A MIÑA GRAN CIDADE
Belinda Washington, a Gayoso: «Quero quedarme a vivir en Ribadeo para sempre»
A actriz veranea na Mariña Lucense dende hai máis de 20 anos
«Están pensando en poñer na bandeira a cara de Gayoso»
Hoxe, as 22.00 h., na TVG

Belinda Washington regresa a Ribadeo xunto a Gayoso da man de «A miña gran cidade» / Cedidas
Este sábado ás 22:00 chega á Televisión de Galicia unha nova entrega de A miña gran cidade. A actriz e presentadora Belinda Washington regresa á súa querida Mariña lucense para facer de anfitrioa en Ribadeo, e o convidado non podía ser outro que Xosé Ramón Gayoso, o rostro máis emblemático da televisión galega. O reto: convencer o mítico presentador de Luar de quedar a vivir na vila fronteiriza.
«Sen ser galega, son defensora de Galicia, e da Mariña estou tolamente namorada», declara Belinda, emocionada antes de comezar a xornada. A actriz, que se considera xa medio galega despois de dúas décadas vindo á vila mariñá, non oculta a súa paixón pola terra: «Marcho chorando sempre que me vou, esa morriña coñézoa ben».
Gayoso, pola súa banda, confesa que, malia ter raíces na Mariña, Ribadeo era un descoñecido para el. «Unha muller que non é galega vaia descubrirme as lindas paisaxes que temos nesta terra é un logro do programa», admite, entre retranca e curiosidade.
O momento do encontro é puro humor e tenrura. Belinda, entusiasmada, non pode disimular a súa ilusión ao ver a quen chama «unha verdadeira institución galega». Entre sorrisos, a actriz aproveita para sacar unha espiña do corazón: «Gayoso, eu o que quero é ir ao Luar co meu grupo de jazz, pero nunca houbo maneira!». O presentador, entre risas, retruca: «Pois igual hoxe cambiamos iso, quen sabe!».
«Hai que facer honra ao apelido»
A aventura comeza no peirao de Ribadeo, onde embarcan no Santa Clara para percorrer a ría do Eo. O día amence con néboa e algo de poalla, un tempo que tanto Belinda como Gayoso aseguran adorar. «Encántame este tempo, é moi noso», di o presentador.
Durante o traxecto, a actriz explícalle como evitar o mareo facendo «coma as galiñas», mirando ao horizonte e deixándose ir. Ambos acaban cacarexando e imitando o seu movemento coa cabeza, entre risas, «para facer honra ao apelido», apunta Gayoso.
O bo humor dá paso ás confidencias. Belinda propón un brinde con cava e pídelle ao seu convidado que recorde algunha anécdota inesquecible dos seus anos á fronte de Luar. Gayoso non tarda en responder: «Anunciamos a morte do Fary… e o home aínda non morrera!». Belinda non tarda en igualar a lembranza: «Pois eu, cos nervios do directo, cheguei a dar paso á noticia da morte de Lola Flores dicindo “aúpa, Lola!”». Entre gargalladas, brindan pola memoria, pola vida e por Galicia.
«Estou tolamente namorada de Ribadeo, estou desexando virme a vivir xa para sempre. E seguir traballando para Galicia, dígoo de corazón», asegura Belinda, con emoción sincera.
«Quedas abraiado»
Logo da travesía, toca xantar na Confraría de Rinlo, un dos lugares máis queridos pola anfitrioa. Belinda garda unha estreita amizade coa veciñanza e mesmo decorou unha das paredes cun mural dunha balea. «A confraría é como estar na casa, cómese moi ben e aténdente mellor», conta con orgullo.
O menú é un auténtico festín mariñeiro: percebes, cigalas e lumbrigante con arroz caldoso. «Cando ti ves como collen os percebes, entendes por que van tan caros», comenta Gayoso. «Claro, xóganse a vida», engade Belinda.
Durante o xantar, Gayoso fala da súa nai, «unha muller traballadora que chegou a facer Maxisterio, pero daquela, unha vez que casabas, ías para casa». Entre lembranzas familiares e retranca, confesa: «Eu fago unhas tortillas francesas espectaculares». Belinda retruca: «Xa fas máis ca o meu marido, que saca a lasca do xamón cocido da neveira!». As risas volven a ocupar a mesa.
Paseo por Augas Santas
Da man do xeólogo Fran Canosa, pasean pola impresionante praia de Augas Santas, máis coñecida como As Catedrais. Alí explícalles o longo e lento proceso polo que se van creando estas formacións rochosas, que naceron paseniño hai 500 millóns de anos, «cando Galicia estaba próxima ao polo sur», explica Canosa, para sorpresa dos dous comunicadores.
Tamén aproveita para advertir dos riscos de facer montañiñas de pedras nas praias. «Isto non é o xardín de ninguén, é de todos, e hai que deixalo como está».
«Toda a Mariña é un templo ao desfrute e a beleza», di Belinda. «Que? Xa namoraches?», pregúntalle ao seu convidado. «Como non?», contesta Gayoso sorrindo. A fortuna quere que, no seu paseo, topen cun gaiteiro animado que lles pon música a ese momento máxico.
A pegada indiana
Para a última experiencia, pasean polas rúas de Ribadeo, onde crean sensación entre a veciñanza e mesmo se animan a xogar á petanca. O foco da visita está na pegada indiana, da man da guía Ana Pena, que lles amosa a historia da Torre dos Moreno —o primeiro edificio de formigón de Galicia—, con innovacións impensables para a época: elevador, auga corrente, electricidade e mesmo un circuíto de recollida de residuos.
Xuntos aprenden sobre a figura de José Rodríguez Murias, indiano filántropo que costeou a traída de auga de Ribadeo, así como a escola, a fonte e o lavadoiro de Rinlo. «Debémoslle moito a el e a moitos indianos que deron vida económica, social e urbanística a Ribadeo», explica Ana.
Polas rúas é imposible que pasen desapercibidos. Belinda e Gayoso son recibidos con agarimo, selfies e risas. «Están pensando en poñer na bandeira a cara de Gayoso», di ela. «Dubidan entre a vaca e máis eu», retruca o presentador. A xente de Ribadeo, entre aplausos e bromas, cargalles o corazón.
As sorpresas non paran: o colofón chega coa actuación dos Pandeireteiros do Inferno, que os fan bailar e cantar a partes iguais.
A decisión final
Cae a noite e chega o intre da verdade. Gayoso debe escoller: quedar coa maleta en Ribadeo ou marchar co billete de volta. «Teño que pensalo un poquiño», admite. E aínda que un agasallo sorpresa de Belinda consegue emocionalo, a decisión segue no aire.
«Belinda, non te anoxes…», di o coruñés, deixando a intriga servida. A resposta definitiva, este sábado ás 22:00 na TVG.
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- La borrasca Claudia pone a Galicia en alerta por riesgo de inundaciones, fuertes vientos y mala mar
- Condenan a un supermercado a indemnizar a 76 trabajadores gallegos por practicar «esquirolaje organizativo» durante una huelga
- Augas alerta al Concello ante el «riesgo de desabastecimiento de más de 400.000 personas» en Vigo
- Una pareja crea el primer local de alquiler de trasteros de Vilagarcía
- La Xunta mantiene en el aire el disuasorio planeado en la autovía
- Desde Moaña con rumbo a La Martinica
- El mejor centollo de Galicia se va al restaurante preferido del rey emérito