A grande escolla, esta noite (22.50 horas) na Televisión de Galicia
María José Campanario busca en Galicia a vaca perfecta (para Jesulín)
A difícil decisión de María José Campanario: rubia, frisoa ou cachena

María José Campanario e noelia Rey durante o episodio de A grande escolla de esta noite / FDV
Gabriel Fuentes
Esta noite a Televisión de Galicia promete un dos programas máis entretidos da tempada. María José Campanario chega a Galicia cun obxectivo claro: atopar a vaca perfecta para a súa familia. Este é o punto de partida deste divertidísimo episodio de A grande escolla, (22:50 horas na TVG) no que se dan a man humor, concurso e divulgación. «Quero regalarlle unha vaca a Jesús, e que mellor que unha vaca galega», a valenciá ten claro.
Para escoller debe haber unha peneira inicial. A responsabilidade da selección recae na presentadora e personal shopper Noelia Rey. Como en cada programa, Noelia encárgase de analizar o mercado e presentar tres alternativas para unha persoa coñecida que visita Galicia en busca dun produto representativo. Neste caso a cousa vai de vacas. «As vacas galegas teñen un fama incrible en todo o mundo», recoñece a convidada.
Noelia e Campanario encóntranse no Pazo de Bendoiro, en Lalín, onde a valenciá elixirá a vaca coa que agasallará o seu marido Jesulín de Ubrique. Pero antes do comezo, sae un dato que pouca xente coñece: Campanario fala portugués e algo de galego. «Estiven estudando en Oporto durante cinco anos, falo portugués e por iso entendo o galego. As fins de semana viña a Galicia», comenta en perfecto portugués.

María José Campanario / TVG
Entramos en materia cando Noelia amosa a súa escolma de propostas: unha rubia, unha cachena e unha frisoa, tres razas moi populares no país con características moi diferentes. Nada que ver coas vacas que ela e a súa parella coidan en Andalucía. «Gústanme moito as tres. Vou ter que preguntar», di a Campanario.
Luna, a rubia galega
A primeira en escena é Luna, unha espectacular rubia galega chegada de Rodeiro da man de Tamara Sobrado, gañadora do Miss Vaca 2025, o famoso concurso celebrado polo programa Luar.
Esta vaca de cinco anos anda preto dos 850 quilos de peso é un grande exemplar desta raza recoñecida pola calidade da súa carne e polo seu carácter afable e tranquilo. «Ata Supermán ten unha», destacan no programa, en referencia ás rubias galegas mercadas polo actor Henry Cavill.
Porén, Luna vén con sorpresa: unha becerriña de dous meses da que non pode separarse, e iso introduce o primeiro dilema da convidada. «Dáme un pouco de cousa, acaba de parir, non é bo separar un becerro da nai», comenta Campanario, que recoñece que «tería que levar as dúas».
Hai outro factor emocional que pesa. «Unha vez que lle poño nome a un animal, xa non o como».
O prezo tampouco parece axudar. Cando a presentadora lle pregunta canto estima o valor de Luna, Campanario aventúrase con 6.000 euros, unha cantidade bastante afastada dos 15.000 euros finais. «É gando máis caro ao noso, pero ten sentido», recoñece Campanario.
Coñecemos a fondo a Tamara e a súa explotación nunha preciosa reportaxe. «Eu vin da Coruña para coidar dos meus avós aquí e sentía envexa dos meus veciños que tiñan vacas», conta Tamara. «Prefiro estar todo o día aquí que nunha oficina encerrada». «Eu con isto son feliz, aínda que estea chea de merda», confesa entre risos. «Se me falta, choro».
A historia da gandeira emociona a valenciá. «Encantoume, emocioneime con ela, esa relación é a que gardo eu cos meus animais», di Campanario.
Sabela, a cachena
A segunda proposta chega dende Sobrado dos Monxes da man de Álvaro Varela. Trae a Sabela, unha vaca cachena. Unha desas razas que estivo a piques de desaparecer e que, pouco a pouco, vai recuperando o seu sitio. Máis pequena, si, pero dura, adaptada ao terreo e cun punto de independencia que a fai diferente.
A Campanario chámalle a atención nada máis vela: «Non coñecía esta raza, chamoume moito a atención a súa cornamenta».
Álvaro aproveita para poñela en valor: «É unha vaca que se adapta moi ben ao medio, non dá excesivo traballo como outras razas». E engade, con retranca: «Ás veces as aparencias enganan, e este é un deses casos».
Hai tamén un argumento que pesa: «Terías algo exclusivo». Non é unha vaca que se vexa habitualmente no sur.
No achegamento, Campanario vai ao práctico: «Vaime deixar acariñala?». «É unha vaca tranquila, acostumada ao agarimo», responde Álvaro.
Pero a cousa complícase un pouco: Sabela está preñada. A idea non lle fai especial graza á convidada, que xa se ve en plenos partos. Álvaro quítalle ferro: «Paren ben soas, non precisan axuda». Dende fóra, os seus competidores non perden a ocasión da rexouba: «Dáche traballo un can, non che vai dar traballo unha vaca!».
Chega o momento do prezo. Campanario repite cifra: 6.000 euros. Álvaro ri: «Vai ser algo menos». Bastante menos, de feito. Uns 1.500 euros por exemplar. «Moi barato», valora ela. «O bo produto a prezo barato ten éxito», responde el, sen dubidar.
Viaxamos a Sobrado dos Monxes para coñecer esta fermosa raza de preto. A cachena é unha vaca «rústica e moi necesaria para o medio ambiente», que se «adapta perfectamente» e que é «moi lonxeva», explica o gandeiro. «Quero sumar o meu gran de area a que esta raza non desapareza», proclama orgulloso Álvaro.
«Que se críe fácil e non teña tantos coidados poderían facela unha vaca demasiado independente», teme Campanario deixando a dúbida no aire.
Rosalía, a frisoa
A nota discordante chega coa terceira e última proposta: Rosalía, unha vaca frisoa que trae Óscar Neira dende Lalín. A única dunha raza non autóctona e orientada á produción leiteira.
«A frisoa é unha raza importada, pero a miña é galega, nacida aqui. É a maior produtora láctea a nivel mundial», presume Óscar. Ademais, «dá unhas lambetadas que non hai masaxista que dea masaxes coma elas», engade cun sorriso.
Con catro anos e máis de 700 quilos de peso, Rosalía destaca pola súa capacidade para xerar grandes cantidades de leite. Con «cinco muxidos ao día», esta vaca acada unha media semanal de 50 litros.
Óscar é un verdadeiro showman e encandila a súa potencial clienta con moito humor. «Non pode parecerche mal unha vaca vendida con tanta simpatía», recoñece Campanario. Á hora de estimar o seu prezo, a valenciá dá de cheo: Rosi (así lle chama Óscar con agarimo) ten un prezo de 4.000 euros.
Nunha marxe do plató, os rivais de Óscar rexouban. «Cando [Campanario] teña que muxir todo o día, vaise acordar…», comentan Tamara e Álvaro co equipo entre risas. Xa na reportaxe onde coñecemos a Rosalía e a explotación do gandeiro en Lalín, explica que Rosi «ten un carácter bastante tranquilo, non como as vacas cachenas ou rubias, estas son vacas dóciles». «Váleche como animal de compañía!», asegura. Un dardo para os competidores.
As tres propostas están enriba da mesa e a decisión final achégase. Os tres gandeiros xúntanse diante da súa cliente en potencia para unha derradeira rolda. Tamara, a dona da rubia Luna, lanza un alegato final: «Queres cornos? Queres cansar os brazos muxindo? Pois está claro, leva unha rubia!».
Óscar sae ao paso e defende as «masaxes» da súa frisoa Rosi. Álvaro está tranquilo, pois ve na súa cachena e os seus cornos algo «exclusivo, único e diferente». Pero o de Lalín non deixa escapar unha e remata a defensa: «Con eses cornos, levas unha percha».
Tres vacas con moita tradición no país, pero só unha será a elixida. «Téñoo complicadísimo», lamenta Campanario. A grande escolla de María José Campanario, esta noite ás 22:50.
- Comerciantes y hosteleros empiezan a pagar cuotas voluntarias de 50 euros para el contencioso contra la subida de la basura
- El baile de sillas en la Xunta se atasca: más de 2.100 empleados deben tomar posesión pero hay déficit de plazas para los grupos A1 y A2
- Lista abierta para el adiós en Balaídos
- La CIG mantiene las movilizaciones en Vigo pese al preacuerdo en el metal: éstas son las calles afectadas por la manifestación del martes 19
- «Hemos formado gente, pero faltan empresarios dispuestos a contratar personal»
- Armón Vigo se estrena en buques militares con la botadura del «HMS Sälen», el primer barco para la Armada de Suecia
- El Gobierno cederá capacidad pesquera a los jóvenes que quieran dar de alta un barco para emprender en el mar
- CC OO y UGT ratifican el preacuerdo del metal de Pontevedra en sus asambleas