Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Carmen Lomana, impresionada coas xoias galegas: «Que non facedes ben os galegos?»

A xoiaría galega brilla en A grande escolla

Entre ouro, perlas e rubís: Así é A grande escolla de Carmen Lomana

Carmen Lomana, impresionada coas xoias galegas en «A grande escolla»

Carmen Lomana, impresionada coas xoias galegas en «A grande escolla» / Fdv

Carmen Lomana chega esta noite ás 22:50 h á TVG na procura dun colar de luxo perfecto, unha peza especial que, como ela mesma explica, «lle apetece que sexa feita en Galicia», onde recoñece que hai «uns artesáns marabillosos».

A empresaria amosa unha relación moi estreita co mundo da xoiería, que forma parte da súa identidade diaria. Confesa que é «unha muller que leva xoias todos os días» e mesmo admite que «lle gustan máis as xoias ca a moda». Á hora de escoller, asegura que o fundamental é «o golpe de amor», ese instante no que ve unha peza e sabe que é a indicada. Aínda que ten predilección polas perlas —«son unha muller de perlas»—, nesta ocasión chega aberta a deixarse sorprender cun colar de vestir e elegante. A escolma dos candidatos é cousa da presentadora e personal shopper Noelia Rey.

A experiencia comeza na Coruña, onde Lomana non pasa desapercibida e recibe o agarimo da xente durante o seu paseo pola cidade. «Faime moita ilusión estar aquí», recoñece, destacando tamén a gastronomía galega. A cita con Noelia Rey ten lugar no Pazo de Vilaboa, en Culleredo, un escenario señorial que encaixa coa dimensión da escolla.

Alí, lembra a súa relación con Galicia, á que viña con frecuencia. «O meu pai era moi amigo de Álvaro Cunqueiro», quen lle contaba na súa nenez historias de meigas e da Santa Compaña. Así namorou do noso país, unha terra que sempre viu como «un sitio máxico».

Nun salón elegante e coidado ao detalle, Noelia amosa o catálogo cos tres colares que Carmen Lomana coñecerá polo miúdo da man de cada xoieiro. A empresaria queda sorprendida polo nivel das pezas e recoñece, xa de inicio, que «quedou sen palabras, é moi difícil elixir», antes de comezar a analizalas con máis detalle.

Carmen Lomana.

Carmen Lomana. / FdV

Un colar de rubís e 409 diamantes

A primeira proposta é o Colar vermello de Birmania, presentado por Fernando García, de Unión Joyera de Bergondo. Trátase dunha peza en ouro branco de 18 quilates que combina cinco rubís vermellos cunha delicada composición de 409 diamantes, nun deseño pensado para destacar pola súa elegancia e presenza.

O impacto é inmediato. «É un soño, unha xoia atemporal que podes poñer en calquera festa», sinala ela. Fernando pon o acento na dificultade técnica da peza: «Atopar cinco rubís co mesmo nivel de cor e cristal é moi complicado, replicala podería levar anos». Esa exclusividade percíbese ao primeiro golpe de vista, e Lomana non tarda en deixarse conquistar. «Eu son Leo e o rubí é a pedra dos Leo», comenta,tirando de horóscopo.

Está claro que o colar entra polo ollo, pero falta un factor clave: o prezo. Noelia convídaa a aventurar un número. Lomana dubida, pero lanza unha cifra que abriría os ollos -e posiblemente un furado no peto- de calquera persoa pouco douta en xoias. «Pois sobre 200.000 euros», di con calma.

Non anda tan desencamiñada. Sen ser o máis caro do colar, os cinco rubís suman 32.000 euros. O prezo final da proposta de Fernando é de 150.000 euros, unha peza perfecta, apunta a voz en off do programa, para «unha entrega de premios ou para mercar un psio en Corcubión». Case que unha minucia para Lomana, que pensa firmemente que «o valor é moito maior do que o xoieiro quere vender». De feito, «o valor dállo tamén a persoa que o leva», engade.

Na reportaxe sobre a orixe desta peza, Fernando explica a tradición xoieira de Bergondo, que se remonta a finais do século XIX, cando xente do lugar viaxaba a mercar e vender metais preciosos e buscaba pedras en Amberes ou mesmo perlas do Xapón. Falando do colar, explica o experto Manuel Pato que «a excelencia da cor vermella do rubí sería o ton dunha pinga de sangue», o que fai desta pedra unha xema incluso «máis valorada que os diamantes».

Perlas Tahití en homenaxe a Degas

O segundo colar é a Gargantilla Degas, da compostelá Katuxa Platero. Unha peza elaborada en exclusiva con perlas de alta calidade para Carmen Lomana, onde destacan unha ametista e dous topacios azuis engastadas en perlas keshi. «As perlas é o que máis me entusiasma, atopar esas perlas de Tahití tan iguais e preciosas non é nada fácil», valora Lomana.

Un colar brillante que busca render homenaxe ao famoso cadro das bailarinas do francés Edgar Degas, pero que ten un contra de peso para a empresaria: «Con esas perlas tan bonitas e dese tamaño, creo que sobra o demais», di ao respecto da composición de topacios e ametista. Un comentario que non acaba de gustar á súa deseñadora. «Entendo a súa percepción, pero xusto iso é o que a min me fai distinta do resto, iso excesivo», opina Katuxa cun sorriso.

Malia a discrepancia, Lomana é xenerosa na súa taxación da Gargantilla Degas, que estima en 70.000 euros, algo lonxe dos 42.000 euros  finais da peza. «Está moi ben de prezo», opina Lomana impresionada. Con todo, «seguramente esta peza en París valería moito máis», matiza a xoieira.

Logo do prezo, imos a Compostela e coñecemos a historia detrás de xoia e artista dende a vistosa tenda de Katuxa onde, entre luces e pedras preciosas, explica o seu proceso creativo como artesá: «Primeiro namoro das pedras e despois fago os deseños, converso con elas».

«As perlas keshi lémbranme aos tutús das bailarinas, por iso esta homenxe a Degas», conta. A perla é unha pedra de «serenidade», especialmente as perlas Tahití, da Polinesia Francesa, que destacan por presentar un ton aceirado pouco común e moi valorado. Carmen Lomana vai mergullándose no relato e recoñecendo que a gargantilla «é preciosa», aínda que mantén que a gargantilla «a poría con perlas só».

Un colar luminoso con pedras do Brasil

Chega a derradeira proposta co vigués Iago Feijóo: Luces de Baía, unha xoia brillante composta de topacios, ametistas e cuarzos do Brasil engastados en ouro rosa de 18 quilates. «É moi versátil, moi alegre e fácil de combinar. Non é un colar para poñer todos os días, pero vale para ir de sport», explica, pero rapidamente Lomana sae ao paso. «Eu poríao en verán todos os días», retruca cun sorriso.

Á hora de dar un prezo, o ouro rosa e a variedade de pedras semipreciosas complican a estimación. Lomana atrévese con 15.000 euros, un prezo co que, di Iago, «acertaría de cheo» co prezo do ouro de hai dous anos, pero que non acada os 23.000 euros que estima o vigués.

Visitamos a cidade olívica para coñecer a tenda de Luís Feijóo, onde Iago -fillo de Luís-, conta a historia da xoiaría e o proceso de deseño. «O ouro rosa aseméllase ao ton da pel», polo que destacan as cores das pedras. Este colar lévanos a eses paraísos tropicais do Brasil, unha peza fantástica», opina. «Son pedras de moita altura», explica, o que fai «destacar máis a cor» porque «a pedra ten máis espazo para reflictir a luz». Lomana está fascinada vendo como a xoia gaña máis ao vela probada por Noelia na reportaxe. «É marabilloso, é alegría, verán, é O Brasil…»

Achégase o momento da decisión final, pero Noelia Rey ten unha última sorpresa para a súa convidada. Os tres xoieiros trouxeron cadansúas pezas para velas in situ, algo excepcional para a ocasión. Cos tres candidatos en fronte, Lomana está abrumada ante a idea de tomar unha decisión. «É moi difícil elixir, cada unha ten un estilo e cada unha é para un momento diferente», di Carmen Lomana. «Demostra os bos ourives e xoieiros que hai en Galicia», proclama, e conclúe cun último afago: «Que non facedes ben os galegos?».

Tres opcións excepcionais, pero só unha pode ser a elixida. A grande escolla de Carmen Lomana, esta noite, ás 22:50.

Tracking Pixel Contents