O programa Caderno de bitácora cítase hoxe en Fisterra con Alexandre Nerium, mariñeiro, poeta e impulsor dun Museo da Pesca no que hoxe, xa retirado do mar, fai labores de guía. Baixo o título “A realidade dun mar lírico”, o espazo, que se emite hoxe, ás 10.40 horas, na TVG, achégase á historia persoal dun home que sentiu o traballo no mar como expresión poética do mundo e que atopa na poesía unha vía para cantar a ese mar bravo e a tarefa esforzada dos mariñeiros.

A historia de Nerium é en realidade a de Manuel Martínez, que canaliza a través do pseudónimo as súas inquedanzas culturais. Este mariñeiro e poeta acadou de novo unha ampla formación académica –fixo estudos universitarios ainda que non os rematou– antes de decidir seguir os pasos do pai, primeiro na pesca de baixura e, máis tarde, como mergullador na procura de longueirón.

O programa, elaborado para a canle autonómica por Producións Celta baixo a dirección en presentación de X.H. Rivadulla Corcón, debulla a biografía do protagonista mediante o seu propio testimonio, completado polas voces do seu sobriño Luis López, so seis anos menor que Manuel e tamén mergullador, e de Modesto Fraga, que di sentirse discípulo de Alexandre Nerium tanto no poético como no vital.

Para Manuel Martínez o mar é o referente total dende os tempos en que, de neno, ía traballar co seu pai. Tamén ocupa un lugar central a temática mariña no seu desempeño literario como Alexandre Nerium, nome que figura entre os integrantes do Batallón Literario da Costa da Morte, do que forman parte, entre outros, nomes como Miro Villar, Rafa Vilar, Marilar Aleixandre ou Paco Souto.

Xa retirado do mar foi impulsor do Museo da Pesca de Fisterra no que a día de hoxe realiza labores de guía convertido nun dos grandes expertos da cultura mariñeira en Galicia.

Nerium é, sobre todo, un sabio do mar querido e respectado en Fisterra. Home de fraternidades, sempre na procura de quen queira compartir un camiño ou unha navegación.

"Náufragos"

Se ben é certo que a bravura do mar inspira aos poetas, non se pode esquecer que, fundamentalmente, marca as vidas dos que se enfrontan arreo as súas ondas. Este é o caso de Eli Campos, a percebeira de Oia cuxa historia centra a emisión de mañá do programa Náufragos (TVG, 11.50 horas).

O programa, tamén dirixido e presentado por Rivadulla Corcón para Producións Celta, viaxa no tempo ata o mes de xaneiro de 2018 para revivir xunto a Eli Campos a xornada na que un golpe de mar lle danou gravemente un xeonllo que lle quedara atrapado entre as rochas e un segundo accidente, catro meses despois, no que se viu arrastrada polo mar xunto a súa nai. Aínda que ambas salvaron a vida, Eli no puido volver sair ao mar.

O capítulo de hoxe, que leva por título “Ao arrincar a vida nas rochas”, é un relato do sacrificio persoal da súa protagonista, pero tamén unha homenaxe aos percebeiros e ao duro traballo que fan.