A MIÑA GRAN CIDADE, CORAZÓN GALEGO, HOXÉ AS 22.00 H. NA TVG
Terelu Campos: «O primeiro pregón que dei na miña vida foi en Ortigueira»
A presentadora, co fisterrán Eddy Insua como anfitrión, lánzase a vivir varias experiencias entre Mañón, Cariño e Ortigueira
Xoga ao tute, vaise de cuncas e namorase de Ortegal: «Parece que estamos noutro planeta»
A TVG viaxa este luns (22.50 horas) á comarca de Ortegal nunha nova entrega de A miña gran cidade: Corazón Galego, coa presentadora Terelu Campos como convidada e o fisterrán Eddy Insua como anfitrión. A malagueña lánzase a vivir varias experiencias entre Mañón, Cariño e Ortigueira co obxectivo de conquistar o seu carné de corazón galego da man «do guapísimo de Gran Hermano», como lle di ela a Eddy.
A primeira parada é Mañón, na ría do Barqueiro, onde se estrean como mariscadores. Eddy advírtea antes de chegaren á praia: «Vés moi guapa, pero non é a indumentaria perfecta para o que imos facer», e tráelle unhas botas para baixar á area. A imaxe das rochas cheas de ostra rizada déixaa abraiada: «É unha cousa espectacular, parece que estamos noutro planeta».
Coa mariscadora Cristina como mestra, aprenden a diferenciar as ostras nais das fillas, a golpealas para desprendelas da pedra e a valorar o esforzo que hai detrás de cada ostra apañada. «Cando comades unha ostriña, pensade no traballo que ten», di Terelu mirando a cámara, coas súas luvas e coitelo en man.
No medio, Eddy saca casualmente o tema de se as ostras son afrodisíacas. Cristina responde lixeira: «Din que si, non sei, terías que probalas!», facendo que a malagueña se ruborice entre risas.
Da area pasan á lonxa, onde acompañan o marisco ata a venda. O peso do capacho sorprende os dous famosos, que o levan man a man. Cristina ri mentres lles explica que moitas veces eses capachos os leva unha mariscadora soa: «As mulleres do norte estamos fortes». Na lonxa explícanlles como se separan as ameixas polo peso e como funciona a poxa, mentres todos coinciden en que Terelu aprende rápido e se mostra próxima e agradecida polo que descobre neste mundo mariñeiro.
A segunda experiencia lévaos á taberna Relojes, en Mañón, territorio sagrado de barra, cuncas e contos. Eddy explícalle que os galegos temos «ese sentimento de pertenza, de dicir, vou á taberna, sen facer falta dicir a cal vas». Sorprende ver unha personaxe como Terelu Campos nese escenario tan de pais, pero os prexuízos disípanse ao pouco. Esther, a rexente da tasca, recíbea cun sorriso: «Aquí sabemos os contos todos!». E a malagueña
recoñece que está moi a gusto: «Son moi de barra, de ter o cóbado aí apoiado e estar de charla», admite, engadindo que tamén é «moi do viño galego».
Coa confianza collida, chega un xesto moi seu: «Como creo que imos ser amigos, a todos os meus amigos lles fago isto sempre!», di antes de collerlle a cervexa da man a Eddy e dar un grolo. Logo aprende a beber viño en cunca, co polgar por riba do bordo, mentres el lle conta que nas tabernas «se arranxa o país, poñemos podre o veciño e chamamos a xente polos alcumes». Esther, por suposto, non a deixa escapar sen pasar pola barra: Terelu reparte bandexas e serve viños e tapas de tortilla a unha mesa de xogadores de tute.
A partida de tute convértese nun dos momentos máis divertidos. «A min gústame xogar para divertirme», di ela, mentres Eddy confesa que lle encanta «amolar a xente e facer rabiar». Cando sentan, Terelu saca o seu lado competitivo e decide que non quere ir de parella con Eddy porque «non sabe xogar». «Manda carallo, que competitiva é!», láisase o fisterrán. Razón non lle falta, o rapaz precisa consello para aprender as regras do xogo, e báilanlle os cantes e os trunfos. «Eu se teño un par de viños, canto o que sexa», di Eddy con graza. Trala partida e mesmo dun dominó improvisado, ela remata recoñecendo que «podería pasar horas aquí» na taberna canda os veciños.
«Pero como vou tocar eu a gaita se iso é dificilísimo?».
A aventura continúa polo Ortegal e desprázanse de Mañón a Ortigueira. Entre unha parada e outra, a furgoneta convértese en confesionario. Eddy pregúntalle pola vida sentimental e ela responde con honestidade que leva unha década sen parella e está ben así. «Eu con pena non vou morrer, podes quedar tranquilo», di, con humor e determinación. Tamén admite que «o 99% dos meus amigos non pertencen ao meu mundo» e reflexiona sobre como a repercusión mediática condicionou as súas relacións: «A repercusión mediática de saír con alguén coñecido botoume para atrás, e iso penso que botou para atrás a cantidade de homes de min».
A terceira parada é no teatro da Beneficencia, en Ortigueira. Sentan na primeira fila diante dun pano pechado e, cando soa a música e se abre, descóbrese a Escola de Gaitas de Ortigueira, a primeira banda oficial de gaitas de Galicia. Terelu queda cativada: «Que bonita, por favor, que música tan bonita». Eddy non lle deixa tempo a acomodarse: «Agora tócache a ti». Ela, entre incrédula e asustada, protesta: «Pero como vou tocar eu a gaita se iso é dificilísimo?».
Estefanía, gaiteira veterana, explícalle a historia da Escola e do Festival de Ortigueira mentres Terelu lembra con emoción: «O primeiro pregón que dei na miña vida foi en Ortigueira. Non volvín dende hai 30 anos!». Como «as gaitas son como as parellas e non se comparten», propoñenlle empezar pola pandeireta. O ritmo non lle sae como quixer, e ela mesma se rí de si: «A xente pensa que a pandeireta é calquera parvada…». Pero máis alá das dificultades, quédalle gravado algo que a emociona: «O que máis me chamou a atención é que xente tan nova se implique en seguir os costumes, o que é noso».
Aínda lle quedan por diante máis probas para gañar definitivamente o seu carné de corazón galego: aprender coas redeiras de Cariño, cociñar un lumbrigante no restaurante Marea ou espantar malos espíritos cunha boa queimada. Se o consegue ou non, verase máis adiante; polo de agora, o que está claro é que en Ortegal deu xa os primeiros pasos serios para galeguizar o seu corazón.
- Bañeras de mármol y piezas de la balaustrada de hace un siglo entre los restos del derribo del antiguo balneario do Outeiro: la Xunta pide a la Policía Autonómica que acuda al inmueble
- Fallece con cinco días de diferencia el matrimonio centenario de Nigrán tras 78 años de casados
- La Policía Local de Vigo rescata a una joven arrastrada por la corriente unos 50 metros en la desembocadura del Lagares
- Murió tras un error de diagnóstico en las Urgencias del hospital de Ourense después de un accidente en una ambulancia
- Así afecta la presencia de E. coli en las playas de Vigo: esto es lo que pasa si te bañas
- Ya está el calendario escolar 2026-2027 en Galicia: fechas de inicio de curso, vacaciones y claves para la conciliación familiar
- El PP pide responsabilidades al gobierno local por los vertidos en las playas y el «caos en el balizamiento»
- Qué supermercados, tiendas y centros comerciales abren en Vigo este 15 de agosto: todos los horarios
