Xente Marabillosa chega este domingo 4 de xuño cun sétimo programa centrado nos prexuízos que sofren as persoas que, tras ter superado un cancro, atopan problemas á hora de reincorporarse ao mercado laboral. O pasado ano en Galicia diagnosticáronse 19 932 pacientes de cancro, na súa maioría de colon, próstata, mama e pulmón. A pesar da alta incidencia, cada vez existen diagnósticos máis precoces que permiten que a esperanza de curación aumente e tamén, consecuentemente, que melloren os procesos de recuperación... pero a sociedade non sempre o entende así.

Lucía Rodríguez recibe no estudio de Xente Marabillosa a unha madriña moi especial que leva máis de vinte anos comprometida coa loita contra o cancro: a modelo, presentadora e escritora Paloma Lago, que falará da súa faceta máis solidaria. A presentadora ferrolá colabora coa Asociación Española Contra o Cancro e a Fundación Naru, que precisamente apoia economicamente a persoas que superaron un cancro.

Para denunciar a discriminación dos que pasaron por esta doenza, estréase unha nova entrega da cámara oculta onde unha expaciente oncolóxica lista para volver traballar é cuestionada e desprezada polo novo xerente. Atópase coa desagradable sorpresa de que non a queren volver contratar porque a consideran enferma, a pesar de ter os seus papeis de alta. Esta situación real é o que se recrea esta semana na cámara oculta do programa. Haberá algunha persoa marabillosa que acabe cos prexuízos e a falta de sensibilidade e saia en defensa da protagonista?

Esta cámara oculta, que conta co asesoramento da Asociación Española Contra o Cancro, baséase nesta ocasión na experiencia persoal da coruñesa Carolina Pan, unha coñecida cantante, tiktoker e instagrammer que afrontou o seu diagnóstico, un cancro de mama triplo negativo, difundindo e compartindo a evolución da súa enfermidade a través das redes sociais.

Carolina non só protagoniza a primeira cámara oculta, senón que tamén acompaña a Lucía no control da outra cámara oculta protagonizada pola coñecida actriz Trisha Fernández. A actriz e presentadora de Luar comentará no estudio a súa reacción ante a experiencia vivida. 

Pero a presenza do programa musical e de humor Luar non só é perceptible por esta colaboración da súa presentadora, senón que Xente Marabillosa contará tamén coa actuación musical da incrible Ara Nieto, gañadora da edición de 2022 e unha das voces contemporáneas máis recoñecibles da canción en Galicia.