Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A realidade das persoas cegas centra o novo programa da TVG “Coa luz do corazón”

Corina Mañá e a súa paixón por voar son as protagonistas do primeiro capítulo, que se emite hoxe ás 19.45 horas coa realización de Producións Celta

Corina Mañá pilota un avión con Claudio Guridi.

Corina Mañá pilota un avión con Claudio Guridi. / Producións Celta

Redacción

Vigo

A TVG estrea hoxe (19.45 horas) un novo programa, “Coa luz do corazón”, que ofrece ós espectadores a posibilidade de coñecer a realidade das persoas cegas. A súa primeira protagonista é Corina Mañá, nacida sen visión e que vivirá un dos seus soños: pilotar un avión.

Encargada pola canle autonómica a Producións Celta e baixo a dirección de X.H. Rivadulla Corcón, cada emisión proporá un reto. Nesta ocasión, Mañá afrontará a proposta de poñerse ós mandos dunha avioneta. Para elo, o programa conta coa colaboración do Real Aeroclub de Santiago de Compostela e do xerente da súa escola de pilotos, Manuel Mira, quen ve posible que a moza cumpra o seu desexo sempre co control rigoroso dun piloto profesional.

Así, Corina trasládase cara ás instalacións do aeroclube en Lavacolla onde falará con Mira do seu soño da voar mentres que o piloto se explicará a súa paixón polos avións. A xoven tamén coñecerá a Brais Gil e Samuel Campañó, que se forman na escola para seren pilotos comerciais. Serán eles dous quen acompañen a Corina a recoñecer a avioneta na que vai voar. Así, os telespectadores poderán comprobar como ela percorre coas súas mans todas as partes da avioneta mentres reciben explicacións do que son e que, así, poida facerse unha idea e comprender, ó seu xeito, como é realmente un aparato deste tipo.

O equipo de "Coa luz do corazón" grava na escola de voo do Real Aeroclub de Santiago.

O equipo de "Coa luz do corazón" grava na escola de voo do Real Aeroclub de Santiago. / Producións Celta

Outro dos protagonistas do capítulo inaugural da serie é Claudio Guridi, piloto de longa experiencia con moitas horas de voo ás costas e que será quen acompañe a Corina no cumprimento do seu soño.

Chega así o momento cume do programa: Corina e Claudio suben á avioneta para emprender o voo. Pero non están sos xa que lles acompaña na emocionante viaxe o director e presentador do programa, Rivadulla Corcón.

Deste xeito, os televidentes poderán emocionarse vendo como Corina, unha persoa cega de nacemento, logra despegar manexando os mandos da avioneta e seguindo escrupulosamente as instruccións de Claudio Guridi. Xa no aire, o programa convírtese nun momento máxico e cheo de entusiasmo.

Así, os pasaxeiros viaxan desde Lavacolla ata a ría de Arousa para regresar ata Santiago vivindo todos unha experiencia única, especial e extraordinaria. Á volta, e tamén grazas ás explicacións de Guridi, a protagonista de “Coa luz do corazón” é quen de levar á avioneta á terra. Corina, en todo momento, segue as indicacións do seu piloto e acompañante e é quen de levar o aparato con soltura e seguridade. O programa remata co presentador facéndolle unha entrevista á moza, na que conta como viviu a experiencia de pilotar.

Tracking Pixel Contents