O programa da TVG “Caderno de Bitácora”, dirixido, escrito e presentado por X. H. Rivadulla Corcón, desprázase hoxe a Noia para pasar a xornada con Félix González, o gardián da memoria da Ría de Muros-Noia e da cultura mariñeira. O convidado foi capitán de altura faenando en todos os océanos do planeta, e impulsor do Museo do Mar de Noia, unha creación colectiva pero á que el dotou coa súa personalidade.

Durante o programa imos coñecer a variada vida de Félix, iniciándose con 9 anos ao marisqueo e chegando a dirixir unha factoría pesqueira en Namibia. Van axudar a coñecer a súa vida e a darlle unha emotiva sorpresa o seu irmá máis pequeno, Juan Carlos González, e a súa amiga Liliana Solís, bióloga da Confraría de Noia.

Félix González con 18 anos embarcou na pesca de altura, compaxinando o traballo cos estudos ata facerse capitán de altura. Na súa época en activo foi un dos capitáns de altura máis destacados de toda a flota galega no mundo, con fitos como a dirección da flota da empresa Freiremar en Namibia. Onde tamén foi director xeral dunha fábrica de elaborado de peixe, que deu traballo a seiscentas persoas. Cando deixou o mar dedicou todos os seus esforzos a preservar e divulgar a memoria do mar, con especial atención á cultura mariñeira da Ría de Muros-Noia. Primeiro coa creación da Asociación Mar de Noia, que foi o xerme do Museo do Mar de Noia, que el dirixe.

Camiñar polo casco antigo de Noia é en si mesmo unha experiencia para os sentidos, pero facelo na compañía de Félix González é acadar un grado máis nesta experiencia, porque el coñece a fonda a historia de Noia e das súas rúas, especialmente a historia mariñeira.

“Náufragos”

Por outra banda, o programa “Náufragos” da TVG, ofrece mañá (11.50 h) o capítulo titulado “O naufraxio dunha comarca” no que aborda a traxedia do Casón.

O Casón era un barco de bandeira Panameña, con tripulación chinesa, que transportaba dez mil toneladas de produtos químicos altamente inflamables. O 5 de decembro de 1987 a 5 millas do cabo A Nave en Fisterra produciuse un incendio abordo e a tripulación abandonou o barco, tirándose ao mar. O barco acabou embarrancando na punta do Castelo na paria do Rostro de Fisterra. Dos seus trinta e un tripulantes só oito lograron salvarse.