Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«A miña gran cidade: Corazón galego»

Esperanza Aguirre: «A miña nai cantábanos a Rianxeira de pequenos»

A invitada sorprende a Silvia Jato cantando a simbólica peza musical no Ribeiro

Tres experiencias decisivas agardan á madrileña nunha adega, nunha taberna galega e nun balneario con tratamento incluido

«A miña gran cidade: Corazón galego» retoma e pecha esta noite (22.50 horas) na TVG o proceso galeguizador de Esperanza Aguirre pola comarca do Ribeiro, da man da presentadora Silvia Jato. Tres experiencias decisivas agardan á madrileña para poñela a proba na súa conquista do carné de Corazón Galego.

A cuarta parada leva ao dúo ao corazón do viño do Ribeiro, na adega Casal de Armán, onde Nolo Giráldez, xerente do complexo, explícalle como se prepara a cepa tras a vendima. «Temos que facer un equilibrio da planta», indica, precisando que a poda debe facerse «nun día que non sexa de moita chuvia, solleiro mellor», porque «non convén o exceso de humidade». Esperanza Aguirre observa as viñas e reacciona con entusiasmo: «Que bonito isto, que marabilla!».

Nolo Giráldez detense tamén na idade das cepas, algunhas de 25 anos, e no respecto co que hai que tratar a uva cando está madura. Esperanza reivindica o produto: «En España temos os mellores viños do mundo». Xa no interior da adega, a política non para de preguntar sobre os detalles deste laborioso proceso, cheo de precisión e boa man. E despois de velo, toca catalo, pero Aguirre advirte con humor: «Pouco que estou en xaxún!». Un groliño e a madrileña queda fascinada co caldo ribeirán: «A min non me parece que lle falte nada. Está estupendísimo».

Nolo lembra que «o Ribeiro é a denominación de orixe máis antiga de Galicia» e amosa ás súas dúas visitantes un viño que chegou a probar o papa Xoán Paulo II. Silvia Jato, pola súa banda, insiste: «Hai que mandar sempre unha mensaxe de consumo moderado, menores nin unha gota». «Unha cousa é beber e outra, abusar», resume a lucense, responsable de relacións institucionais da Fundación Alcohol y Sociedad e comprometida coa causa.

De camiño á seguinte experiencia, xa na furgoneta, Silvia explícalle a Esperanza o sistema de socalcos e terrazas dos vales do Miño e do Sil e comenta algúns dos viños galegos máis recoñecidos. «Obama puxo Godello nunha cea importante cando era presidente», saca peito a lucense. 

Para a quinta experiencia viaxan ao Bar Os Faroles, en Cenlle. O grupo Cuncas de Son recíbeas coa «Foliada de Carril» e Justo, integrante do grupo, exerce de voceiro.

Explícalle a Esperanza Aguirre que son as cuncas e en que consisten os cantos de taberna. «Non hai localidade que non teña o seu grupo», afirma. «O canto de taberna existiu sempre; cantábase no campo, na seitura ou na vendima. Traballábase, pero tamén se cantaba».

Esperanza recoñece que nunca estivera nunha taberna galega e sorprende ao lembrar a súa infancia: «A miña nai, que ten 97 anos, cantábanos a todos a Rianxeira. Eramos oito irmáns e para ternos tranquilos cantábanos cancións rexionais». O grupo arrinca coa Rianxeira, un dos nosos himnos non oficiais, e Esperanza bota a cantar e demostra que coñece ben a letra. Silvia queda de pedra: «Sorprendeume moitísimo que soubese cantar a Rianxeira». A visitante presume con orgullo: «Os Aguirre Gil de Biedma cantamos sen parar». Antes de marchar, Justo convida a volver cando queira e reivindica o país: «Galicia é especial, receptora para todo o mundo! Temos que presumir do que temos». A despedida ao ritmo da «Ribeirana de Vigo».

No traxecto cara á última experiencia, Silvia pregúntalle que é o primeiro que lle vén á cabeza ao pensar en Galicia. Esperanza non dubida: «A xente, que é encantadora. E a comida! Valoro moito as cousas de Galicia». A sexta e derradeira experiencia ten lugar no Balneario de Laias, á beira do Miño. Silvia explícalle os beneficios das augas termais, mentres Alberto Canal, responsable de Comunicación, achega os datos técnicos. «Son augas con 10.000 anos de antigüidade», sinala. «Saen a 52 graos da profundidade, son augas hipertermais».  

Alberto lembra tamén que xa eran utilizadas polos pobos castrexos e que están recomendadas para doenzas dermatolóxicas e reumatolóxicas. Esperanza móstrase curiosa e pregunta polo proceso de mineralización das augas. Tamén sorprende ao recoñecer que nunca estivera nun balneario. «Este balneario é unha marabilla», comenta a madrileña. A visita complétase cun tratamento: peeling, máscara hidratante de arroz para as mans e masaxe de pés. Silvia, rendida ao momento, comenta entre risas: «Non mo creo: eu calada!».

Rematadas as seis experiencias polo Ribeiro, chegan as valoracións finais. As notas xa están postas, pero a decisión definitiva é só da lucense. Esta noite, ás 22:50 horas, saberase se Esperanza Aguirre consegue ou non o seu carné de Corazón Galego.

Tracking Pixel Contents