'A miña gran cidade. Corazón Galego'
«'Corazón Galego' ensina Galicia aos de fóra, pero tamén nola redescobre a nós mesmos»
Raúl Bartolomé e Noelia López falan do novo formato da TVG que leva os famosos a galeguizarse por comarcas: humor, emoción e moita identidade.
Bertín Osborne regresa a Galicia da man de Eva Iglesias para poñerse a proba
Estréase o próximo luns as 22.50 h. na Televisión de Galicia

O equipo gravando con Eva Iglesias e Bertín Osborne.
A miña gran cidade. Corazón galego estréase o próximo luns na Televisión de Galicia (22.50 horas) cun primeiro episodio de luxo. Bertín Osborne regresa a Galicia da man de Eva Iglesias para poñerse a proba. O espazo propón un reto singular: mergullar a celebridades na cultura galega a través experiencias nas que deberán demostrar a súa galeguidade para gañar o seu carné de Corazón Galego. Falamos con Raúl Bartolomé, director do programa, e con Noelia López, directora de produción.
—En que consiste “A miña gran cidade. Corazón galego?
É un programa de entretemento e descubrimento. Collemos a un personaxe coñecido e sometémolo a un proceso de “galeguización total”. Durante seis experiencias inmersivas, aprende costumes, tradicións, palabras e sabores da nosa terra. Ao final, son os veciños e o anfitrión quen deciden se merece o carné de Corazón Galego. É un xogo, pero tamén un retrato da nosa identidade. O programa ensina Galicia aos de fóra, pero tamén nola redescobre a nós mesmos.
—Nesta edición xa non visitamos cidades, senón comarcas. Por que?
Queríamos gañar perspectiva e achegarnos ao país das parroquias, as aldeas e as tradicións vivas. Galicia non se entende sen o seu territorio, e moitas veces é nas comarcas onde latexa a auténtica vida galega. Cada comarca é un mundo. Dunha a outra cambia a fala, os pratos típicos, os oficios, a música… E a poucos quilómetros de distancia. Iso é o que queremos poñer en valor, esa diversidade que nos une.
—O primeiro programa leva a Bertín Osborne e Eva Iglesias ao Salnés. Como foi esa elección?
Era a parella perfecta para arrincar! Xa funcionaran moi ben no programa anterior en Rianxo, así que queriamos afondar nesa química que demostraran en pantalla e ver ata que punto era real o interese de Bertín polo noso país. E vaia, sen facer spoilers, o certo é que sorprendeu a moitos do equipo co que sabía de Galicia. E o Salnés é un lugar espectacular: viño, mar, tradición, música… Durante as experiencias Bertín pasa de campaneiro a adegueiro, acaba facendo unha empanada de millo, sobe a unha batea… E moito máis! Se con iso non te galeguizas, xa non hai remedio. (risas)
—O ton do programa é moi divertido, pero tamén hai unha compoñente divulgativa.
Si, a risa é a porta de entrada. Pero detrás de cada experiencia hai un valor cultural: a toponimia, os oficios, a lingua, a gastronomía, a música tradicional… E o mellor é que o público galego tamén vai aprender cousas. Hai moita Galicia por descubrir, mesmo para nós.
—Que podemos aprender neste primeiro episodio, por exemplo?
A linguaxe do toque das campás, o segredo detrás dos albariños Rías Baixas, a historia detrás dos hórreos, como tocar unha pandeireta…
—Como se preparan esas experiencias?
Cun traballo enorme de documentación e de contacto coa veciñanza. Todo o que aparece é real. Non hai decorado, nin un guión imposto. Son persoas que abren a súa casa e dan o seu tempo. A clave é a autenticidade. O humor xorde só cando as situacións son verdadeiras, como cando ves a Bertín Osborne intentando debullar unha espiga.
—Os convidados saben o que van facer?
Non exactamente. Chegan con algunha pista, pero o groso das experiencias descóbreno sobre a marcha. Para min é a graza do programa.
—Que buscades transmitir co programa?
Orgullo e amor pola nosa identidade, que a xente vexa que ser galego é algo marabilloso, diverso e cheo de matices. Queremos que Galicia se sinta orgullosa de si mesma.
—E despois do Salnés, que nos espera?
Non imos desvelar moito, pero vai haber comarcas de todo tipo: montaña, interior, mar… Galicia convertida nun plató natural. O importante é que quen vexa Corazón Galego se entreteña, aprenda algo e, sobre todo, se sinta máis orgulloso do seu país. Iso xa sería o mellor premio.
- Davila 12/12/2025
- Revés para un desarrollo urbanístico clave en Vigo, al exigir la Xunta un examen ambiental más riguroso
- El BNG urge la compra de Povisa: «Cuando la sanidad se convierte en un negocio, las empresas ven clientes, no pacientes»
- Gadis abrirá un supermercado de casi 2.000 m2 en Policarpo Sanz
- El hombre que intentó quemar viva a su expareja en Vigo: «Fóiseme a olla, prendinlle lume á miña exmoza»
- La Firma Salvia: el innovador método patentado por el Cunqueiro para detectar el deterioro cognitivo años antes que los síntomas
- Davila 13/12/2025
- Salvador Beloso rescata la historia del tranvía de Vigo: «Nos lo arrebataron de manera injusta»