'A MIÑA GRAN CIDADE', SÁBADO ÁS 22.00 H. NA TVG
Ágatha Ruiz de la Prada, fascinada coa muralla de Lugo: «Se vivise aquí pasearía polas mañás e polas tardes»
O programa reencontra a protagonista coa deseñadora local Nora Real: «Foi a primeira en convidarme a facer un desfile en Lugo»

Ágatha Ruiz de la Prada, con Luís Iglesia na praza de abastos de Lugo.
A Televisión de Galicia emite este sábado as 22 horas un novo episodio de A miña gran cidade, con Luís Iglesia como anfitrión e Ágatha Ruiz de la Prada como convidada. O actor lucense quere demostrar que a súa cidade é un lugar no que sempre paga a pena quedar. «A min tócame moito no corazón Lugo», di nada máis comezar. «Un acaba colléndolle afectos a esta cidade onde viviu, onde un se sente». O reto é grande, e o compromiso tamén. «Se non che gusta Lugo, non che gusto eu», avisa antes de iniciar o percorrido.
A deseñadora chega con vaga curiosidade, pero tamén con carácter. «Coñezo pouco Lugo», recoñece, e, ao comezo da conversa co seu anfitrión, non tarda en espetarlle ao actor: «Vasme falar en galego todo o tempo?». Luís Iglesia, entre risas, retruca que «este programa non pensa moito no que convida». O lucense adiántalle o menú de hoxe, ao que ela responde con ilusión: «Encántame o polbo». O anfitrión dálle a razón cunha das súas frases máis lucenses: «O polbo non é comida, é unha relixión». A química comeza a agromar aos poucos, aínda que ela admite o seu temperamento: «Gustoume que, como é actor, ten moita paciencia; eu, como non son actriz, son moi impaciente». Durante o paseo polo centro, o anfitrión reflexiona: «Está ben coñecer a xente tan mediática e poder coñecela no plano persoal».
A primeira parada é a Praza de Abastos, onde Luís Iglesia fala con orgullo do produto local. «Galicia foi perdendo trens ao longo da historia, pero se de algo podemos presumir é de materia prima». Ágatha recoñece que «non é moi de mercados», pero déixase levar pola curiosidade. Entre o rebumbio da xente, Luís comenta divertido: «Camiñar en Lugo con ela é unha bendición, porque en min non se fixa ninguén». A seguinte parada é o Banco dos Segredos, onde a deseñadora non pode evitar sorprenderse. A forma deste longo banco permite comunicarse con discreción mediante borboriños dende un extremo ao outro. «O mellor altavoz do mundo», exclama. Luís lembra tempos pasados,de cando engade «escoitabamos as parellas falar baixiño» e ata se anima a cantarlle a Ágatha. Luís aproveita para falarlle do seu pasado, do internado no que pasou a infancia. Pero se algo destaca deste paseo, como adoita acontecer na cidade, é a muralla. Ágatha queda fascinada: «Paréceme preciosa, se vivise aquí pasearía polas mañás e polas tardes».

Ágatha Ruiz de la Prada e Luís Iglesia paseando por Lugo / FdV
Durante o programa Ágatha non para de mencionar unha tenda moi especial para ela, a dunha clienta -Nora Real- que apostou pola súa marca dende os 80. «Foi a primeira en convidarme a facer un desfile en Lugo», di a deseñadora, que confesa que «o que máis me gustaría no mundo é ver Nora», a dona da tenda. Inqueda, pregunta pola rúa polo paradoiro da famosa tenda de Nora e, para a súa sorpresa, dá co establecemento onde ata hai uns anos estaba a tenda. Luís, curioso polo interese, prepara unha inesperada sorpresa canda o equipo do programa. E chegado o momento da comida, prodúcese o esperado reencontro. Agardando na polbería de Aurora, a vella amiga de Ágatha aparece de sorpresa e comparte un ameno xantar cheo de anécdotas. Á conversa súmase a mesmísima Aurora do Carballiño tamén. «Ágatha é unha institución, unha señora cunha clase e un saber estar que, sen coñecerme de nada, por empatía, convideina e veu a un desfile a Lugo», comenta Nora. «Para min Lugo es ti», confésalle a deseñadora emocionada. O intre é tan íntimo que Luís empeza a pensar que «sobra aquí e é mellor deixalas soas». Luís observa satisfeito como a Ágatha acelerada e brusca do comezo vai abrandándose co paso do día e comenta orgulloso: «Chegou aceleradísima, con ritmo de Madrid, e despois dunha conversa, deses aloumiños na alma… todo colle o ritmo de Lugo». O cambio é evidente e ata a propia Ágatha lle dá a razón ao seu anfitrión, que, en palabras del, conseguiu «baixarlle os biorritmos».
«Es o máis sexy de Lugo, que mo dixo todo o mundo»
No traxecto en furgoneta cara á cuarta experiencia, Noelia Rey pregúntalle á aristócrata pola súa portada en bañador no Hola!, o que considerou un «Tinder pro» polo que recibiu abondosas chamadas de amigas, pero «non me chamou case ningún señor, non me funcionou o Tinder». E, entre risas, confesa que por iso «fai un recordatorio no programa».
Chegan por fin ao paseo do cine, onde Luís reflexiona sobre a importancia emocional que ten para el ese lugar e que lle adicaran no 2021 a Semana do cine. Alí, «entre colegas hai superestrelas, pero tamén moitos currantes, proletarios da actuación», comenta el, ao que Ágatha retruca: «Pero que dis? Se es o máis sexy de Lugo, que mo dixo todo o mundo». Para a cuarta experiencia restan apenas tres minutos no contador, pero pagou a pena: «Cheguei histérica esta mañá e tranquiliceime, será o polbo?», bromea a marquesa. As dúas celebridades comparten un paseo pola beira do Miño ao carón da ponte romana, onde a calma do lugar sorprende a deseñadora. «Está moi limpo o río, que ben que estea así, o río é imbatible», di. Pouco despois, engade: «Marcho cunha idea espectacular, que marabilla o que me está gustando».
Pero o tempo remata logo e Luís implora unha prórroga a Noelia Rey, que concede tres minutos de graza para visitaren as termas romanas, o remate desta aventura de Ágatha Ruiz de la Prada por Lugo canda Luís Iglesia. Tralas catro experiencias, chega o momento da decisión final. Ágatha debe escoller se toma a maleta e queda en Lugo ou marcha co billete de volta a Madrid. Aínda que está de mellor humor que ao comezo, a súa axenda e o seu espírito inquedo fana dubidar máis do que o anfitrión esperaba. A resposta, esta noite, ás 22:00 na TVG.
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Condenan a un supermercado a indemnizar a 76 trabajadores gallegos por practicar «esquirolaje organizativo» durante una huelga
- Fortaleza de Chocolate en Portugal: la tentación más dulce de Valença regresa por Navidad
- Toralla prohíbe los pisos turísticos antes de la apertura de la isla a Vigo
- Oceanográficos tiran «cientos de kilos» de pescado al mar por el veto al quiñón
- Augas alerta al Concello ante el «riesgo de desabastecimiento de más de 400.000 personas» en Vigo
- El Concello de Vilagarcía cierra de manera cautelar un pub de la zona TIR
- La alta demanda para retirar el amianto de construcciones eleva meses la espera