Entrevista | Noelia Rey Presentadora de «A Grande escolla»
Noelia Rey: «Dá igual o que busques, en Galicia vas atopar o mellor»
Manuel Díaz «El Cordobés» abre a lista de convidados, entre os que figuran Carmen Lomana, Bibiana Fernández, Patxi Salinas, Rubén Cortada, Al Bano e María José Campanario
«Quedan fascinados polo talento e a calidade dos productos que temos na nosa terra»

A Televisión de Galicia estrea o vindeiro martes ás 22:50 horas o seu novo programa A Grande escolla polo que desfilarán famosos dos máis diversos ámbitos que quedarán fascinados polo talento e os productos de calidade que temos na nosa terra. O primeiro convidado é Manuel Díaz ‘El Cordobés’, que vén ao país para escoller un tractor para a súa leira. Algo que a priori semella doado resulta nun divertido formato cheo de humor, divulgación e moitas dúbidas. Noelia Rey é a súa presentadora.
En que consiste A Grande escolla?
Os famosos saben que en Galicia hai unha maneira de facer as cousas moi especial, moi ligada ao artesanal, ao oficio, ao mimo polo detalle… e buscan precisamente iso. Eles buscan un produto e nós o que facemos é poñerlles diante tres opcións de altísimo nivel, tres propostas diferentes entre si que representan o mellor que temos. E aí está o xogo: cando todo é tan bo, decidir faise moi complicado. Pero, como di o nome do programa, ao final hai que escoller (risas).
Que veñen buscando os famosos?
De todo, pero sempre hai algo en común: buscan calidade e autenticidade! Coches clásicos, casas, escapadas de fin de semana, vaixelas feitas a man, vestidos de gala, vacas, colares de luxo, tractores, viños, rabaños… Realmente o que buscan é ese saber facer galego, o oficio e a paixón que deixamos marcada no que facemos. Ao final, todos queren levar un anaquiño de Galicia con eles.
A quen veremos polo programa?
Aínda non podemos desvelar todas, pero hai perfís de todo tipo. Dende deportistas como Patxi Salinas ou Fonsi Nieto ata perfís máis sociais como Carmen Lomana, Bibiana Fernández, o actor Rubén Cortada, o cantante Al Bano, a empresaria Maria José Campanario ou o toureiro El Cordobés, que é con quen estreamos na busca do seu tractor ideal.
Para que quere El Cordobés un tractor?
Eu preguntábame o mesmo (risas). El sabe conducir tractores, de feito, acabará probando o do gañador! Ten unha leira moi ampla onde fan sementeira e precisaba un. Como Galicia é unha potencia nisto dos tractores a nivel europeo, decidiu vir aquí para asesorarse e nós ofrecémoslle tres modelos de marcas moi coñecidas polos galegos. Deféndenas tres comercias con moita experiencia e moita retranca que poñen a El Cordobés en máis dun compromiso…
Veremos algún «tesouro oculto» de Galicia?
Hai tesouros en cada recuncho. Moitas veces están a plena vista. Unha rubia galega é unha vaca admirada en todo o mundo que pode superar os 20.000 euros. E temos artesáns de alto nivel. Veremos pratos feitos a man recreando petróglifos do país e roupa de gala elaborada con encaixe de Camariñas e acibeche. Ata veremos un colar de luxo feito por xoieiros coruñeses de cinco rubíes e máis de 400 diamantes valorado en 150.000 euros. O programa ofrece un equilibrio entre tradición e vangarda, sempre poñendo en valor a excelencia do que temos aquí.
Pero tamén hai produtos de fóra?
Si, en Galicia non só sabemos facer, tamen sabemos peneirar. Teñen o noso «selo de calidade» (risas). No episodio de coches clásicos conseguimos un Rosengart de 1939, un modelo único no mundo, e unha réplica espectacular dun Cobra dos 50.
Quen foi o negociador máis duro?
Todos teñen o seu. Carmen Lomana e Bibi Fernández foron moi esixentes. Máis relaxado foi Patxi Salinas. Pero houbo un episodio en que unha persoa convidada estaba tan indecisa que rompeu o formato e escolleu as tres opcións sen réplica. A cara dos participantes e do equipo foi un poema (risas) Pero ao final son estas cousas as que fan ver que o programa está vivo.
Como se consegue que os famosos se esquezan das cámaras?
En xeral entran todos no xogo moi rápido. É un tema do que saben ou teñen moito interese e as propostas son sempre atractivas. Non é só ver un produto, é coñecer a persoa que está detrás e a súa historia. Apréndese moito dende o minuto un e os famosos sempre quedan fascinados co que temos en Galicia.
É un programa de entretemento cunha parte divulgativa.
Totalmente! Os participantes ensínannos dende o proceso da porcelana de alta temperatura ao coidado da vaca frisoa, pasando pola posta a punto dun coche clásico ou o tallado de diamantes, entre moitas cousas! Nunca esperaría aprender sobre denominacións de orixe de viño galego canda Al Bano, a verdade (risas).
Pareces unha embaixadora da «marca Galicia».
É a esencia do programa, sacar peito do talento e a calidade que temos na nosa terra. Pero tras gravar moitos episodios, podo asegurar que non fai falta moito marketing, Galicia véndese soa. Dá igual o que busques, aquí vas atopar o mellor.
Tan difícil é escoller?
Moitísimo! Porque non estás elixindo entre algo bo e algo malo, son tres opcións excelentes. Teñen moito traballo detrás, moito agarimo e moita historia en cada proposta. E cando tes a tres persoas diante defendendo o seu con paixón, sempre custa dicir que non.
Cal é a receita dunha grande escolla?
Ir sen prexuízos, intentar analizar toda a información que nos dan e, sobre todo, ter moi claro que é o que buscamos. Antes de empezar o proceso, pararnos a pensar que vai pesar máis: o prezo, a aparencia, a calidade ou o factor emocional detrás? A clave do éxito está en vir coas ideas claras. Como na vida mesma (risas). Aínda que sobre o papel todo parece moi doado.
- La Xunta acomete el mayor movimiento de personal de su historia: 3.200 empleados públicos cambian de puesto, el 12 por ciento de toda la plantilla
- El ourensano Juan Bouzo, que cumple 104 años, sigue tomando su vaso de vino al día «porque le da fuerza»
- Stellantis Vigo inicia la producción de las primeras furgonetas K9 de tipo 'low cost'
- Toxo vuelve a necesitar ayuda: un ictus deja secuelas en el perro que hace un año acogió una familia de Moaña
- La Xunta da luz verde ambiental al desarrollo de los terrenos de GEA en Ramón Nieto para levantar hasta 950 viviendas en Vigo
- Un barco de la viguesa Opnapa recaptura un atún patudo marcado por los científicos hace casi diez años
- Más de 35.000 trabajadores del textil y del calzado convocados a una jornada de huelga para defender sus derechos
- Un festival de cometas gigantes colorea este sábado la espectacular playa de Foz do Arelho, en Portugal