«A miña gran cidade», esta noite, ás 22.50 horas na TVG
Juanjo Bona, a Esther Estévez: «Vou quedar a vivir en Verín»
Cigarróns, folclore, gastronomía e o manancial de Cabreiroá impresionan ao cantante zaragozano, que non se pode conter e acaba interpretando unha xota no centro da vila

Juanjo Bona e Esther Estévez, durante a súa visita a Verín. / TVG
«A miña gran cidade» viaxa esta noite (TVG, 22.50 horas) á vila de Verín cun episodio moi especial: Esther Estévez exerce de anfitrioa na súa vila natal para tentar conquistar o seu convidado, o cantante Juanjo Bona, nunha carreira contra o reloxo chea de emoción, tradición e algunha que outra sorpresa.
«Estou moi nerviosa», admite Esther antes do encontro. «Verín é o meu sitio, de onde veño e a onde vou volver sempre», di, consciente de que facer de guía na propia vila impón máis que en ningún outro lugar. Cando descobre que o convidado é Juanjo Bona, alucina. El tampouco escatima agarimos: «Só teño palabras bonitas para Esther e o Luar», lembra, definindo aquela visita ao programa comandado por Xosé Ramón Gayoso como «un dos meus mellores días».
A aventura comeza cun paseo pola zona histórica de Verín e unha lección exprés sobre o Entroido no triángulo máxico ourensán. Na praza do Cigarrón, a teoría convértese en realidade cando aparece un cigarrón correndo que lle dá un bo susto ao zaragozano. Tras a explicación do traxe, Juanjo amósase fascinado. «Gústame que haxa xente moza que manteña as tradicións». Anímase a probar a máscara e desata as gargalladas de Esther.
Entre conversas sobre a proximidade con Portugal e o declive do interior —«moitas persoas da miña xeración marcharon fóra», explica Esther, aínda que subliña que «Verín ten moita vida»—, no paseo atopan a Jorge de Arcos, famoso deseñador dos traxes das Tanxugueiras no Benidorm Fest. Con el reflexionan sobre a tradición e sobre como reinventar o folclore. Juanjo cre que os artistas deben «abrir a porta para que siga avanzando e non quede estancado», pero «sempre dende o respecto».
A seguinte parada apela á nostalxia de Esther… e de Juanjo. A verinesa leva o cantante a coller lambetadas á súa tenda de confianza, á que foi dende cativa. Isto entusiasma a Juanjo: «Os meus tíos tiñan o estanco da aldea, sempre ía todos os domingos a pola bolsica», conta mentres colle regalicias.
Logo chega a verbena, outra paixón compartida. «As orquestras son a miña vida, estiven dous anos nunha», confesa el. «É o traballo máis duro e menos valorado; chegáronme a tirar un xeo á cabeza». Destaca o nivel das orquestras galegas, pero o lugar ocupa a súa mente. Está abraiado polas lembranzas que lle trae todo de Magallón, a súa aldea natal. «Paréceme estar na miña aldea: a xente, os lugares, o ambiente tráeme recordos de alí».
No xantar, en Regueiro da Cova, Begoña impón un menú de alto nivel e non dá opción a réplica: «Ía traervos unha carta, pero creo que vou facer o que me dá a gana», avisa cun sorriso. O desfile de pratos —focaccia de sardiña, pementos de Oímbra, queixo de Allariz, croqueta de lacón de porco celta con salsa de castaña, steak tartar de becerra de Riós— deixan a Jaunjo sen palabras. «Sabía que en Galicia ía comer ben, pero este nivel paréceme de dez». E, entre risos, deixa caer: «Vou quedar aquí a vivir».
A tradición volve coller forza na Alameda coa banda Nova Era, agrupación da que forma parte a comunicadora. De sorpresa, Esther toca a gaita en directo e Juanjo queda impactado: «É brutal, non o esperaba». O cantante anímase a probar, pero a xestión do aire complícase e acaba cantando «La magallonera», deixando a todos perplexos. «Foi impresionante ver a Juanjo cantando unha xota na Alameda de Verín», resume Esther.
O tramo final lévaos a Cabreiroá. «Un paraíso de paz», define Juanjo antes de probar a auga. O cheiro sorpréndeo: «Ole forte, non esperas que cheire así, a ovo podre», di entre risos. O sabor convence máis: «Sabe mellor, como unha auga con gas cun toque metálico». Con tantas boas propiedades, por se acaso, o aragonés toma varios vasos. «Estou namorado desta vila, desta xente», agradece el.
Pero o tempo remata e a decisión é só de Juanjo Bona, que debe elixir se escolle a maleta e queda no Verín de Esther Estévez ou marcha co billete de volta.
- «Durante casi 30 años sufrí un dolor que ni en el parto y lo tenías que ocultar»
- Interceptado un conductor de patinete eléctrico en Vigo bajo los efectos de cuatro drogas diferentes
- Balbi, «una pequeña ferretería del deporte» que resiste en Vigo tras casi 40 años de historia
- Inditex refuerza su presencia en la rúa Príncipe con una gran tienda de Oysho
- Once conductores de Uber en Vigo se quedan sin el «título habilitante» para circular
- El IEO documenta dos nuevos ejemplares de peces globo potencialmente tóxicos en aguas de Cangas y Pontevedra que evidencian la «tropicalización» de Galicia
- La constructora de avenida de Portugal desoye la orden de reinicio de obra del Concello y vecinos y comerciantes se movilizan
- Arranca el proceso de hormigonado en la plaza de la Farola