"Caderno de bitácora" viaxa mañá venres ata a ría do Barqueiro para coñecer o labor das mariscadoras que viron na ostra rizada, unha especie invasora en augas galegas, unha oportunidade. Baixo o título “Sentir o latexo das rochas mariñas”, a TVG emite ás 10.50 horas un capítulo que se centra na historia de Isabel Rodríguez, que foi presidenta da agrupación de mariscadoras desta ría nun momento crucial.

No programa, realizado por Producións Celta para a canle autonómica baixo a dirección e presentación de X.H. Rivadulla Corcón, Isabel Rodríguez fai memoria dos tempos complicados que viviron cando a ostra rizada colonizou os bancos de ameixa e acabou así co principal recurso das mariscadoras do Barqueiro.

A protagonista, xunto con outras mulleres como Cristina Trasancos ou Fina Murias, convenceu as súas compañeiras para dar a volta ao problema e empezar a explotar o novo recurso, logrando así a supervivencia dun oficio ameazado.

Isabel foi mariscadora a maior parte da súa vida, e sempre exercendo o oficio na Ría do Barqueiro, pero non foi unha mariscadora máis, ela destacou porque traballou con constancia e valentía polo colectivo. Hoxe as mariscadoras do Barqueiro, que seguen e seguiran tendo un traballo esforzado, melloraron a súa situación, e foi esforzo de todas pero Isabel foi que guiou o navegar para conseguilo.

“Náufragos”

Por outra banda, a TVG emite o sábado, ás 11.50 horas, “No tempo da ilusión”, un novo capítulo do programa "Náufragos", realizado tamén por Producións Celta para a canle autonómica coa dirección de X.H. Rivadulla Corcón.

Na emisión desta semana, o espazo da TVG aborda o afundimento do “Villa San Nicolás” o 18 de xaneiro de 1990 en Aguiño. No barco, con base en Burela e armador de Tapia de Casariego, ían doce homes rumbo ás Azores para a pesca do peixe espada, sete deles veciños de Fisterra.

Na travesía, a dúas millas de Punta Couso, preto de Aguiño, o barco tocou fondo e foi a pique, dando tempo a que todos os mariñeiros foran rescatados.

O programa conta co testemuño de dous daqueles mariñeiros, Luis López e Juan Carlos López, do patrón maior de Fisterra, Manolete Martínez, e de Alexandre Nerium, poeta e guía do Museo da Pesca de Fisterra.