“Coa luz do corazón” chega hoxe, ás 19.45 horas na TVG, a súa quinta emisión con “Paseando entre cores”. Nesta ocasión, a protagonista, Corina Mañá, una moza cega de Vigo, afrontará o reto de buscar e aprender a esencia e a beleza da arte. Para elo, contará cunha mestra de excepción, a pintora Menchu Lamas, unha das artistas galegas que máis xoga coas cores para expresar o seu mundo a través do que pinta. As dúas embarcaranse na tarefa de pintar un cadro de gran formato.
Mañá ten unha grande afección ao mundo da pintura pese a que non a pode ver. Sen embargo pode intuila a través dun código simbólico que ela mesma estableceu para sentir o que cada cor expresa. Así, o verde é o vento; o amarelo, o sol; o azul, o mar; o vermello, o calor ou o gris, o frío.
Pero antes de ir traballar ao taller de Menchu, o programa elaborado por Producións Celta para a canle autonómica trasládase ata o Museo MARCO de Vigo para visitar unha exposición de Din Matamoro. Mañá, xunto a Lamas e o presentador e director do espacio, X.H. Rivadulla Corcón, escoitará da voz do propio Matamoro o que expresan os seus cadros como obras que tratan de falar dunha luz atrapada no seu interior que busca liberarse e saír, algo que fascina á protagonista de “Coa luz do corazón” porque ten moito que ver coa súa realidade de persoa cega. Ademais, o autor permite que Corina toque os seus cadros.
Ao rematar a visita á exposición, vanse ao estudio de Menchu Lamas, que comparte co seu marido, o tamén pintor Antón Patiño. Alí traballan xuntas nun lenzo de 2x2 metros e, unha vez máis, a protagonista de “Coa luz do corazón” volve a sorprender ó mundo. Sen ver, consigue seguir o ritmo pictórico de Lamas e entre as dúas establecen unha complicidade creativa coa que van dando forma a un cadro cheo de cor e harmonía espacial.
Mentres crean a obra, una fermosa e suxestiva obra que titularán “Constelación”, Patiño observa o seu traballo e queda sorprendido pola capacidade de Corina para entender o concepto de compensación do cadro xa que é quen de percibir que zonas do lenzo percisan pintarse para compensar o conxunto. Deste xeito, os televidentes podrán comprobar que Mañá se manexa coas cores con decisión e acerto polo que o propio Patiño comenta que se pode sacar a conclusión de que toda a pintura moderna podería estar creada por persoas cegas.
O programa remata cunha entrevista de Rivadulla Corcón a Corina, na que contará a súa experiencia.