O programa A porta aberta ofrece hoxe, ás 20.35 horas na TVG2, unha nova entrega baixo o título “Barcos pequenos con alma grande” no que se aborda a historia e o traballo que desenvolve a Asociación de Modelistas Navais de Galicia. O espazo, realizado por Producións Celta para a canle autonómica, conta coa presencia e os testemuños do presidente de colectivo, Juan Olivencia, o seu vicepresidente, Javier Freire, e dous dos seus socios, Ramón Senén e Miguel Calero.

Dirixido e escrito por X.H. Rivadulla Corcón, A porta aberta ten como obxectivo dar a coñecer e por en valor o asociacionismo galego e enxalzar a súa contribución ao progreso da sociedade galega.

Amantes do mar e do patrimonio naval, os integrantes da asociación de modelistas fan verdadeiras marabillas a escala que sorprenden pola súa beleza e realismo, un traballo que ten a súa orixe nas carpintarías de ribeira, onde a maioría dos autores destes pezas artesanais se formaron no oficio.

Esta artesanía, estreitamente ligada á cultura mariñeira, sublima o elemento máis simbólico do mar, o barco, e tamén reivindica o material máis mariñeiro, a madeira, nun tempo de crise para a construción tradicional de embarcacións.

Manufacturar soños

De todo isto falan para o programa da TVG os protagonistas do episodio de hoxe, que conciben a súa minuciosa ocupación como unha maneira de facer realidade un soño. Os que traballaron no mar volvendo a revivir as súas múltiples navegacións, e os que nunca embarcaron soñando con navegar no seu barco a escala dos soños. Semella unha forma fermosa de construír soños. E é tamén unha homenaxe aos homes que construíron os grandes barcos e aos que navegaron neles.

Eles, os modelistas navais galegos, son carpinteiros de ribeira, mesmo se os seus barcos non van ir nunca á pesca do peixe espada, nin ao Gran Sol, nin serán remolcadores traballando nun porto, nin botes onde uns mariñeiros capturen polbos. Con todo, os seus barcos son admirados con fascinación por todos os amantes da cultura do mar. E eles, para facelos, empregan o mesmo entusiasmo que os profesionais da carpintaría de ribeira, facendo que unha árbore siga a converterse nun barco.