A TVG cumpre 40 anos e avanza unha nova temporada repleta de estreas
“O termómetro”, novo ‘magazine’ das mañás | O ‘prime time’ incorpora a serie “Operación Marea Negra” e espazos como “Quero un xardín”, “Curando o mundo” ou “Pesca total”

Roberto Vilar e o equipo de “Land Rober”, onte, na presentación da tempada da TVG en Vialia. / Adrián Irago
Redacción
A terraza do centro comercial Vialia de Vigo foi escenario onte pola tarde da presentación da nova temporada da programación da Televisión de Galicia, canle que este ano celebra o seu 40 aniversario. Arturo Fernández e Noelia Rey foron os encargados de conducir o especial Cantando as 40, emitido en directo pola plataforma AGalega.gal e que contou coa presenza de diversas celebridades e presentadores da TVG, así como coas actuacións de Ortiga, Xisco Feijóo, Wanila, Christian Pensado, G-Face e a orquestra Cinema, entre outros artistas.
A nova grella de programación, chea de novidades en todos os tramos horarios, seguirá a conceder un lugar primordial a actualidade e aos espazos en directo, pegados á rúa. Así, o Bos días, de 8.00 a 11.00 horas, actuará como despertador con Almudena de Urzáiz á fronte, tomando o relevo ao Galicia por diante da Radio Galega, que se emitirá en directo pola TVG de 7.00 a 8.00 horas.
As noticias máis locais retoman o pulso na franxa de televisión informativa líder en Galicia, con Sevi Martínez á fronte do Galicia noticias, que dará paso ao Telexornal mediodía, presentado por Marta Darriba. A información volve á noite co Telexornal serán cunha das novas caras da canle á súa fronte: o xornalista Pablo Muñoz. Na fin de semana segue o esquema de información en directo. Bos días estará presentado por Chus Tanoira, o Galicia Noticias por Alberto Mancebo, o Telexornal mediodía e serán por Raquel Domínguez e os deportes por Irene Lourido.
Óscar Benito, con Gustavo Varela e todo o equipo seguen unha temporada máis á fronte dos deportes na fin de semana e do decano En xogo; mentres que María Solar e Pilar García Rego traerán todas as novas do eido cultural no multipremiado Zigzag.
A temporada arranca con novidades en todos os tramos horarios. Pola mañá a TVG estrea novo magazine: O termómetro, presentado por Rocío Delgado e Bernardo Montaña. Pola tarde, os espectadores poderán seguir contando no Quen anda aí con Roberto Vilar, Eva Iglesias, Juan Fuentes, Raquel Atanes e Marcial Mouzo e con Rocío Durán e David Espiño en Hora galega. A estes espazos hai que sumarlles novas incorporacións na fin de semana, como o concurso Gaña a túa aldea, que descubrirá quen é o que máis sabe das comarcas de Galicia.
Novidades de prime time
A semana comeza coa estrea da terceira e impactante temporada de Operación Marea Negra na noite dos luns, precedida por Historias de aquí, serie documental sobre acontecementos, personaxes históricos e fitos que deixaron unha pegada imborrable na memoria colectiva dos galegos.
As noites dos martes serán para Quero un xardín (22.30 h), programa en que un equipo de expertos se enfronta ao reto de darlle unha nova vida a espazos verdes que moitas veces semellan irrecuperables. Os mércores volve a música con A liga dos cantantes extraordinarios (22.30 h), que contará cun novo xurado de excepción: Antón Reixa. Os xoves, Land Rober Tunai Show non falla á súa cita en directo con Roberto Vilar, Eva Iglesias e Miguel Canalejo. Os venres seguen sendo para Luar, con Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez no programa de variedades decano da televisión en España.

Xosé Ramón Gayoso, no programa. | // ADRIÁN IRAGO
Bamboleo, o programa máis lingoreteiro da grella, segue nas noites dos sábados con Lucía Regueiro, e os domingos chegan máis novidades da man de Pesca total (22.30 h), en que seis concursantes competirán para converterse en mariñeiros, e Curando o mundo (23.30 h), coas incribles experiencias do médico coruñés Diego González Rivas arredor do mundo, en que aplica a técnica de cirurxía da que é creador e referente mundial.
E antes de todas estas novidades do prime time, o Atrápame se podes, con Paco Lodeiro, seguirá fiel á súa cita. Con Fila 1, o teatro segue presente na TVG e, despois da exitosa estrea a temporada pasada de Somos criminais, Tania Veiras levará os espectadores da Galega por novas creacións escénicas. No xénero da docuficción, chega á TVG un dos formatos de máis éxito da plataforma AGalega.gal: A gran epopea, (sábado, 19:15 h.) unha viaxe pola memoria dos grandes fitos da emigración galega do século pasado. E no espazo divulgativo Din que non falan, as mulleres que son referentes pola súa traxectoria terán un espazo de seu (domingo, 19:15 h.).
Nesta temporada do 40 aniversario haberá aínda máis novidades. A TVG está preparando a produción do concurso reality O salvaxe. Tamén estreará a adaptación do formato da BBC Hit list para ver quen sabe máis de música en Galicia, e unha nova serie de ficción, A coral, con Carlos Blanco na pel do director dunha coral moi especial.
- Se busca por mar y aire a una mujer que se arrojó al agua en Rande
- Adiós a la antigua GEA de Camposancos
- El furor por el Ozempic para adelgazar vacía las farmacias y los gallegos lo buscan en Portugal
- Los buzos de Gardacostas localizan el cuerpo del pescador de Bueu que se cayó al mar desde su dorna
- Los trabajadores gallegos que rechazan un empleo por su «insuficiente salario» se reducen a la mitad en dos años
- Brutal accidente en Meaño, con cinco heridos
- Un hombre que orinaba en la calle en Pontevedra permite localizar un foco de venta de droga en el centro histórico
- Desgracia en el mar de Bueu: hoy se retoma la búsqueda del pescador que cayó de su dorna cuando regresaba a casa