“O clan das mariñeiras” recala este domingo en Portosín para dar a coñecer o traballo das súas redeiras. Baixo o título “O soño de Rosa Pardo”, o programa da TVG (que se emite ás 11.50 horas) terá como protagonista a unha muller de mar que, como case todas, divide a súa xornada entre o coidado dos seus e a súa actividade profesional.

Realizado por Producións Celta por encargo da canle autonómica, o director e presentador do espazo, X. H. Rivadulla Corcón, acompaña a Rosa Pardo para coñecer a súa vida cotiá e descubrir o que agocha esa imaxe tradicional das mulleres reparando as redes nos portos. Detrás está a realidade de mulleres que gardan unha enorme sabedoría sobre as artes de pesca e tamén a loita por dignificar un oficio nos aspectos económicos.

Rosa Pardo defínese como muller de mar, tamén como nai de dous fillos, Xoel, de sete anos, e Unai, de tres, aos que prepara cada mañá para ir ao cole antes de encamiñarse á nave de redeiras de Portosín, onde comparte o seu labor con outras mulleres coma ela.

As redeiras traballan para barcos distintos, pero o seu traballo non é solitario: todas elas comparten xornada, inquedanzas laborais e tamén vitais, que se misturan cun esforzo compartido na procura de melloras das condicións do oficio acordes ao século XXI.

Durante a emisión de hoxe, a Rosa vai axudala a súa amiga Chus, con quen vai armar un aparello, nun xesto simbólico de unión que pode extenderse a todas as redeiras de Galicia.

A vida familiar e laboral son partes inseparables na vida de Rosa, que despois do traballo vai procurar aos seus fillos que están canda avoa, para voltar a casa co pai de familia e terminar o día todos xuntos.

Rosa, ademáis do seu traballo no porto é secretaria da asociación de redeiras, posto dende o que loita para mellorar as condicións materiais do oficio e tamén para dignificar un traballo imprescindible para a pesca e non sempre ben tratado.