A porta aberta, o programa de Producións Celta para a TVG que busca dar visibilidade ao traballo do movemento asociativo de Galicia, comeza hoxe a semana cunha emisión (TVG2, 21.30 horas) adicada á Confederación Intersindical Galega (CIG), un sindicato de larga tradición e o de maior implantación entre a clase obreira galega.

Fronte as cámaras, o espazo senta a Paulo Carril, secretario xeral do sindicato, Susana Méndez, secretaria de Organización, Francisco González, secretario confederal de Emprego, e Nicolasa Castro, secretaria comarcal das Mulleres. Cos seus testemuños, o programa –escrito e dirixido por X.H. Rivadulla Corcón– perfila o papel esencial que os sindicatos cumpren nas sociedades democráticas e o que en concreto desenvolve a CIG no eido laboral en Galicia.

O programa, que se emite de luns a venres na canle segunda da televisión autonómica, cambia mañá martes de hora, pasando a emitirse ás 21.00 horas. Nesta ocasión porá o foco sobre a Asociación Galega de Carpintaría de Ribeira (Agalcari), un colectivo de artesáns de alta cualificación que se adican á construción de barcos e que manteñen vivo un oficio tradicional esencial para as vilas mariñeiras.

Os encargados de contar para o programa as particularidades deste oficio son o presidente de Agalcari, Ramón Collazo, o vicepresidente, Jose Garrido, e dous vogais da asociación, Gerardo Triñanes e Francisco Fra, todos eles carpinteiros de ribeira que falan con paixón do seu traballo.

A Confederación de Persoas con Discapacidade (Cogami) centra a emisión do mércores, titulada “Un mundo para todos”. Esta entidade, que ten como fin principal lograr o maior grado de integración social e laboral das persoas con discapacidade, contribúe a acadar unha Galicia máis xusta e igualitaria.

Para A porta aberta falan o seu presidente, Anxo Queiruga, o coordinador do centro Cogami en Mos, Celso Álvarez, a responsable da área xurídica, María Jesús Pérez, e a directora de negocio de Galega de Economía Social (GES) –matriz dun grupo de empresas de economía social participada por Cogami–, Rosa Gutérrez.

“Para ler o país” é o título do capítulo deste xoves, que protagoniza a Asociación Galega de Editoras. O sector editorial traballa porque a pervivencia dos libros faga que a nosa identidade se proxecte no futuro e siga vixente e atopa a clave deste labor en conseguir lectores en lingua galega.

Neste esforzo diario se atopan un bo feixe de empresas editoras que no espazo da TVG estarán representadas por Henrique Alvarellos, presidente da asociación e director de Alvarellos Editora; Francisco Castro, vogal e director da Editorial Galaxia; e Ana Guerra, vicepresidenta e directora de Edicións Obradoiro-Santillana.

A porta aberta remata a semana o venres da man da Asociación de Altas Capacidades de Galicia, unha entidade que pon en contacto a profesionais e familias de persoas con altas capacidades para ofrecer recursos que melloren a realidade cotiá deste colectivo non sempre ben comprendido pola sociedade.

O presidente da asociación, Javier Ares, participa no programa canda a súa vicepresidenta, Belén Baamonde, a profesora de Psicoloxía e directora da Unidade de Atención Educativa de Altas Capacidades da USC, Teresa Sánchez, e a psicóloga Miriam Fernández.