“Caderno de bitácora” regresa hoxe á grella da TVG (10.55 horas) con capítulo “Socorro Cacabelos, “Meis”, un universo emocional nas pequenas cunchas”. Dirixido e presentado por X. H. Rivadulla Corcón, é un traballo de Producións Celta para a canle autonómica que, nesta ocasión, vai ata O Grove para coñecer o traballo de artesanía realizado con cunchas.

Para dar a conocer esta labor, o programa fala con Socorro Cacabelos, “Meis”, que soubo ver que os colares de O Grove podían ser pezas de alta xoiería, e fixo evolucionar esta arte ancestral das mulleres mariñas da zona. Ela é unha das mestras neste labor, que ensinou á súa filla, herdeira da súa habilidade e intelixencia coa maxia das cunchas: Montse Betanzos. Rivadulla Corcón tamén falará con Pepita Prol, colareira da vella escola, que coñece todos os segredos do oficio, e viviu épocas moi distintas para esta arte. E coas dúas, xunto ós amigos e resto da familia, o programa organiza unha homenaxe a Meis.

"Meis" fixo evolucionar esta arte ancestral das mulleres mariñas de O Grove e soubo ver que podían ser pezas de alta xoiería

“Cadeno de bitácora” amosará como Pepita Prol e Meis son amigas dende sempre, e compartiron moitos soños e ilusión. Traballaron xuntas no marisqueo e xuntas lograron dotar de dignidade aos colares de O Grove, elevar a súa condición a xoias mariñas, pezas salgadas de alta xoiería. Pola súa banda, Montse Betanzos estivo entre cunchas dende nena, coa súa avoa e a súa nai. A pesares de que inicialmente buscou outra saída laboral, Montse volveu a súa orixe e a forza desa orixe, que representa a súa nai, propiciou un renacer nesta arte cos seus deseños.

“O soño de Rosa Soneira”

Por outra banda, a TVG emite mañá, ás 11.50 horas, o capítulo 19 de “O clan das mariñeiras” que, baixo o título “O soño de Rosa Soneira, peixeira de ventos optimistas” achégase ata Muxía para coñecer a esta muller, peixeira ambulante. Elaborado por Producións Celta para a canle autonómica, X.H. Rivadulla Corcón dirixe unha emisión que segue o día a día de Rosa.

Rosa Soneira con Josecho Martínez. Producións Celta

Así, vese como prepara o posto no que vende o peixe que pesca o seu home, Josecho Martínez, co que a frescura está totalmente garantizada. O traballo das peixeiras representa moi ben a realidade dun país en transición, permanentemente construíndose. O seu oficio baséase nunha tradición ancestral, pero sabe adaptarse ás novas formas de relación entre as persoas. A forma de comunicar inclúe os avances tecnolóxicos.

Rosa é unha muller que crea fraternidade. Tódolos días de mercado é un ritual o café co señor Ruíz, que veu de Melilla a instalarse en Muxía, para vivir na vila mariñeira o seu tempo de xubilación, e con Rebeca que é de Carballo e ben a Muxía co seu posto de churros. Así evoluciona un programa que rende homenaxe a Rosa Soneira.