Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xabarin.gal vive un mes de novembro cheo de series para os máis pequenos

A plataforma da CSAG incorpora ao seu catálogo as series ‘Sonic Boom’, ‘Galego para peques’, ‘Learning time with Timmy’, ‘Mononautas’ e novos capítulos de ‘Shin Chan’

As novas series que se incorporan este mes á plataforma Xabarin.gal

As novas series que se incorporan este mes á plataforma Xabarin.gal / CSAG

Diego G. Carballo

Santiago

Xabarin.gal, a plataforma de streaming en liña da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG, antes CRTVG) para os máis pequenos da casa, ven de anunciar varias estreas de series novas e tempadas de outras xa dispoñibles no seu catálogo durante o mes de novembro.

Sonic Boom, unha nova versión animada do icónico personaxe de videoxogos, xa se pode ver na plataforma. Os 20 primeiros capítulos da serie seguen a Sonic e os seus amigos Tails, Knuckles, Amy e Sticks, mentres protagonizan aventuras con toques de humor e acción mentres reforzan o poder da amizade. A serie conta cun gran recoñecemento internacional, e de seguro tocará a fibra nostálxica dos primeiros espectadores do Xabarin Club

'Sonic Boom', xa dispoñible en Xabarin.gal

'Sonic Boom', xa dispoñible en Xabarin.gal / CSAG

Fomento do galego

O próximo venres 14 chegará Galego para peques, unha colección de 14 cancións audiovisuais coa promoción do uso do galego na infancia en mente. Este proxecto foi recoñecido co XVI Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña, e foi finalista nos premios Youtubeiras+ e no Festival Carballo Interplay. A produción destaca polo seu deseño amable e inclusivo, coidando aspectos coma a iluminación, o ritmo e o son. Ao mesmo tempo, incorpora pictogramas como ferramenta de comunicación aumentativa, o que fai que todos os rapaces con necesidades educativas especiais tamén poidan gozar da serie.

'Galego para peques' chega a Xabarin.gal o 14 de novembro

'Galego para peques' chega a Xabarin.gal o 14 de novembro / CSAG

Ese mesmo día tamén chegarán dez novos capítulos do fenómeno do Xabarín dende hai décadas, Shin Chan. Unha das series máis queridas polo público galego, estas novas entregas seguirán as aventuras de Shinnosuke Nohara, sempre co seu humor irreverente e retratos familiares cheo de espontaneidade. Adorada por diferentes xeracións Xabarín, esta é unha proposta que os maiores poden ver cos pequechos da casa e gozar todos en familia.

'Shin Chan' estrea dez novos capítulos o 14 de novembro

'Shin Chan' estrea dez novos capítulos o 14 de novembro / CSAG

Éxitos internacionais

O 21 de novembro chega a Xabarin.gal Learning Time with Timmy, dos creadores da recoñecida Shaun the Sheep. Está protagonizada polo cordeiro Timmy, que aparece na serie orixinal con Shaun, e achega unha introdución ao inglés a través de xogos, repeticións e narracións visuais. Esta produción de BBC Studios en colaboración co British Council está pensada para nenos de tres a seis anos, reforzando así a aprendizaxe de idiomas dos máis cativos dende "un espazo seguro, divertido e en galego, en coherencia coas liñas educativas e culturais da CSAG", afirman dende a corporación.

'Learning Time with Timmy' estrearáse o 21 de novembro

'Learning Time with Timmy' estrearáse o 21 de novembro / CSAG

Por último, o venres 28 de novembro chegará Mononautas, procedente de Canadá, na que dous intrépidos monos astronautas viven misións espaciais cheas de caos, humor absurdo e acción desbordante. Pensada para o público de 6 a 10 anos, o seu ritmo trepidante e estética colorista é unha nova interpretación dun dos títulos máis recoñecibles da programación infantil dos últimos tempos.

'Mononautas' será a última en chegar, o 28 de novembro

'Mononautas' será a última en chegar, o 28 de novembro / CSAG

Compromiso coa infancia

As propostas buscan combinar "entretemento, aprendizaxe e promoción da lingua galega, reforzando o compromiso da CSAG coa infancia e co seu papel como servizo público", segundo informan dende o ente.

Ademais, os novos contidos buscan conectar coa "Xeración Xabarín", fomentar o uso do galego en idades temperás e dar ao público galego producións internacionais de prestixio.

Tracking Pixel Contents