Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

AS 22.50 H. ESTREO NA TVG

«El Cordobés» busca en Galicia o tractor perfecto en «A grande escolla»

En cada entrega do novo programa unha celebridade de fora ven na procura dun producto con selo galego

Manuel Díaz escollerá entre tres propostas a maquinaria perfecta para traballar a súa terra

Manuel Díaz, «El Cordobés», nun momento da grabación do programa.

Manuel Díaz, «El Cordobés», nun momento da grabación do programa.

A TVG está de estrea esta noite ás 22:50 horas con A grande escolla, un novo formato que mestura entretemento, concurso e divulgación arredor dun elemento moi noso: a calidade galega. Nesta primeira entrega, o protagonista é o toureiro Manuel Díaz «El Cordobés» que chega a Galicia coa idea clara: atopar o tractor perfecto para traballar a súa terra.

«Os mellores tractores do mundo están en Galicia», asegura nada máis chegar. E non lle falta razón. Aínda que estas máquinas chegaron ao país nos anos 60, hoxe Galicia é un referente en agro tecnificado, cun parque de maquinaria que combina tradición, innovación e orgullo rural. «Vivo no campo e preciso un tractor para as colleitas da miña eira», engade o convidado, que xa avanza o que busca: «Xigante, moderno e actualizado. O máis grande que se poida».

A selección de propostas está nas mans da presentadora e personal shopper Noelia Rey. En cada entrega de A grande escolla, unha celebridade de fóra vén na procura dun produto con selo galego. Noelia investiga e ofrece tres propostas para a celebridade interesada, pero só unha será a elixida.

Noelia e 'El Cordobés' danse cita na Casa con Encanto O Refuxio, en Vila de Cruces. Alí agárdalles unha escolla de alto nivel: tres máquinas que representan o mellor da enxeñaría agrícola actual. «Non son tractores, son avións», solta o andaluz ao velos.

O Titán de Lalín

O primeiro en entrar en escena é Maximino Míguez, empresario retirado cunha vida enteira dedicada ao sector. «Vou a por todas. Levo un dos mellores tractores do mundo», afirma. E non é para menos: trae dende Lalín o «Titán», un Fendt 942 de 420 cabalos .

Fabricado en Alemaña, este modelo incorpora transmisión Vario, GPS e condución guiada, combinando potencia e precisión. «Vaiche durar unha eternidade», asegura Maximino. «As cousas hai que pensalas de xeito que duren».

Noelia pídelle ao toureiro que estime o prezo. Os 250.000 euros de Manuel Díaz quedan algo escasos: o Titán ascende ata os 380.000. «Custa case máis que a miña leira», recoñece sorprendido. Só un neumático traseiro chega aos 6.000 euros. «Eu quedei na época en que ter un tractor valía como moito 80.000 euros, que xa era unha animalada», explica o andaluz, pero Maximino quítalle ferro entre risas retrucándolle que esa cantidade «era o que lle pagaban por unha corrida de touros».

Nas instalacións de Maxideza, a empresa de Maximino, o lalinense detalla as virtudes do seu Fendt: 420 cabalos, velocidade de ata 60 km/h e un manexo totalmente dixital. «Cun só dedo pode moverse». 'El Cordobés' queda convencido: potencia, tecnoloxía e durabilidade nunha soa máquina.

Manuel Díaz, no plató de «A grande escolla»

Manuel Díaz conversa con a presentadora de «A grande escolla», Noelia Rey, / TVG

O Optimus de Silleda

A segunda proposta chega da man de Juanjo Pombo, que presenta o «Optimus», un New Holland T7 315 HD de 315 cabalos . «A nosa base é dar máis sempre por menos», resume.

Este modelo, fabricado en Austria, aposta pola eficiencia: transmisión autocomandada, suspensión hidráulica, corte de seccións e velocidade máxima de 56 km/h . O seu motor FTP de gran cilindrada garante rendemento cun custo máis contido.

No xogo de adiviñar o prezo, 'El Cordobés' acerta de cheo: 290.000 euros. Juanjo insiste: «Temos moitísima máis tecnoloxía que calquera coche que haxa no mercado».

Os extras non faltan —«vén cos botóns todos»—, pero hai un que conquista ao convidado: unha neveira integrada. «Este si que vale para ir ao Rocío!», bromea.

Mentres tanto, fóra de cámara, Maximino móstrase confiado: «O Titán vai gañar, imos moi sobrados». «O campo por desgraza ten menos xente nova traballando, por iso se agradece unha máquina que dea facilidades», reflexiona o toureiro.

O Fórmula 1 de Compostela

A derradeira proposta vén de Santiago. Martín Carballeira presenta o «Fórmula 1», un John Deere 8R de ata 445 cabalos. O compostelán defende a súa aposta cun argumento claro: «Cada vez temos menos horas para facer o mesmo traballo, por iso precisamos unha máquina que funcione». Nesa liña, reivindica o peso da marca no sector: «É a marca agrícola máis vendida a nivel mundial», saca peito Martín, convencido de que é unha aposta segura «de longa durabilidade» e «un valor de recompra bo», asegura.

O Fórmula 1 conta con ducias de extras e características moi atractivas —transmisión eléctrica, telemetría, GPS e condución autoguiada—, pero Martín garda un último detalle. Un asento con calefacción e función de masaxe. Ao andaluz ilumínaselle o rostro.

Porén, o prezo é considerable: só a cabina supera os 50.000 euros, o que ten sentido dentro dos 410.000 euros que custa o F1 .

«Todo publicidade», proclaman os rivais. Tanto Maximino como Juanjo teñen claro que o terceiro competidor é un modelo que ten máis sona que méritos. «Xa non é o que era, son unha secta», di Juanjo entre risas.

A decisión

Coas tres propostas sobre a mesa, 'El Cordobés' segue dubidando. Por iso, Noelia prepáralle unha sorpresa: ver e probar os tractores en acción. Saen fóra e nin a chuvia consegue empañar a experiencia.

Antes da decisión final, todos comparten mesa. A gastronomía galega volve triunfar —como sempre— e a xornada remata cun momento inesperado: Maximino colle o acordeón e todos acaban cantando A Rianxeira.

A grande escolla de Manuel Díaz 'El Cordobés', esta noite, na TVG.

Tracking Pixel Contents