“Caderno de bitácora” achégase hoxe ata Fisterra para coñecer o oficio da captura do longueirón. Para elo, fala con Agustín Traba, un home dunha paixón sen límites polo mar. Así, a TVG emite ás 10.55 horas o capítulo “Agustín Traba, “Tinito”. O mar e a vida, unha mesma cousa”, realizado por Producións Celta para a canle autonómica baixo a dirección e presentación de X.H. Rivadulla Corcón.

O programa rende homenaxe a este traballador do mar, un dos mergulladores pioneiros na recollida do bivalvo, para o que fala co seu irmán Guillermo, coa súa irmá e cantautora Laura e co seu amigo Pepe Domínguez, que foi patrón maior de Corcubión máis de vinte anos. Así, o espectador coñecerá que Tinito comezou moi novo a traballar no mar e con 17 anos marchou á pesca de altura. Foi ó seu regreso cando empezou a capturar longueirón na Costa da Morte.

Sobreviviu a tres naufraxios e nun deles estivo 21 horas no mar ata que foi rescatado a 14 millas do cabo de Fisterra. Di que lle debe a vida ao Santo Cristo porque se salvou gracias a súa fe nel. Agora xa retirado sae xunto co seu amigo Pepe a pescar na lancha da sétima lista de Tinito xa que, como el mesmo recoñece, leva “salitre nas veas”.

Ademais, “Caderno de bitácora” mostra que falar con Tinito é vivir aventuras porque sempre está a relatar aventuras, ás veces épicas e outras, de andar por casa. Pero sempre desde o seu corazón xeneroso. Por iso, o programa réndelle unha emotiva homenaxe coa compañía da súa familia e os seus amigos.

O equipo gravando a Óscar Fernández. Producións Celta

Por outra banda, a TVG emite mañá, ás 11.50 horas, unha nova entrega de “Náufragos”. Titulado “Marea negra contra as ilusións”, o capítulo lembra o afundimento do Mar Exeo o 3 de decembro de 1992 provocando una marea negra que non so foi unha catásfrofe económica, senón tamén sentimental porque moitas familias viron en perigo a súa forma de vida tradicional.

Realizado tamén por Producións Celta para a canle autonómica baixo a dirección de X.H. Rivadulla Corcón, a emisión recolle os testemuños de Óscar Fernández, percebeiro e membro da Cruz Vermella do Mar que rescatou con vida aos 28 tripulantes do Mar Exeo.

Tamén recaba as lembranzas de Mery Álvarez, peixeira da Praza de Abastos Eusebio da Guarda de A Coruña; de Miguel Fernández e Santiago Sendón, mariscadores de Ferrol, ou de Antonio Caridad, traballador da lonxa de A Coruña. Todos relatan no programa as súas inquedanzas, temores e sensacións vividas no momento dun sinistro que marcou as súas vidas para sempre.