A TVG2 emite hoxe, ás 20.35 horas, un novo capítulo do programa A porta aberta, que nesta ocasión, e baixo o título “A luz para o camiño”, abordará o traballo que desempeña a Asociación Boa Vida Inclusión Activa en axuda de persoas vulnerables ou en risco de exclusión social.

O programa, realizado por Producións Celta para a canle autonómica, contará como invitados con Pepa Vázquez, presidenta do colectivo; Lourdes Bustamante, coordinadora de tendas da asociación; Santiago Ramos, integrador social; e o xornalista Víctor Sariego.

Os espectadores poderán coñecer no programa que hoxe os retos que deben superar as persoas que deveñen vítimas das sociedades modernas, aqueles que por distintos factores non atopan oportunidades para desenvolver con normalidade as súas vidas, e os camiños hacia a igualdade que abre para eles a asociación Boa Vida.

A actuación a curto prazo debe centrarse en accións que minimicen as súas consecuencias e en recuperar para a sociedade ás persoas que debido a estas desigualdades sofren exclusión. As accións que realiza teñen unha repercusión beneficiosa para o conxunto da sociedade, non só para as persoas que precisan da súa axuda. Como colectivo xa debemos considerar un beneficio xeral, reinserir na sociedade a calquera persoa en situación de exclusión, pero ademais a economía circular que propician as actividades de Boa Vida, especialmente nas súas tendas, son un beneficio para o conxunto da cidadanía que debemos apreciar.

Boa Vida conta con tendas de produtos de segunda man en Pontevedra e Vilagarcía, onde traballan persoas en período de integración na sociedade, que tamén traballan nunha horta coa que contan ás aforas de Pontevedra. Ademais estas actividades xeran recursos para a atención ás persoas necesitadas.

O traballo desenvolto en Boa Vida, o que se realiza nas tendas ou no medio rural son, evidentemente, accións materiais que producen beneficios neste sentido necesarios. Pero tamén repercuten en aspectos anímicos, que en moitos casos logran melloras superiores ás materiais. A rehabilitación interior das persoas, a posta en valor dos seus sentimentos, e o aumento da estima, son imprescindibles para restablecerse integralmente como persoa.