A segunda canle da TVG estrea esta tarde, ás 18.00 horas, “Grazas á vida”, un novo programa protagonizado por homes e mulleres xa xubilados que percorren as súas vivencias e experiencias vitais. Neste caso, son dous vigueses os que centran o primeiro capítulo: o escritor Antonio García Teijeiro e a veciña do Berbés Loli Hernández.

Encargado pola televisión autonómica a Producións Celta, titúlase “Grazas á poesía e ao lugar de orixe”, está dirixido e escrito por X.H. Rivadulla Corcón e presentado por Noa García, quen axudará ós invitados a descubrir ós telespectadores as súas paixóns e as súas vidas.

A presentadora Noa García, con Loli Hernández e Antonio García Teijeiro. Producións Celta

Loli Hernández, que naceu no barrio vigués do Berbés, formou parte do grupo de música tradicional Cantareiras do Berbés e participa na organización da festa da Reconquista de Vigo. Con ela, os espectadores percorrerán lugares como o restaurante Casa Fernanda que fundou a súa avoa e que ela herdaría como “A Guinda”, a Asociación Veciñal do Casco Vello ou o Parque de Castrelos.

Con Antonio García Teijeiro, un dos máis recoñecidos autores da literatura infantil e xuvenil en galego e Premio Nacional de Poesía Infantil e Xuvenil, visitarán a praia de Samil , onde sigue indo a diario a darse un baño, o pavillón das Travesas, onde xogou ao balonmán, ou a librería Libros para Soñar.