A TVG emite hoxe, ás 10.50 horas, o capítulo “Julio Alonso, habitar nas ondas do mar de Vigo” no que dá a coñecer a vida e o traballo do que foi patrón maior da Confraría de Pescadores de Vigo. Elaborado por Producións Celta para a canle autonómica baixo a dirección e presentación de X.H. Rivadulla Corcón, o programa explicará a paixón de Julio Alonso polo mar e por un oficio que sempre desempeñou en augas de cidade olívica.

Alonso é un home de mar e o mundo da pesca de baixura levouno a ser un dos patróns máis recordados na ría de Vigo, onde exerceu o cargo durante catro anos sendo tamén vicepatrón durante unha década. Agora traballa na nasa do polbo pero tamén se adicou a outras artes, incluso indo ó marisqueo e ó percebe.

Os espectadores verán que a paixón de Julio polo mar é moi especial e humana porque o mar, que foi o sustento da súa vida levoulle ó seu fillo Borja nun naufraxio e nunha traxedia de dimensións difíciles de establecer. Rivadulla Corcón fala con el nunha conversa na que Alonso amosa un saber mariñeiro profundo. Parte da entrevista ten lugar no porto de Bouzas, onde atraca o seu barco despois de que tamén amarrara alí o do seu pai. Julio lembra que este lugar é, probablemente, o espacio onde máis horas pasou na súa vida.

Polo seu traballo e pola súa importancia para o oficio do mar en Vigo, “Caderno de bitácora” réndelle homenaxe coa axuda da súa muller, Verónica Cazorla, e da súa nora, Vanessa Arias. Ámbalas dúas traballan no barco de Julio, “Alba María Alonso” como unha das patronas e como mariñeira, respectivamente.

Andrés Neira, fillo dun dos falecidos no "Flor da Marola", no programa Náufragos. Producións Celta

Por outra banda, a TVG programa maña “Sobre as madeiras da Marola”, o capítulo 31 de “Náufragos”. Realizado tamén por Producións Celta para a canle galega e con X.H. Rivadulla Corcón ao fronte, aborda o naufraxio do “Flor da Marola” na entrada da ría de A Coruña, o 3 de febreiro de 1976. No suceso pereceron Juan Gómez, Andrés Rodríguez e Andrés Neira, mentras que Manuel Neira se convertiu no único supervivente.

Rivadulla Corcón fala co fillo de Andrés Neira, que leva o nome do seu pai; coa sobriña de Andrés Rodríguez, María de los Ángeles García; coa filla do supervivente, María Dolores Neira, e coa neta de Juan Gómez, Montserrat Méndez. Todos eles falan do día do naufraxio, os seus sentimentos e contan as súas lembranzas. Ningún deles esqueceu a traxedia, pero todos eles tiveron que seguir coa súa vida pese a dor.