Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«‘Land Rober’ é coma un fillo do que estou moi orgulloso»

Tras 16 anos sendo un programa semanal, Land Rober +Show transfórmase nun espazo diario no access prime time da TVG a partir deste luns 10 ás 21.45 horas. O seu presentador desvélanos como será este cambio

Roberto Vilar, presentador de 'Land Rober +Show', no plató onde se grava o programa.

Roberto Vilar, presentador de 'Land Rober +Show', no plató onde se grava o programa. / Jesús Prieto

DIEGO G. CARBALLO RODRIGO PAZ

Santiago

Vén de facer o xoves o último Land Rober «á vella usanza». Que sinte pechando esta etapa?

Ao final, o sentimento que máis queda é o da responsabilidade. Tamén de emoción e agradecemento, pero a responsabilidade é a de entrar na casa dos galegos catro días á semana durante unha hora e tentar que se divirtan, que se rían e se esquezan de problemas. Para os que facemos comedia é unha responsabilidade, e hai que convivir con ela e gozar. Estás todos os días intentando facelo o mellor posible, pero tes que desfrutar, se non, non merece a pena.

Que sentiu cando soubo que a TVG quería apostar por vostede para facer fronte a espazos como La revuelta ou El hormiguero?

Moi agradecido, tanto á TVG coma aos espectadores, que son os verdadeiros protagonistas. Para min é como un premio, é un programa que leva 16 anos en pantalla e que pase a ser diario, a ser un dos programas principais da canle... Estamos agradecidos e felices, como se nos tocase a lotería. Agora vén o de poñerse a traballar, de facelo o mellor posible. Estou moi agradecido á canle, que fai unha aposta a medio-longo prazo, porque sabe que vai ser difícil de inicio. É unha franxa moi competida, na que hai produtos moi bos, como son El hormiguero, La revuelta ou First dates, feitos con moito talento.

Tivo claro que a fórmula tiña que ser a do Land Rober?

O Land Rober leva 16 anos, fixemos de todo, e ten unha audiencia moi fiel. Se é fiel é porque lle gusta o que facemos, entón non o podemos abandonar. Temos que coñecer os nosos valores, que son o país, o idioma, Eva Iglesias, que é unha das mellores comediantes de España, facer sketches, comunicarnos e facer comedia coma nós sabemos. Pero agora temos máis tempo e podemos explorar outros territorios, facer máis cousas, de aí que se chame Land Rober +Show, porque mellora non só en cantidade, senón en cantidade. Haberá un colaborador distinto cada día para que o programa sexa máis variado.

Falando de Broncano, resultou impactante que anunciase o programa cun dos seus competidores. Como se xestou esta promoción?

Eu teño moi boa relación tanto con David Broncano coma con Pablo Motos, coñecémonos todos e respectámonos, e creo que nos admiramos, porque sabemos o difícil que é botar tantos anos na televisión. Con David, fun un día a velo a La revuelta, el non sabía que eu estaba, espereino na saída e estiven falando con el, propúxenlle gravar a promo, e el encantado, é un amor. E con Pablo imos facelo tamén, pero aínda non atopamos a data.

Novo programa, novo nome... Entendo que Land Rober +Show virá cheo de moitas novidades...

Esa é a idea, hoxe a televisión non está tan encorsetada como antigamente. Ao mellor tes pensado facer unha cousa, pero mañá queres cambiala, e o público quere que o cambies, que os programas estean vivos. Iso é algo que abriu moi ben Broncano, que todo estea vivo e sexa dinámico. Nos xogamos moito cos erros que cometemos, e intentamos que xoguen a favor noso, entón o programa vai estar moi aberto a iso, e tamén moi atento á actualidade.

Algo que fai moito Broncano é o contacto co público de plató, que tamén é típico do Land Rober.

En público somos os mellores, aí non teño problema en dicilo. Coa xente, os invitados, sobre todo os de fóra de Galicia... eu estiven en moitos platós de España e nunca vin nada semellante, é un público brutal, é o noso gran valor, o que nos fai dar a min, a Eva, a Roi e a todos o 150%.

Este novo Land Rober poderemos velo xa este luns. Será cun programa ao grande?

Que boa pregunta. Oxalá cha puidera contestar (ri). Nós nunca fomos moito de contar, pero este ano queremos que o espectador poña o Land Rober sen saber nada, que as cousas vaian sorprendendo e o poida desfrutar, entón non estamos contando nada. Nin de colaboradores, de invitados, de que vai cambiar ou pasar...

Nervioso coa chegada do gran día da estrea?

Si, claro, estou nervioso porque o meu traballo consiste en gustar, e agora vouno ter que facer catro días á semana. Pero estou moi feliz, e o luns vai ser moi especial, porque para min o Land Rober é coma un fillo, que tiven no 2009 e do que estou moi orgulloso.

Non lle teme o directo?

Non sabemos o que vai pasar, porque nós realmente intentamos facer comedia, e facelo catro días seguidos, catro horas á semana... é ambicioso, aí xa me asustaches. Pero é o que nos gusta, eu o que amo é isto, e vou ter máis. Para min estar diante da pantalla, no plató, en directo, é unha felicidade máxima. Non é traballo, é o contrario, pero detrás de todo iso hai moitas horas.

Non me estrana tendo compañeiros coma Eva Iglesias e Roi Méndez. Como se están adaptando a esta nova etapa?

O que me fai moi feliz é ver a todo o mundo moi ilusionado, como Eva, que leva moitos anos aquí e que o programa xa é dela, porque o público quérelle como eu nunca vin querer a ninguén nun plató.

A que lle teme Roberto Vilar?

Eu vivo en procesos de non ter medo, porque me din conta de que o gran problema do ser humano é o medo. Agora mesmo só teño medo de que lle pase algo á xente que quero, ao resto non se lle pode chamar medo.

Cre que estará á altura das expectativas tendo en conta os bos datos do Land Rober ata o momento nas noites dos xoves?

Eu teño a completa seguridade de que o programa vai estar mellor. Iso non significa que funcione mellor, pero de que vai ser un programa mellor seguro, porque vai durar a metade, e a comedia canto menos dure, mellor. E despois todo o novo que estamos aportando... Agora, que funcione ou non? Evidentemente non sei, porque na tele ninguén sabe, xa que non só depende de ti.

Tracking Pixel Contents