Os protagonistas de Grazas á vida –o novo espazo da Televisión de Galicia que se estrea mañá, ás 18.00 horas, na TVG2– son homes e mulleres que xa pasan da idade de xubilación e que, polo tanto, contan cunha importante carga de experiencia na vida. Da man desta serie realizada por Producións Celta e que conta con Noa García como presentadora, os espectadores coñecerán as súas vidas a través dos lugares máis transcendentes onde estas se desenvolveron.

O espazo –que se emitirá de martes a venres– contará en cada emisión con dous protagonistas, persoas que destacan pola súa destacada traxectoria vital, que percorrerán xuntos os lugares que cada un deles escolleu para contar a súa historia.

Grazas á vida, escrito e dirixido por X. H. Rivadulla Corcón, contará no seu primeiro capítulo co escritor Antonio García Teijeiro, un dos máis recoñecidos autores de literatura infantil e xuvenil en lingua galega, e con Loli Hernández, que formou parte do grupo de música tradicional Cantadeiras do Berbés e participa na organización da festa da Reconquista de Vigo.

Xuntos visitan o lugar onde estaba o restaurante familiar de Loli, Casa Fernanda, lugar frecuentado nos anos 40 por mariñeiros e persoeiros como Urbano Lugrís, Cunqueiro ou Castroverde, a Asociación Veciñal do Casco Vello, á que está vencellada dende sempre, e o parque de Castrelos, onde ten recordos dos seus concertos coas Cantadeiras do Berbés.

García Teijeiro guía a Loli e aos espectadores ata a praia de Samil, o pavillón das Travesas, onde de novo xogou ao balonmán, e a libraría Libros para Soñar.

O programa do mércores contará coa participación de Dolores Tasende, exatleta e unha das deportistas españolas que logrou máis trofeos internacionais e marcas que aínda hoxe non foron superadas. Con ela o espazo da TVG visita a casa onde naceu, na rúa Castro de Elviña da Coruña, a pista de atletismo do estadio de Riazor e o local de ensaio do grupo de teatro ao que pertence a día de hoxe.

Dolores Tasende compartirá este percorrido xunto a Sito Sedes, un destacado músico, exintegrante de Los Satélites, e considerado un dos mellores intérpretes de boleros de toda España. A historia de Sedes iníciase na pensión da rúa Barrera na que viviu cando chegou á Coruña dende Sillobre cando era novo, o local de ensaio da orquestra Los Satélites e a igrexa de San Nicolás de Bari, preto de María Pita, onde encontra refuxio.

O terceiro programa da semana, o xoves, descobre os lugares máis importantes para Lidia Raposo, histórica hostaleira viguesa, fundadora xunto ao seu marido de O Barril, local recoñecido polas súas empanadillas, e Simeón López, comercial da automoción agora xa xubilado que atopou na bricolaxe caseira e na reparación de aparellos eléctricos un bo modo de pasar o tempo tras a súa xubilación.

Lidia inicia o seu percorrido no Colimar, o primeiro bar que tivo a familia cando chegaron a Vigo; egue por A Tapa do Barril, negocio herdeiro daquel O Barril que acadou fama polas súas empanadillas; e termina en Praia América. Simeón leva ao programa ata o seu taller, o concesionario Seat no que empezou a traballar con 16 anos e Panxón, lugar de veraneo da familia.

Palmira Acuña e Manolo Martínez, propietarios de Casa Acuña, na Illa de Ons, contan a súa historia o venres a través da casa familiar da muller, a escola unitaria e o restaurante, tamén se achegarán á praia de Menduiña, a casa actual do matrimonio en Cangas e o Centro Social do Mar en Bueu.

Reemisións

Por outra banda, dous dos programas de Producións Celta volverán a emitirse de luns a venres a partir de mañá na TVG2, ás 14 horas. Trátase da serie Náufragos,sobre históricos accidentes marítimos, e Ribeiras de salitre, que se emitirá á mesma hora unha vez remate a emisión de todos os capítulos da anterior.