“A miña gran cidade: Corazón galego”, este lunes as 22:50 horas na TVG
Esperanza Aguirre namora desta vila galega: «É unha das máis fermosas de España»
“Teño algo de galega; a miña avoa materna era Vega de Seoane, e Seoane é moi galego” revela a convidada madrileña que percorre a vila con Silvia Jato de anfitrioa orgullosa da súa terra

Esperanza Aguirre coñece Ribadavia xunto a Silvia Jato. / FDV
“A miña gran cidade: Corazón galego” viaxa este luns ás 22:50 horas na TVG ao Ribeiro cun dúo que non deixa indiferente: a presentadora e modelo Silvia Jato, anfitrioa orgullosa da súa terra, e a política Esperanza Aguirre, convidada madrileña disposta a mergullarse de cheo na cultura galega para gañar o seu carné de Corazón galego.
A primeira experiencia lévaas ata Ribadavia, corazón histórico do Ribeiro. Esperanza Aguirre pasea por primeira vez pola vila e non tarda en renderse: «É unha das vilas máis fermosas de España». As rúas empedradas, as casas señoriais e os soportais van deixando pegada. Mentres ergue a vista e se detén nos detalles arquitectónicos da zona histórica da vila e mesmo se lamenta, case indignada, por «non ter o teléfono para tirar unha foto». Silvia Jato observa a reacción da súa convidada con orgullo e emoción. «Quedou abraiada, encantoume que unha persoa de fóra quedase marabillada, é máxico», confesa á cámara.
Durante o paseo acompáñaas Antonio Míguez, historiador, veciño da vila e responsable da Oficina de Turismo, unha auténtica enciclopedia viva do Ribeiro. Con el, Esperanza resolve dúbidas e descobre que a historia aquí está en cada recuncho. Falan do Camiño de Santiago, que atravesa a vila, e Antonio explica que antano «os peregrinos recuperábanse bebendo viño de Ribadavia, que era como se lle chamaba entón ao do Ribeiro». Un viño que se bebía na cuncha da vieira, detalle que acabaría por converterse en símbolo do propio Camiño. A conversa continúa mentres se cruzan con veciños e visitantes que as recoñecen e se achegan a saudar. Esperanza analiza a situación con humor: «A xente de máis de 45 coñéceme, a de menos de 35 xa non porque non ve a televisión». Incluso paran a falar cunha entrañable parella chegada de Barcelona. Silvia lémbralles aos visitantes que Galicia é bonita e o home, cun sorriso cómplice, respóndelle en galego: «Galiza é preciosa».
A seguinte parada é na Igrexa de Santiago de Ribadavia. No interior, varios veciños recíbenas ao carón dun fermoso belén, feito a man en madeira de castiñeiro por Xulio, que deixa impresionadas as dúas visitantes. «É unha igrexa estupendísima», di Esperanza, que se declara admiradora da arquitectura románica. Antonio aproveita para engadir máis contexto histórico: «O viño máis citado na literatura do Século de Ouro é o viño de Ribadavia» e lembra tamén que «é o primeiro viño documentado en chegar a América con Colón».
Ao saíren da igrexa, Esperanza detense nas portas talladas e repara nas cunchas esculpidas. «Teño que chamalas vieiras», comenta. Antonio bótalle unha man: «Se queres ser máis galega, si», di entre risas, co asentimento inmediato de Silvia. E é nese momento cando Aguirre fai unha confesión persoal que sorprende: «Teño algo de galega! A miña avoa materna era Vega de Seoane, e Seoane é moi galego».
Antonio aínda garda máis historias no peto. Fala da ponte de ferro sobre o Avia, construída en 1882 polo arquitecto catalán Erasmo Pascual, casado cunha ribadaviense, e pai do que sería o marido da famosa actriz Rafaela Aparicio. «Por iso ela sempre dicía que a tratasen ben cando viña a Galicia, porque o seu home era de Ribadavia», conta con humor o historiador.

As protagonistas do programa, nun momento da visita por Ribadavia. / FDV
A ruta continúa pola Xudaría de Ribadavia, un dos barrios hebreos mellor conservados de Galicia. Alí fan parada en A Tafona do Camiño, onde as recibe Chema Dapena, copropietario do obradoiro e defensor da memoria sefardí, que preserva a través de receitas tradicionais herdadas da súa avoa israelí. «A de Ribadavia é unha das 22 xudarías de España», explica, mentres lles fala dunha repostaría baseada «na naturalidade, nos froitos secos e nas especias naturais». Silvia asegura que a súa convidada «gústanlle moito as culturas diferentes; aínda que sexa moi madrileña e moi castiza».
Despois de tanto camiñar, Esperanza recoñece o cansazo: «Menos mal que nos puxemos zapatillas». Pero aínda queda un último punto forte: o castelo. Desde alí, a política madrileña namora dos parladoiros, os asentos de pedra situados aos dous lados das ventás do castelo. «Quedei totalmente impresionada con Ribadavia, non sabía que fora unha cidade importantísima», admite. O broche final ponllo Antonio cunha frase que resume identidade e carácter: «A nosa relixión é un bo polbo á feira, un bo viño do Ribeiro e un pan de centeo». A reacción de Esperanza provoca gargalladas: «Ah, pulpo! Pensaba que era outra cousa… é que en castelán é outra cousa…».
Tras tanto camiñar, toca sentar á mesa na segunda experiencia do programa. Antes do xantar, Silvia fala da súa avoa, unha muller que lle dicía que había que estar «no centro do medio». Esperanza discrepa sen rodeos: «A min non me gusta nada a moderación, eu son radical. Son así e vou seguir séndoo». Iso si, matiza: «Como boa liberal, se me demostran que estou equivocada, non teño inconveniente en recoñecelo e pasarme á doutrina contraria». O escenario do xantar é o restaurante Sábrego, onde as atende Jorge González, xerente do local e cuarta xeración dunha familia vencellada ao viño do Ribeiro. Esperanza entra con fame e interese: «A min da gastronomía galega gústame todo, pero o caldo galego para comezar». Silvia non dubida: «A gastronomía galega é a máis completa de España, aquí non hai un pero». Chega unha escolma que percorre o país prato a prato: vieiras, fabas de Lourenzá, galo de Vila de Cruces, pescada de Burela ao pincho… Silvia explícalle a orixe de cada produto mentres Esperanza goza e aprende. «Déronnos un menú degustación que xa me serviu para non querer merendar, nin cear nin nada!», ri. «Estaba estupendamente boa, espectacular».
Na conversa, Esperanza admite un tópico moi estendido: «Os madrileños pensamos que en Galicia non vai frío, que só chove». Algo que Silvia pode desmentir como lucense de berce. Entre prato e prato, falan dos comezos de Silvia na modelaxe e na televisión e dos prexuízos que sufriu na universidade pola súa fama. «Lembro que sacara un oito nun exame e cando fun á revisión o profesor dixo: “Miss Gaitas, chégalle”». O balance para a madrileña da súa anfitrioa é claro: «Silvia é marabillosa, culta, simpática e ten unha vida normal, moi agradable». E Silvia resume o xantar cunha palabra moi galega: «Que fartura!». Esperanza, pola súa banda, non deixou nin unha migalla.

Jato e Aguirre, no museo do traxe tradicional. / FDV
A última experiencia desta primeira entrega lévaas ao mundo do traxe tradicional. A mestra é Mercedes, costureira experta, que lle explica a Esperanza as antigas pezas do traxe galego e os seus nomes. Pero comeza polos tipos: «Teriamos o traxe de gala, o de faena e o de cotío», matizando que os de gala «eran contados, só as familias máis ricas tiñan un». Mercedes viste a Esperanza precisamente cun de gala típico do sur de Ourense, negro, con bordados delicados. Mercedes explícalle o significado dos abalorios típicos: «O sapo era a xoia que lle regalaban á nai cando tiña o primeiro fillo». Tamén lle fala da faldriqueira, o peto oculto da saia. Aguirre sorrí ao lembrar: «Cando era pequena no colexio levabamos unha faldriqueira». Mercedes continúa coa lección: polainas, dengue, cofia, sancosmeiro… e unha explicación que vai máis alá da roupa: «O traxe é unha linguaxe». As cores falan do estado civil, igual que os panos e os nós. Nos traxes, «o branco é para as solteiras novas, logo usan vermello e as viuvas e casadas, o negro».
A conversa remata cunha anécdota familiar: «Eu cando lle vin as pernas á miña avoa por primeira vez, resplandecían do brancas que eran», lembra Mercedes, entre risas, falando de cando estar morena era sinal de traballar ao sol. A primeira entrega de Esperanza Aguirre polo Ribeiro remata co traxe posto, pero aínda lle quedan por diante máis aventuras para conquistar o carné de Corazón galego, como aprender de primeira man os segredos do viño do Ribeiro nunha adega, os beneficios e praceres do termalismo ourensán ou a ledicia dos cantos de taberna.
- Mónica, madre de un niño con cáncer: «No sabía cómo decirle a mi hijo que se le iba a caer el pelo»
- En 44 días ha llovido tanto en Galicia que el agua caída daría para abastecer a la comunidad durante 113 años
- La licencia del Concello da vía libre para la construcción de 25 cabañas elevadas en Nigrán
- ¿Dónde viven los extranjeros? Así se distribuyen por las calles de Vigo
- Muere el presidente de la CMVMC de Ventosela al caerle encima un árbol que talaba en Soutomaior: «Sen ti, o teu legado permanecerá con nós»
- El norte de Portugal adelanta a Vigo: ya trabaja para crear un Área metropolitana
- La Ley de Propiedad Horizontal lo confirma: no se puede prohibir el acceso de perros y gatos a la comunidad en Galicia
- No te vas a creer el cambio físico de uno de los 'Mozos de Arousa' un año después de su bum mediático