Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Bertín Osborne: «Eu estou galeguizado desde hai 40 anos»

O cantante andaluz arranca a súa galeguización no Salnés da man de Eva Iglesias

Xuntos visitan unha adega, unha capela e un restaurante para facer unha empanada

Bertín Osborne e Eva Iglesias, na capela de San Amaro, en Meaño.

Bertín Osborne e Eva Iglesias, na capela de San Amaro, en Meaño. / FdV

Vigo

Bertín Osborne regresa a Galicia disposto a poñerse a proba. Hoxe luns ás 22.50 horas chega á TVG «A miña gran cidade. Corazón galego», un novo formato no que as celebridades de fóra deberán superar seis experiencias para conquistar o seu carné de corazón galego.

O primeiro aspirante é o cantante andaluz, acompañado pola incombustible Eva Iglesias. O escenario: o Salnés, berce do albariño e o bo marisco. «Con Eva calquera cousa é imprevisible, pero vaime encantar seguro», anuncia Bertín antes de comezar. E razón non lle falta: a xornada entre ambos é un percorrido pola Galicia máis auténtica, dende a tradición das aldeas á música e a gastronomía do país. El xa confesa dende un inicio: «Estou galeguizado dende hai 40 anos».

A primeira experiencia lévaos á aldea de San Amaro, en Meaño, onde os recibe Lola, veciña devota e fan declarada do invitado. «Santo Amaro era o discípulo de San Bieito. Este é o pobre; San Bieito, o rico», explica. Eva non tarda en poñer o punto de retranca: «Boa falta che fai un santo avogoso para a reuma, que xa tes unha idade». A veciña tamén lles fala da Virxe da Lanzada e da tradición das mulleres que se bañaban na noite agardando as nove ondas para quedaren embarazadas. «Que as manden á miña casa, e non hai problema», responde el entre risas.

«Crieime nunha adega!»

No pequeno templo, o campaneiro Rogelio ensínalles a distinguir os diferentes toques e lamenta a perda desta linguaxe: «O problema estivo nos 70 e 80, coa chegada das máquinas. Os rapaces novos xa non saben tocar as campás».

A segunda experiencia celébrase entre viñas. Bertín, está coma peixe na auga: «Eu son moi bebedor de viño branco, e só bebo albariño e ribeiro». Eva lévao á adega A do Ferreiro, onde os fillos de Gerardo Méndez, Manuel e Encarna, explican o segredo do albariño. «O noso solo non retén a humidade. Pode chover moito, pero seca rápido», comenta Encarna. Bertín, atento, asente e confesa que tiña pensado mercar un pazo no Rosal, pero a produción anual de 20.000 botellas non lle era abondo. Eva aproveita para picar: «Pero para que queres ti un pazo? Os ricos non tedes onde meter os cartos!» El retruca doído: «Pero se estou teso!», provocando a risa xeral.

O cantante sorprende a Eva falando con soltura de vendimas e barricas: «Vida miña, chámome Osborne, crieime nunha adega!» E lembra a súa nomeación como cabaleiro do albariño por Fraga en Cambados: «Déronme unha capa preciosa e cando ía levala dixéronme que tiña que devolvela!» Eva, previsora tras a experiencia en Rianxo cando o se convidado lle botara en cara que o viño non estaba abondo frío, tiña preparado un capacho con xeo para refrescar o viño. Porén, Bertín, ben por gusto ben por decoro, agradeceu a temperatura na que viña o viño: «Así si, este está perfecto».

«Que pouco xeito tes!»

A terceira parada lévaos á quinta de San Amaro, onde os agarda a cociñeira Rocío Garrido. O reto: facer unha empanada de millo con mexillóns. Na cociña, póñense coas mans á masa, literalmente. O andaluz remexe, amasa con paciencia e boa letra e Eva, implacable, apúrao: «Que pouco xeito tes, Bertín!”

Logo de tres experiencias no Salnés, Bertín avanzou no seu proceso galeguizador. Pero o camiño cara ao carné de «Corazón Galego» aínda non remata. Quédanlle por diante tres novas probas —aprender a tocar a pandeireteira, subirse a unha batea e un xantar de fartura— que decidirán se o sevillano pode presumir de galeguidade total.

Tracking Pixel Contents