A TVG emite mañá (11.50 horas) un novo capítulo de “Náufragos” no que aborda o afundimiento do “Silvosa” na madrugada do 20 de decembro de 2018 en Malpica. Os mariñeiros José Manuel Pardo, Miguel Ángel Taibo, José Manuel Ruibal e o patrón, José Ángel Sanjurjo, iniciaban a xornada de traballo cando unha corrente nas comportas da dársena levou o barco a bater contra o peirao. Os tres tripulantes puideron saltar pero ao patrón non lle deu tempo.

Así o aborda esta emisión encargada pola canle autonómica a Producións Celta e dirixida e presentada por X.H. Rivadulla Corcón, quen fala con familiares e amigos. A súa nai, Ángeles Láuzara fala do duro que é perder a un fillo e as rutinas que seguía cada vez que saía ao mar. Tamén conta as súas sensacións a tía de José Ángel, Emilia Láuzara, que lembra como se enterou da nova.

Rivadulla Corcón tamén fala con Pedro Pérez, patrón maior de Malpica, quen lembra a súa sensación cando soubo que o accidente ocurrira nas portas da dársena. Asimesmo aparece no programa José Antonio García, o rescatador do corpo do náufrago. “Chamáronme por teléfono. Eu dedícome a traballar cos barcos e sempre estou operativo pero parece que foi o demo e xustamente ese día apagóuseme o móbil e timbráronme á porta da casa. Estaba na cama durmindo e cando te chaman á porta da casa a esas horas xa dis aquí algo malo pasou”, relata. Tras ter que agardar pola orde xudicial, xunto cun rapaz chamado Marcos, puideron rescatar o corpo de José Ángel.

O presentador X.H.Rivadulla Corcón fala con Manolo Vázquez en Portosín. Producións Celta

Por outra banda, a TVG emite hoxe ((10.30 horas) o capítulo “Manolo Vázquez. Cando o ritmo das ondas é o ritmo da vida” de “Caderno de bitácora”. Nesta ocasión, o programa elaborado por Producións Celta para a canle autonómica viaxa ata Portosín para coñecer a este patrón de cerco, mariñeiro e aventureiro.

Tamén con Rivadulla Corcón ao frente, fala cun dos seus mellores amigos, Jorge Rodríguez, e tamén coa súa filla, Inés Vázquez, que traballa de redeira para o barco do pai.

Manolo Vázquez empezou de neno a traballar limpando a bodega das tarrafas de Portosín, e de mariñeiro propiamente empezou co seu pai. Pero a súa alma aventureira levouno aos 32 años a comprar un barco no porto de Ribeira, o “Titán”. Tamén foi patrón maior de Portosín, en diferentes etapas. Agora, xa retirado segue a ser un referente para o sector, en Portosín, e en toda Galicia. Por iso o programa réndelle homenaxe.