de cría en liberdade e un proxecto familiar con forte carga emocional. Luís fala visiblemente emocionado pola ilusión e o esforzo do seu neto en traballar no gando. «É un neto, un compañeiro e un amigo. Éo todo». Un momento que tamén impacta ao futbolista.

Coas tres propostas sobre a mesa, a decisión complícase. Tanto convidados como o futbolista comparten un xantar de luxo, en que non faltan produtos traídos polos propios gandeiros. Non fai máis que aumentar a dúbida. «Se a cousa era xa difícil, agora é peor», admite Patxi. Pero só unha opción será a elixida. A grande escolla de Patxi Salinas, esta noite, ás 22:50 na TVG.

Tracking Pixel Contents